CIG e UGT preavisan a folga de Axentes Forestais e Medio Ambientais da Xunta

Comezará o día 25 de xullo até o 27 e a partir do 1 de agosto converterase en indefinida

Nacional -

CIG e UGT veñen de presentar o preaviso da convocatoria de folga de Axentes Forestais e Medio Ambientais. Unha convocatoria que se realiza por acordo das dúas organizacións sindicais, logo de varias asembleas e mobilizacións dos axentes medio ambientais e forestais, con ámbito na Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as da Administración Autonómica de Galiza.

A folga comezará o día 25 até o 27 de xullo, ás 08:00 horas, e, a partir do 1 de agosto, ás 00hs terá unha duración indefinida, afectando á escala de axentes forestais/facultativos medioambientais, funcionarios e funcionarias ao servizo da Administración Autonómica galega.

O obxectivo da folga é que a Administración Autonómica recúe na súa pretensión de imposición dun aumento horario e dun empeoramento das condicións de traballo:

  • Acadando un acordo de condicións de traballo que permita unha redución dos excesos horarios adecuando á xornada máxima anual do resto empregados públicos.
  • Propondo unha compensación económica acorde ao carácter extraordinario dos seus horarios e un complemento específico que retribúa a penosidade, toxicidade, turnicidade e especial responsabilidade deste persoal en concordancia con outro persoal da Xunta con características funcionais semellantes.
  • Procedendo a instar ante o Estado ao recoñecemento das enfermidades profesionais e os coeficientes redutores para adiantar a idade de xubilación.
  • A regulación da segunda actividade no servizo activo e a creación de prazas suficientes para atender este servizo público.
  • Avanzando na igualación dos dereitos laborais do resto do persoal funcionario, a flexibilidade e a conciliación persoal, laboral e familiar, as licenzas, os permisos e as vacacións.

A folga declárase por non teren chegado a resultado satisfactorio as negociacións previas coa Administración que non atende a ningunha das solucións aportadas por estas organizacións bloqueando, na práctica, o proceso negociador.

Volver