CIG-Ensino lamenta que o alcalde de Santiago ‘frivolice’ sobre a situación do persoal da Escola de Música

Exixe que se lle dea unha saída que permita desconvocar a folga

Compostela -

A CIG-Ensino lamenta que o alcalde de Santiago “frivolice” sobre a situación laboral do persoal da Escola Municipal de Música en lugar de darlle unha solución inmediata ao seu futuro laboral. O seu responsábel comarcal, Rubén F. Monteagudo, agarda que este mércores o Concello de Santiago lle dea unha saída definitiva aos 24 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música que permita desconvocar a folga indefinida, “que é o que lle gustaría a todo mundo”. Sinala ademais que “non é admisíbel que un goberno municipal queira dar leccións cando ten un servizo privatizado que non ten intención de remunicipalizar”.

Rubén F. Monteagudo lamenta que o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, faga comentarios fóra de lugar arredor do conflito laboral que lle afecta a todo o persoal da EMM. “Como é posíbel que se vexan escuros intereses político-sindicais nunha situación de extrema gravidade, que leva a que a 30 de xuño 24 persoas se van ir á rúa?”, indica.

A isto engade que “os traballadores e traballadoras, de forma totalmente consensuada, están exercendo o seu dereito a reclamar a continuidade nos seus postos de traballo ante o previsíbel cambio de empresa concesionaria. Durante os últimos meses o Concello de Santiago, nomeadamente o departamento de Educación, actuou con deixadez e pouca eficiencia neste asunto, o que provocou que se chegara a esta situación de inestabilidade laboral e de incerteza total da comunidade educativa da EMM arredor do mantemento do proxecto educativo”.

Asemblea de traballadoras/es

Os traballadores e traballadoras celebrarán mañá unha asemblea de cara á reunión que teñen prevista no Concello o próximo mércores na que agardan que os responsábeis municipais lles presenten unha solución á súa situación laboral. Unha solución favorábel e definitiva que lles permita desconvocar a folga indefinida que neses intres manteñen para o vindeiro luns día 21.

Pola súa banda, a CIG-Ensino apoia todas as accións de apoio que están a producirse arredor deste conflito, como é o caso da concentración que está prevista mañá ás 19 horas na Praza do Obradoiro e que está organizada polos pais e nais do alumnado que asiste á EMM.

Peche no concello

Delegados e delegadas da CIG-Ensino, xunto co persoal da Escola Municipal de Música, xa protagonizaron un peche no concello de Santiago hai unha semana cando, tras coñecer que a única empresa que optaba ao concurso para xestionar este centro non incluíu no seu expediente a subrogación dos 24 empregados e empregadas actuais.

Confirmábanse así os temores do profesorado e do persoal de administración e servizos que nas últimas semanas viñan manifestando a súa preocupación polas consecuencias que podería traer para o seu futuro laboral a nova adxudicación do contrato deste servizo.

A CIG-Ensino, como sindicato que ten a representación sindical neste centro, xa mantivera varias reunións co concelleiro de Educación Manuel Dios por este motivo, nas cales se comprometera por escrito a garantir a subrogación de todos os postos de traballo nas mesmas condicións e convenio actuais.

Porén, cando se abriu o sobre –o pasado martes día 8-  correspondente á proposta da única empresa que se presentou ao concurso non aparecía recollida esta cláusula.

A este respecto, o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Fernández, lembraba que “hai persoas, algunhas cunha antigüidade de 15 anos neste centro, que non saben que vai pasar coa súa situación laboral a dous mese e demandaba do Concello de Santiago que atopara unha solución que permita desbloquear este conflito á maior brevidade posíbel “porque hai 24 familias que non poden ser reféns dunha situación da que non son para nada culpábeis e que se ten que resolver canto antes pola vía da negociación entre o goberno municipal e a nova empresa adxudicataria”.

Os traballadores e traballadoras tamén anularon o festival de música e movemento que tiñan previsto celebrar ese mesmo día e o mércores no Auditorio Abanca.

Volver