A CIG demanda un mapa integral da capacidade de xeración eléctrica en Galiza e unha empresa pública de enerxía
A CIG aproveitou a reunión do Comité Executivo de Enerxía no que se abordou o novo plan sectorial eólico, para demandarlle máis unha vez ao Goberno galego que sexa ambicioso, elabore un mapa global da capacidade de xeración eléctrica que existe en Galiza e poña en marcha unha empresa pública de enerxía para que o aproveitamento dos nosos recursos reverta no desenvolvemento económico e social do país e poder avanzar na descarbonización.
A CIG apelou á condición de territorio excedentario e exportador de electricidade renovábel para reivindicar un xiro radical no actual modelo e que Galiza “pase de exportar KWh a exportar o que se produce con eses KWh”. Fernando Branco, representante da CIG na mesa de traballo, subliñou que Galiza non pode seguir sendo simple produtora de electricidade para beneficio doutros territorios. “Queremos que a electricidade que xeramos aquí se utilice para o desenvolvemento do noso tecido produtivo, avanzar na soberanía enerxética e no proceso de descarbonización”, aseverou.
A este respecto, lembrou que Galiza continúa sendo dependente dos combustíbeis fósiles e afianzar a descarbonización resulta fundamental por motivos ambientais, mais tamén para evitar as debilidades que provoca un contexto xeopolítico como o actual. Incidiu en que utilizar a produción eléctrica para descarbonizar o país, nomeadamente a mobilidade, “é unha cuestión de vontade política da Xunta”.
Por iso, a CIG tamén solicitou que a Consellaría non se limite a preparar un plan sectorial eólico, senón que se aproveite esta conxuntura para elaborar un mapa global da capacidade de xeración eléctrica de Galiza por concellos e recursos produtivos (eólica, fotovoltaica, biomasa, hidráulica etc.), seguindo a liña do que xa está a facer o goberno de Catalunya.
A enerxía ao servizo do pobo
A CIG defendeu dar pasos políticos firmes para un control público da enerxía que poña esta ao servizo do pobo e neste marco reivindicou, unha vez máis, a creación dunha empresa galega pública de enerxía. Branco chamou a atención no contrasentido que supón que en Galiza “haxa empresas públicas doutros estados explotando e tirando proveito dos nosos recursos naturais, mentres nós non temos unha compañía propia para xestionar o que producimos".
E neste sentido reclamou a reversión ao público dos saltos do Tambre -cun proceso administrativo aberto de extinción das concesións- e que estes aproveitamentos hidráulicos sirvan de base para botar a andar unha empresa pública galega de enerxía. “Na CIG non queremos a Xunta de Galiza elabore un plan eólico para que logo sexan empresas privadas as que decidan que se fai”, rexeitou.
A eólica mariña queda fóra
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas confirmou que no plan sectorial que defina a Xunta non entrará a eólica mariña, ao ser competencia estatal; mais a CIG reiterou que non procede abrir este espazo “mentres teñamos excedente en produción renovábel e non se clarifiquen os impactos ambientais e sobre o sector pesqueiro deste tipo de instalacións”.
Na xuntanza tamén quedou patente que para incrementar a produción precísase aumentar a capacidade de transporte e distribución e a este respecto a CIG puxo en cuestión a potencia anunciada polo secretario xeral do PSdeG-PSOE para a subestación de Manciñeira nas Pontes (dentro do nó de transición xusta), que cifrou en 2.000MW cando na realidade son 1039MW, que ademais é unha potencia inferior á que tiña asignada a central térmica. Punto que tamén confirmou o responsábel de Enerxía da Xunta de Galiza.
Doutra banda, dende o Goberno galego apuntaron que este plan eólico servirá para dotar de garantía xurídica as instalacións, ao que a CIG retrucou “que mellor organizar o desenvolvemento do sector pola vía administrativa que a través de manobras nos tribunais de xustiza”
A CIG fará achegas ao plan
Todas estas cuestións serán achegadas pola CIG ao borrador de traballo presentado hoxe e a central sindical tamén trasladará alegacións nas seguintes fases do plan, na liña das que fixo durante a tramitación da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galiza do ano 2024, demandando maior protección ambiental e que se garanta a participación social nos proxectos.
A CIG agarda que a Xunta dunha vez escoite “o que vimos reclamando dende hai anos, que tamén é un clamor social”. E incide en que é necesario e urxente a construción dun modelo enerxético alternativo e radicalmente distinto ao imposto polo oligopolio macroeléctrico, que espolia os nosos recursos, que ameaza ao medioambiente, moitos territorios e sectores produtivos básicos. Nesta liña, a CIG reclama que a Xunta atenda as propostas que a central ten formuladas no documento para unha estratexia galega da enerxía e o decálogo do movemento social que xira arredor da Coordinadora Eólica Así Non!.