CIG-Ensino denuncia “improvisación” no nomeamento dunhas 30 persoas para coordinar “Polos creativos”

Educación vai investir 13 millóns de euros só en material para este programa
Nacional - 29 Set 2023

O pasado 1 de xuño de 2023 o presidente da Xunta de Galiza anunciou a dotación de “Polos creativos” no 100 % dos centros educativos a partir do actual curso. Nese momento estaban pendentes aínda as convocatorias de persoal asesor da Consellaría e as prazas nos centros de formación do profesorado (CFR), polo que se puido ter aproveitado esas convocatorias para incorporar os postos necesarios para a atención destes novos “Polos creativos”.

Porén, en ningunha desas dúas convocatorias apareceron as novas prazas e a CIG-Ensino advertiu na Mesa Sectorial do 13 de xuño que o persoal que até o curso pasado atendía os 225 centros que xa tiñan este programa era un número totalmente insuficiente para coordinar o total dos centros galegos.

Non foi até onte, 28 de setembro, cando a Consellaría tomou a decisión de  facer chamamentos para cubrir as prazas de 30 persoas que foron nomeadas sen convocatoria previa e dun xeito improvisado e irregular.

A CIG-Ensino xa se cuestionou en xuño se existía algún tipo de estudo para estender os “Polos creativos” a todos os centros e se se contaba con suficientes recursos económicos e humanos. A resposta, naquela altura, non deixou lugar a dúbidas: a Xunta recibía fondos con carácter finalistas que só podía “gastar”. Por tanto, non busca dar resposta ás necesidades dos centros e das súas demandas  e vai investir nada máis e nada menos que 13 millóns de euros -só en material- sen ter un plan previo nin de futuro.

Para o sindicato, “o despropósito e a improvisación non paran”. A estes engade a decisión de limitar a contratación do profesorado que substituirá nos centros ao novo persoal asesor até o 30 de xuño no canto de facelo até o 31 de agosto, ao contrario do que acontece co persoal interino que substitúe ao profesorado que deixa os centros para ocupar prazas de asesoría tanto da Consellaría como dos CFR.

A CIG-Ensino denuncia esta discriminación e solicita que os nomeamentos con fin de contrato a 30 de xuño se transformen en interinidades até o 31 de agosto.