CIG-Correos de Compostela denuncia a decisión do Concello de privatizar o Servizo de Notificacións

Interveu no pleno en defensa do sector público fronte ao privado
Compostela - 15 Xun 2017

CIG-Correos compareceu este xoves no pleno do Concello de Santiago para denunciar a privatización do servizo municipal de entrega de notificacións e a retirada ao operador público Correos das Noficacións de sancións de tráfico dentro da cidade, outorgándollas a unha empresa privada de Valencia e inscrita no rexistro mercantil de Bizkaia.

Para a CIG-Correos esta decisión adoptada a proposta do concelleiro delegado de Medio Ambiente Xan Duro, só tivo en conta “cuestións economicistas”. Considera que o goberno municipal de Santiago non tivo en conta porén, os custos sociais derivados desta decisión: “nin o que implica apostar por empresas privadas fronte empresas públicas; nin as precarias condicións laborais ás que someten estas empresas aos seus traballadores e traballadoras, que son as que lles permiten abaratar os custos”.

Precariedade laboral

Unhas condicións que entende que deberían levar a calquera administración a “nin sequera contemplalas como posíbeis concesionarias dun servizo público mentres non cumpran coas súas obrigas cos traballadores/as”. En concreto sinala cuestións como “manter os pagos dos salarios ao día, retirar os continuos E.R.E´s que presentan, ou aplicar un convenio colectivo acorde coa legalidade vixente, e non como ocorreu con C.I. Postal, por exemplo, que vén de ver revogado precisamente o seu convenio colectivo polo propio Tribunal Supremo”.

Por iso denunciou tamén que outra das empresas valoradas para outorgarlle esta concesión, Unipost vén de despedir a unha traballadora polo simple feito de estar embarazada.

Xosé Iglesias, que foi quen interveu en representación da CIG-Correos, afirmou que as condicións laborais que ofrecen estas empresas son tan precarias que a elixida, C.I.Postal, estivo chamando a traballadores/as inscritos no INEM, con experiencia en Correos, ofertándolles postos de traballo con contratos de tres horas. Unha precariedade á que, lamentou, “colabora este goberno municipal”.

Sinalou que C.I. Postal fixo unha proba de entrega de notificacións a veciños/as de Santiago para presentarlle a este concello os resultados. Proba que considera que “está trucada”, porque foi realizada no distrito 1 e 2 de Compostela (a chamada “zona nova”) onde hai unha maior concentración poboacional, o que favorece que sexa máis áxil e efectiva a entrega de notificacións, ao ser a zona de maior concentración de vivendas.

Ademais, lembrou que o informe deste Concello “non contrasta” esa suposta efectividade comparando os datos aportados por C.I. Postal cos repartos de Correos.

Lamentou que, a pesar disto, se lle outorgase á empresa de Valencia a notificación dentro da cidade onde, por mor desa maior concentración de poboación, é maior o beneficio. “Resulta rechamante que porén se manteña a Correos como servizo de entrega de notificacións fóra da cidade onde é deficitario pola complexidade derivada da maior dispersión poboacional. Privatízase o correo na zona do concello máis rendíbel economicamente e mantense o servizo público onde dá perdas, facendo unha discriminación por beneficio económico entre o público e privado”.

Iglesias considerou ademais que á hora de tomar esta decisión, o goberno municipal tampouco contrastou experiencias similares noutras localidades, onde no pasado se levaron a cabo este tipo de iniciativas que foron abandonadas por incapacidade na prestación do servizo e por ilegalidades na súa tramitación.

Neste sentido afirmou que “varios xulgados non lle outorgaron o principio de veracidade e fehaciencia a estes operadores privados na entrega de notificacións. Principios cos que si contan as traballadoras e traballadores de Correos”.

Exercicio de “incoherencia”

Xunto a isto, o representante da CIG-Correos considerou que este é “un exercicio de incoherencia política porque organizacións que se din defensoras do sector público acaban favorecendo o privado”. Sinalou como exemplo diso este caso e asegura que “non deixa de sorprender que Compostela Aberta defendera na Deputación da Coruña o servizo postal universal de Correos e esixira a súa continuidade e mantemento para logo facer o contrario na nosa cidade”. A isto engadiu que, a coalición de partidos onde está encadrada C.A. en Madrid vén de facer un pronunciamento no Congreso manifestando que a redución orzamentaria de Correos pon en risco o servizo postal universal e un requirimento ao goberno do Estado na defensa de Correos.

Servizo Público

Ademais salientou o servizo “profesional, de calidade e personalizado” que presta o operador postal público Correos, con “profesionais con ampla experiencia” formados especificamente para esta función que teñen, ademais, un coñecemento específico en procesos de notificacións.

Subliñou que estes traballadores/as son ademais veciños e veciñas de Santiago e que Correos en Galiza concentra o maior número de traballadores e traballadoras na capital de Galiza, chegando a preto de 400 efectivos, malia ter sufrido importantes retalladas de persoal e que é unha das dez empresas máis importantes do concello, como prestadora de servizo público.

E rematou a súa intervención concluíndo que “os servizos públicos teñen o deber de servir á cidadanía e non de entrar en competición directa con outros grupos privados por cota de mercado. Non están orientados ao beneficio económico, como si ocorre nas compañías privadas, que teñen como obxectivo a rendibilidade do seu negocio. Unha rendibilidade que nos máis dos casos esquece os intereses da cidadanía”.