CIG-Ensino chama á CIUG a debater co profesorado de Xeografía e Historia sobre a ABAU

Apoia ao profesorado, que solicita abordar os contidos e a estrutura da proba desta materia
Nacional - 08 Out 2018

A CIG-ENSINO considera que a ABAU debería desaparecer, pois entende que só cumpre a función de crear nerviosismo nun alumnado que se xoga o seu futuro universitario en tres días, nunhas probas que á hora da verdade non permiten avaliar a súa madurez persoal converténdose nun mecanismo selectivo sen sentido. Porén, mentres non se acade ese obxectivo considera que as probas ás que se someta o alumnado deben elaborarse do xeito máis participativo posíbel entre o profesorado de ensino secundario e o universitario.

Nun momento como o actual, cunha LOMCE que non ten futuro debido ao rexeitamento maioritario do profesorado e do conxunto da comunidade educativa, e que a CIG-Ensino agarda que sexa derrogada, tal e como teñen defendido a maioría das forzas políticas do estado, o máis lóxico é non modificar a estrutura da proba de ABAU realizada nas dúas convocatorias de 2018 e reducir ou como mínimo manter os contidos.

Por iso a CIG-Ensino apoia a petición que fai o profesorado de Xeografía e  Historia nun documento que desde a CIG-Ensino animamos a que se debata en todos os centros de secundaria de Galiza, co obxectivo de dar unha tranquilidade neste curso a alumnado e profesorado mentres non se inicia o proceso de elaboración doutro tipo de proba.

“Se hai unha materia atacada pola LOMCE é a Historia pois deseña unha materia memorística, cunha estrutura baseada fundamentalmente nun enfoque cronolóxico, sen partir da realidade e buscando simplemente unha asimilación de feitos, batallas, etc…, sen conceder importancia aos procesos que dan lugar a feitos históricos nin á influencia destes no mundo actual, cun currículum inabarcábel que recupera elementos da historiografía propia do franquismo e converte a historia de Galiza nun mero anexo anecdótico; unha materia imposíbel de impartir nas tres horas semanais que ten esta materia en 2º de Bacharelato en Galiza”, sinala o secretario nacional, Suso Bermello.

Tendo en conta iso, a CIG-ensino anima ao profesorado de Xeografía e Historia de ensino secundario a apoiar coa súa sinatura a táboa reivindicativa acordada na reunión celebrada o 4 de outubro en Compostela, ao tempo que fai un chamamento á CIUG para que non se modifique o exame de ABAU de 2019 e se inicie un proceso de diálogo coa comunidade educativa.