CIG-Ensino denuncia que a única novidade para este curso é “o reforzo propagandístico nunha administración baleira de iniciativas”

Autobombo e mentiras: o “camiño novo” anunciado pola Consellaría é o continuísmo das vellas políticas
Nacional - 05 Set 2024

A Consellaría de Educación comezou este curso escolar “cun desaforado intento de vender como novidosa o que é unha práctica totalmente continuísta no deseño da súa política educativa”. Así o considera o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado por Laura Arrojo, membro da executiva da federación,  para denunciar a “propaganda e mentiras” do “camiño novo” anunciado pola administración que, segundo afirmou, “non é máis que o continuísmo das vellas políticas”.

Para Bermello “lonxe de encetar un camiño novo, ou a maior modernización do sistema educativo galego”, todas as novidades que se van coñecendo desde o mes de xullo a este comezo de setembro apuntan na mesma dirección “consolidación dos recortes de dereitos do profesorado, incumprimento dos escasos avances que se daban no acordo asinado coa minoría sindical e mantemento dunha política de parches para a atención educativa no canto de fortalecer estruturalmente os cadros de persoal dos centros educativos”.

Todo acompañado cunha “estratexia de confusión” na comunicación que pretende vender creación de postos de traballo ou de unidades con “datos falseados”.

A constatación desta realidade é claramente identificábel e céntrase, segundo denuncia a CIG-Ensino, nos seguintes aspectos:

Horarios lectivos e condicións de traballo do profesorado

  • Négase o dereito a recuperar o horario lectivo de 21 horas en Infantil e Primaria e de 18 en Secundaria (ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial). A redución só a 23 horas en Primaria implica renunciar á demanda do profesorado e faltar a un compromiso que até outubro de 2023 era unánime e que a minoría sindical (CCOO, ANPE e UGT) traizoou.
  • Non se toman medidas efectivas para reducir a carga burocrática do persoal docente, como a contratación de persoal non docente ou a redución horaria para tarefas de dirección e de coordinación.
  • Preténdese vender como unha mellora retributiva para o profesorado unha esmola de 5€ que, con carácter xeral, cobra todo o profesorado, aplicando outras subas só a determinados colectivos, rompendo así a tendencia de hai máis de 30 anos de aplicar calquera incremento por igual para todo o profesorado.
  • Non se recupera o pagamento dos meses de verán para o profesorado substituto que traballa cinco meses e medio, algo especialmente relevante co incremento de contratos con remate a 30 de xuño que se disparou nos últimos anos e que se prevé aumenten este curso. Unha medida que faría máis atractiva esta profesión nun momento en que xa empeza a haber problemas para a cobertura de substitucións en determinadas especialidades.
  • Non se toma ningunha medida para facilitar o acceso a unha xubilación anticipada ou cando menos parcial ao funcionariado docente, a diferenza do que se fai, se ben dun xeito insuficiente e con cargo a fondos da propia Xunta, co persoal docente do ensino concertado.
  • Non se abre a posibilidade de pactar unha cláusula de estabilidade para o persoal interino de longa duración.
  • Non se deu ningún paso para a determinación e publicación, con total transparencia, das prazas estruturais en todos os centros, e que deben conformar as ofertas públicas de emprego e as prazas nos concursos de traslados.

Ratios de alumnado

A Consellaría ignora mesmo a quen, desde o bando sindical, lle serve de muleta e incumpre a maioría das medidas incorporadas no acordo de outubro de 2023. Así, só consta que se estea a cumprir a redución de ratios en 4º de Educación Infantil.

  • Non se toma ningunha medida coas ratios en etapas educativas como a ESO e o Bacharelato, nin de redución xeral (que non se negociará até o ano 2027) nin de redución por alumnado repetidor ou con necesidades especiais.
  • Nin hai nin haberá ningunha redución na FP (nin tan sequera na FP Básica) nin nas ensinanzas de réxime especial.
  • Non aplican, como se comprometeron, a redución de ratios en aulas que agrupan alumnado de diferentes niveis.
  • Non aplican, tamén incumprindo o seu compromiso, os desdobres en aulas cando, polo cómputo de alumnado con trastorno de conduta xustificado, discapacidade ou dependencia se supere a ratio de 25. Pretenden tapar este grave incumprimento con reforzos absolutamente insuficientes.

O ensino público galego sen un apoio decidido

  • Méntese intencionadamente cos datos de novas unidades postas en marcha para o presente curso escolar, coa desafortunada participación como coro de convidados de tres sindicatos que dan por bos, acriticamente, os datos da Consellaría sen revisalos nin fiscalizalos. Esta é a realidade:
    • No DOG do mes de agosto no que se publicou a modificación de unidades e postos de traballo de Infantil e Primaria figuran 33 “novas” aulas das que en realidade 28 xa estaban en funcionamento (moitas delas desde hai anos) polo que non se produce máis que a posta en marcha de 5 aulas: 1 de Infantil, 3 de Primaria e 1 de Educación Especial. Tendo en conta que tamén hai aulas que se pechan e que non chegan a figurar como creadas no DOG, o resultado final do suposta “modernización” e gran paso adiante en Infantil e Primaria é un diferencial de 2 aulas ao respecto de hai un curso. Ese debe ser o resultado do acordo histórico e do “novo camiño”.
  • Repítese, este curso con maior carga propagandística, un sistema de reforzo educativo a base de parches con forma de programas que nin chegan a todos os centros nin ten carácter permanente para unha maior dotación fixa de profesorado. Inventan novos nomes (MEGA, Promociona…) como envoltorios dunha política a curto prazo sen continuidade e con contratos en precario, aforrando nas retribucións dese profesorado contratado que cesa a 30 de xuño, recortando os seus dereitos retributivos.
  • Reducen en 80 o número de docentes de de PT e AL con destino provisional con respecto ao curso pasado ao tempo que non atenden as necesidades de atención preferente de máis de 30 centros que así o demandaban. Agora pretenden vender como un avance que van enviar máis profesorado de PT e AL, nunha confusión interesada: mesturando datos de diferentes programas na súa maior parte financiados con fondos europeos e do Ministerio de Educación (como o Proa+), contratando profesorado que non é estrutural e desatendo as necesidades da maioría dos centros.
  • Mantense a tendencia de cursos anteriores, con maior perda de unidades no ensino público e con máis fondos para o ensino concertado, sen control dos centros que segregan e concertando etapas educativas non obrigatorias.
  • Increméntase a privatización da Formación Profesional, limitando a oferta pública ao tempo que non para de medrar a oferta privada e deixando nas mans das empresas a selección do alumnado da FP dual até o punto de seren estas as que deciden quen pode e quen non estudar.
  • Non se dá ningún paso para reverter a política lingüística máis nociva co noso idioma, mantendo a relegación do galego en todas as etapas educativas e a prohibición de impartir materias do ámbito científico tecnolóxico, acentuando a emerxencia lingüística nunha mocidade que nunha cuarta parte remata a ESO con escasos coñecementos da lingua propia do país.