CIG-Banca mobilizarase o 27 de abril contra o Expediente de Despedimentos Colectivos anunciado polo Santander

O banco, que obtivo uns beneficios de 5.966 millóns, quere alegar causas “produtivas e organizativas” para xustificar 1667 despidos
Compostela - 20 Abr 2016
A CIG-Banca denuncia os criterios “altamente arbitrarios” que baralla o Banco Santander para xustificar as causas “produtivas e organizativas” coas que pretende avalar 1667 despidos na entidade no marco de Expediente de Despedimentos Colectivos que vén de presentar. Advirte que actuará “con firmeza e coherencia” na defensa de todos os postos de traballo e anuncia unha primeira mobilización para o vindeiro 27 de abril.

O Banco Santander comunicou formalmente o inicio do período de consultas do Expediente de Despedimentos Colectivo na xuntanza celebrada o pasado 18 de abril. Unha reunión na que informou de que alegaría “causas produtivas e organizativas” e na que facilitou a documentación que xustificaría 1667 despedimentos e os criterios de selección do persoal afectado.

A CIG-Banca denuncia que, xunto cos despedimentos, a entidade inicia tamén un procedemento de mobilidade xeográfica colectiva e que a empresa non facilitou o listado nominal de persoas afectadas, malia así establecelo a lexislación, alegando que afecta a todo o cadro de persoal. Porén, si comunicou os criterios ao persoal que pode ser despedido e que son:

- Persoas afectadas polo peche de oficinas ou destinadas nas receptoras

- Persoas destinadas nos Servizos centrais ou estruturas intermedias afectadas polos peches de oficinas

- Persoas destinadas en departamentos de Servizos centrais onde se produce o axuste

- Menor valoración na avaliación do desempeño fronte a outras dentro do seu centro de traballo, unidade ou departamento

- Menor polivalencia funcional para realizar tarefas noutras áreas ou actividades da entidade.

A CIG-Banca denuncia que estes criterios son altamente arbitrarios e que a empresa non facilitou datos por territorios. “A día de hoxe non sabemos cantos poden ser despedidos a nivel galego”, lamenta.

Ademais asegura que nesta xuntanza a empresa non fixo ningún tipo de proposta, limitándose a fixar un calendario de xuntanzas.

Responsabiliza desta situación á “mala xestión da dirección, por moito que pretendan presentar os despedimentos como un avance na dixitalización bancaria”. Denuncia que “unha empresa con beneficios non debería poder iniciar un ERE para destruír milleiros de empregos” e matiza que nestas circunstancias o ERE sería imposible de se iniciar “se non fose ao abeiro da reforma laboral do PP”.

Xunto a isto, a CIG-Banca denuncia que mentres o banco Santander decide pór en marcha este ERE mantén unha estrutura directiva “carísima”e que en 2015 a Presidenta gañou 9.8 millóns de euros e o conselleiro delegados 9,34.