CIG-Ensino exixe diante de Educación a inmediata convocatoria de oposicións

Denuncia que o PP utiliza as/os opositoras/es para forzar á oposición a aprobar os Orzamentos Xerais do Estado
Nacional - 15 Mar 2017

A CIG-Ensino demandou esta mañá, cunha concentración diante da consellaría de Educación, a inmediata convocatoria de oposicións para rematar coa “inseguridade” e “incertidume” na que se atopan as e os opositores. Denunciou que, en todo caso, a oferta de emprego públigo proposta por Educación é insuficiente para satisfacer ás necesidades do sistema educativo galego e a “provisionalidade” e precariedade que sofren as e os interinos.

No decurso da concentración, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou a “actuación errática” da Consellaría de Educación e  o “atropelo” que supón que, a estas alturas, non estean aínda convocadas as oposicións. Unha actitude que cualificou de “indecente e perversa”, na medida en que non hai ningún impedimento legal para que se poidan levar a cabo.

Ao seu entender, o goberno galego “está actuando de maneira submisa e ao mandato do Partido Popular”, xa que se pretende “xogar cos opositores e opositoras como moeda de cambio para intentar obter o apoio maioritario para poder aprobar os Orzamentos Xerais do Estado”.

Así, acusou de “total vasalaxe” tanto á Consellaría de Educación como ao propio presidente da Xunta, por non actuar como Goberno galego convocando as oposicións o máis axiña posíbel e rematando coa incertidume e inseguridade na que se atopan as persoas que as están preparando. Por iso asegurou que “a CIG-Ensino non vai, baixo ningún concepto, aceptar que se utilicen como arma arroxadiza”.

Louzao subliñou que si hai territorios no Estado español onde os gobernos actúan como tal e puxo como exemplo a Euskadi, onde xa saíron as oposicións publicadas no seu diario oficial.

Xunto a isto denunciou que a posición da consellaría de non convocar oposicións suporía “incrementar a provisionalidade e a interinidade e, en consecuencia, a precariedade, o que ten consecuencias directas na calidade do ensino e na estabilización dos cadros de persoal nos propios centros”.

Oferta insuficiente

Con todo, o secretario nacional da CIG-Ensino, considerou que Educación tamén está aproveitando a polémica suscitada arredor da convocatoria ou non de oposicións para agochar a raquítica oferta de emprego que se pretende facer.

Neste sentido asegurou que “nos últimos seis anos xubiláronse máis de 5.000 profesores e profesoras e que, porén, a suma da ofertas de emprego destes seis anos non superaron os 2.000 prazas”. Por iso afirmou que “é totalmente insuficiente e non satisfai as necesidades educativas dos centros, que veñen demandando desde hai anos máis profesorado. Unha cuestión que foi fonte de conflito permanente coa consellaría”.

Ademais advertiu de que para a consellaría esta “tamén sería unha oportunidade para amortizar certas prazas”. A este respecto explicou que as  prazas que non son de funcionarios de carreira pódense suprimir con moita máis facilidade e que ao non convocar ou convocar prazas insuficientes Educación “ten un abano de profesorado interino moito máis amplo co que pode xogar ao seu antollo”.