CIG-Banca alerta das políticas comerciais das entidades financeiras

Denuncia a “complicidade” da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV)
Nacional - 29 Nov 2016

A CIG-Banca vén de pór en marcha unha campaña co obxectivo de denunciar as agresivas políticas comerciais das entidades financeiras e a actuación da CNMV. “Temos dereito a protexernos fronte ás direccións e temos o deber de alertar á sociedade”, afirman. Por iso xa se puxeron en contacto cos grupos parlamentarios, aos que xa solicitaron xuntanzas para abordar este tema.

Despois dos numerosos escándalos froito da actuación das entidade financeiras, nomeadamente pola mala praxe na colocación en tramo minorista de produtos financeiros complexos, a autoridade bancaria europea (ESMA) puxo en marcha unha normativa co obxectivo de protexer á clientela, que debería ser trasladada á lexislación por parte dos Estados.

Independentemente da consideración que ten a CIG-Banca respecto desta lexislación europea, o que considera é que os pasos dados polo Estado Español até este momento foron “nulos, cando non na liña contraria do fin perseguido”.

A CIG-Banca explica que estamos nun escenario no que os xuros artificialmente baixos diminúen as marxes das entidades financeiras e que, como consecuencia, puxeron en marcha estratexias para que o aforro da clientela se derive dos clásicos depósitos, cara a produtos financeiros con maior risco (fondos de investimento, seguros, etc). “Deste xeito a banca ingresa comisións das xestoras e aseguradoras. Unha política que vén auspiciada polo novo modelo financeiro impulsado por Europa e que a propia ESMA toma como base para a súa normativa”.

Ao diminuír os xuros, diminúe a rendibilidade dos depósitos amparados polo Fondo de Garantía. A clientela, como saben as Direccións das entidades, é mais proclive a atender recomendacións para contratar produtos, sen coñecer realmente o que están contratando.

Xunto a isto, a CIG-Banca denuncia que os cadros de persoal sofren grandes presións enfrontándose a uns obxectivos crecentes de colocación dese tipo de produtos financeiros, nun marco de reestruturación do sector con Expedientes de Despedimentos constantes e cunha lexislación que ampara o libre despedimento. “Sofren as políticas comerciais, baseadas no modelo de traballo por obxectivos, estudadas para incrementar as vendas e orientar á clientela cara a produtos que non demanda”.

Papel da Comisión Nacional do Mercado de Valores

A CIG-Banca advirte ademais que a actuación da CNMV “neste marco que ten todos os ingredientes para novos escándalos, é nefasta e de clara colaboración coas propias entidades dende unha óptica política liberal do laissez faire”.

Por iso a Federación de Banca da CIG entende necesario alertar desta situación e abordar a cuestión cos grupos parlamentarios para valorar iniciativas que se traduzan nunha maior protección á clientela.