CIG-Ensino chama á nova conselleira de Educación a mudar a política educativa do goberno

Desconfía da vontade do goberno Feijóo de introducir os cambios demandados polo profesorado

Nacional -

A CIG-Ensino estará vixiante, aínda que con pouca expectativas, do que dea de si o cambio de titular na consellaría de Educación. A nova conselleira terá que enfrontar o enorme desencanto do profesorado galego por mor dos recortes acometidos e por ter sido ignoradas as demandas que lle foron trasladando nos últimos anos: desde unha Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG-Ensino en 2015 e que só contou co voto en contra do PP, até a recente campaña de medidas urxentes para o profesorado galego apoiada por case 12.000 docentes galegos.

“Tempo haberá de saber se estamos simplemente diante dun cambio de persoas ou o goberno Feijóo está disposto a mudar a política educativa” sinala o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen adianta que o sindicato non alberga ningunha esperanza, “vista a traxectoria da Xunta nesta última década”.

Para Bermello, a nova conselleira ten por diante facer os deberes que non fixo o conselleiro saínte e que son herdanza de todo o labor do goberno Feijóo desde o ano 2009. “Se quere coñecer as prioridades do profesorado galego teno doado. Non son todas, mais están recollidas e salientadas naquela masiva resposta á campaña pola recuperación dos dereitos do profesorado galego deste mesmo 2018 e que o conselleiro saínte desprezou totalmente”.

A CIG-Ensino sinala como prioridades que:

  • É necesario saír da senda da privatización e das políticas contrarias ao ensino público.
  • É urxente mudar a política lingüística e deixar de relegar o noso idioma, rematando coa prohibición de impartir materias científicas e técnicas en galego e volvendo ao consenso previo ao actual decreto de plurilingüísmo.
  • Ten que dar resposta á demanda de redución do horario lectivo do profesorado, volvendo ás 18 horas en secundaria e ás 21 en infantil e primaria.
  • Ten que mellorar a atención á diversidade aumentando dun xeito notábel o profesorado específico de orientación, PT e AL.
  • Hai que reducir as actuais ratios se queremos un ensino de calidade e iso só se pode facer cunha planificación seria da actual rede educativa do ensino público.
  • Ten que afrontar a regulamentación das afíns, especialmente en secundaria e a redución da provisionalidade.
  • É necesario negociar a estabilidade do profesorado interino.
  • É preciso superar as limitacións nas ofertas de emprego para que sexamos máis profesorado. As oposicións non deben estar condicionadas polo acordo de Madrid entre o anterior goberno do PP e os sindicatos estatais: temos que recuperar a cifra de persoal docente anterior á etapa máis virulenta da crise.
  • É preciso reducir a carga burocrática do profesorado, favorecendo que podamos destinar todo o noso esforzo á impartición de docencia e á coordinación didáctica e non a mover papeis e pantallas de aplicacións informáticas sen parar.
  • O profesorado, como o resto do persoal da Xunta, non pode seguir penalizado economicamente por enfermar, algo que a día de hoxe segue plenamente en vigor, con descontos até o 20º día de baixa médica.
  • Está nas súas mans rematar coas maiorías cualificadas da representación da administración na elección da dirección dos centros educativos, retornando ao poder democrático do claustro de profesorado e dos consellos escolares

Xunto a isto, Bermello advirte do malestar do profesorado polos pactos retributivos “que nos hipotecan até o 2021 e non atenderon as demandas da maioría do profesorado”. Un profesorado que ve como agora se acorda no Pacto de Toledo a intención de vincular as pensións ao IPC, na vía de non perder poder adquisitivo, mentres as políticas salariais dos diferentes gobernos xunto cos pactos salariais cos sindicatos estatais descolgaron por vez primeira este ano 2018 as nosas nóminas da carestía da vida, vinculándoas até o 2020 ao PIB, algo que debe ser anulado canto antes, garantindo unha cláusula de revisión salarial que evite que sigamos a perder poder adquisitivo, como seguiremos en todo este ano 2018.

“Nos últimos tempos a Consellaría de Educación foi perdendo relevancia dentro da propia Xunta, reducindo o seu peso no reparto dos orzamentos do goberno galego. Ás portas dun novo orzamento para o 2019 será tempo de ver se se mantén ese papel secundario ou non”, conclúe Suso Bermello.

Volver