CIG-Ensino denuncia as “raquíticas” axudas para os equipos de normalización dos centros, recibidas a 20 días do rematar do curso

Considera que se constata así que “o desleixo da Consellaría de Educación pola lingua galega é inmenso”

Compostela -

A CIG-Ensino vén de denunciar o “desprezo” da Consellaría de Educación pola nosa lingua e polo traballo do profesorado e dos Equipos de Normalización Lingüística. Neste sentido cuestiona a teimosía con que insiste en convocar unhas raquíticas axudas durante o segundo trimestre do curso, que ademais desta volta non se resolveron até quedar apenas 20 días para a finalización do curso.

A CIG-Ensino asegura que “este curso, unha vez máis, a Consellaría volveu facer gala do seu desinterese na normalización da nosa lingua”. A este respecto denuncia que a convocatoria deste ano non tivo en conta, de novo, as recomendacións máis básicas:

  • Publicación no inicio de curso (non se publicou até xaneiro de 2016)
  • Resolución o antes posíbel, como moi tarde no inicio do segundo trimestre (como vemos, publícase a vinte días do final do curso)
  • Incremento das axudas de xeito que signifiquen unha dotación real e efectiva para o desenvolvemento de actividades nos centros (a Consellaría mantén a redución orzamentaria de máis do 60% que desde hai sete anos sofren os centros públicos).

Para a CIG-Ensino, moi pouco, poden facer os centros cunha axuda que oscila entre os 300 e os 350 €. “Estamos falando dunha cifra que apenas acada o importe dun autobús para acudir a unha actividade normalizadora, por pór  un exemplo. O resto do traballo terá que ser levado adiante con voluntariedade (e diso está sobrado o profesorado dos equipos) e moita, moita imaxinación”.

Considera que “estamos ante un sutil mecanismo de paralización do importante labor dos equipos de normalización” e alerta de que a Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas. “De aí a súa tardía publicación e a súa continua redución, que sabe que é un importante impedimento para deseñalas e desenvolvelas”. 

Diante desta situación a CIG-Ensino exixe o incremento das contías das axudas aos Equipos de Normalización de maneira que sexa unha axuda real e a publicación da convocatoria co inicio do curso e resolución o antes posíbel, de xeito que as axudas sexan efectivas e permitan o deseño e a convocatoria de actividades que incidan no proceso de normalización da nosa lingua.

Volver