CIG-Construción traslada á Deputación da Coruña a necesidade de introducir cláusulas sociais nos contratos da obra pública

Para garantir que se respecten os convenios colectivos

A Coruña -

A Federación de Construción e Madeira da CIG trasladoulle á Deputación da Coruña a necesidade de incluír cláusulas sociais nos contratos das obras do sector público, para que se garanta o cumprimento dos convenios colectivos por parte das empresas adxudicatarias e o respecto ás condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras.

A proposta foi trasladada durante unha xuntanza entre o responsábel de contratación da institución provincial, Xesús Soto, e o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Construción, Mario Maceiras, e o secretario de Organización da Federación, Marcos Sánchez, na que se abordaron os cambios que a Deputación ten previsto facer nas condicións dos contratos.

Neste senso, o representante sindical destacou a importancia de que se introduzan cláusulas sociais que obriguen ao cumprimento estrito do convenio colectivo de referencia e que as empresas teñan que acreditar a súa solvencia humana, económica e loxística para poder facerse cun contrato de obra pública.

Estas obrigacións, explica Maceiras, "evitarían que empresas pirata ou simples xestorías de obras se fagan coa maioría dos contratos de obra pública, tal e como está a acontecer actualmente". Maceiras lembra que a Federación de Construción ten en marcha dende hai tempo unha campaña para demandar das diferentes administracións públicas que incorporen este tipo de cláusulas sociais e combater así a precarización laboral no sector, agravada co estoupido da crise.

Baixas temeraria nas ofertas

Apunta que a falta de actividade leva a que infinidade de empresas concorran a cada concurso público, xerándose unha feroz competencia entre elas por presentar ofertas anormalmente baixas para obter un contrato. Isto trae como consecuencia graves prexuízos para os traballadores e traballadoras destas empresas, tanto na rebaixa dos seus salarios como na degradación das súas condicións sociais e laborais.

Por iso, entre as medidas propostas pola CIG, establécese como requisito inescusábel para acceder a un contrato público aplicar, como condicións mínimas, as recollidas no convenio provincial da construción vixente; primar as compañías que realicen obras integramente sen recorrer á subcontratación ou que restrinxan esta ás actividades complementarias; ter en conta o número de persoal fixo; non recorrer á contratación a través de ETT; ou estabelecer mecanismos de control do cumprimento das condicións esixidas, especialmente en materia de seguridade e saúde e obrigas salariais.

CIG-Construción seguirá coa campaña

Pola súa banda, o responsábel de contratación da Deputación recolleu as propostas trasladadas pola CIG e amosou a disposición a pór en práctica algunhas das medidas formuladas.

Dende a CIG-Construción sinalan que seguirán a desenvolver reunións coas administracións públicas para demandar que se adopten as medidas necesarias para rematar coa precariedade do sector e que, de producirse a anunciada recuperación do mesmo, "esta se converta en motor de xeración de riqueza e non de miseria".

Volver