CIG-Área Pública valora demandar á Xunta por vulnerar o dereito á negociación colectiva

Os representantes da central levantáronse da mesa para denunciar “o paripé” ao que foron convocados
Nacional - 01 Dec 2016

A Área Pública da CIG levantouse esta mañá da Mesa Xeral do Persoal da Xunta de Galiza á que foron convocadas as organizacións sindicais para presentarlles as liñas xerais dos orzamentos de 2017 no Capítulo 1, relativo ao Persoal. Denuncia que foi, un ano máis, “un paripé” non que “non hai posibilidade de negociación algunha”; asegura que calquera negociación pasa por poñer enriba da mesa a recuperación de todos os dereitos laborais do persoal e anuncia que se reserva o dereito a demandar á Xunta por vulnerar o dereito á negociación colectiva.

Foi un paripé, sen posibilidade de negociación algunha, abusando unha vez máis da maioría absoluta que teñen no Parlamento galego

 Ao comezo da reunión a CIG solicitou o aprazamento da Mesa e unha nova convocatoria para a que se lles proporcionara previamente a documentación necesaria.  María do Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública da CIG, denuncia que foi, como en anos anteriores, un mero trámite para aprobar este venres, en Consello da Xunta os orzamentos para 2017. “Foi un paripé, sen posibilidade de negociación algunha, abusando unha vez máis da maioría absoluta que teñen no Parlamento galego”.

Diante desta situación, a portavoz da Área Pública da CIG advertiu que “nos reservamos o dereito a demandar á administración por vulnerar o noso dereito á negociación colectiva”. Unha negociación que pasa por “pór enriba da mesa a recuperación dos dereitos laborais e económicos do persoal das administracións públicas galegas”. Unha cuestión “irrenunciábel” xunto coa recuperación do emprego público e a blindaxe dos servizos públicos.

López Santamariña sinalou que unha das cuestións que se lles trasladou foi que as pagas extra de xuño e setembro se cobrarán completas e que comezarán a  devengar en xaneiro. Porén, no relativo a retribucións, todo queda igual que en 2016 á espera do que establezan os orzamentos xerais do Estado. Canto á taxa de reposición, anunciouse que se aplicará o máximo que permita a lei do Estado.

Propostas e demandas para os Orzamentos da Xunta de 2017

 

A realidade é destrución de emprego e desmantelamento dos servizos públicos

 Fronte a isto a Área Pública parte de que nin sequera se sabe cales van a ser as liñas xerais da política de xestión do persoal ao servizo das administracións públicas galegas por parte da Xunta de Galiza, despois de estar xa formado o “novo goberno” resultado das últimas eleccións. “É o xa habitual xeito de encarar a negociación colectiva por parte do PP nos últimos anos”, explican. “O único que sabemos é a realidade á que nos abocaron durante estes anos en Galiza: destrución de emprego público, precarización das condicións laborais do persoal empregado público,  desmantelamento dos servizos públicos e a súa consecuente desaparición ou privatización”.

Para a área pública é imprescindíbel recuperar os servizos públicos en Galiza e a dignidade das empregadas e empregados públicos e isto pasa por abordar un plan de choque para recuperar, cando menos, os niveis de emprego público do ano 2009, recuperar os servizos públicos privatizados e os eliminados e ter uns cadros de persoal que permitan por unha banda ofrecer uns servizos de calidade á cidadanía e por outra banda manter unhas condicións laborais dignas.

Precarización laboral nas administracións públicas.

A Área Pública da CIG denucia que a precarización está instalada nas administracións mediante dous sistemas básicos: a temporalidade e a degradacións das condicións laborais e económicas.

Hai unha vontade de precarización sistemática do persoal ao servizo das administracións

 “Hai, por parte dos gobernos destes últimos anos,  tanto na Xunta de Galiza como no Estado Español, unha vontade de precarización sistemática do persoal ao servizo das administracións”. Neste sentido explican que amparándose na crise económica estableceuse unha política de descrédito dos servizos públicos que lle permitiu ao goberno acadar un dobre obxectivo: mermar as condicións laborais do persoal empregado público, limitando os seus dereitos e atacando a súa independencia profesional e entregar servizos públicos esenciais ao afán depredador de empresas privadas que teñen como único obxectivo a mulitiplicación dos seus beneficios económicos.

“Este camiño de destrución ten que ser abandonado definitivamente. Temos que recuperar e dignificar o emprego público. E para iso hai que instaurar medidas no senso de rematar coa altísima taxa de temporalidade instalada nas administracións e acadar unhas condicións laborais, profesionais e económicas dignas”.

Para rematar coa temporalidade proponse pór en marcha plans de consolidación de emprego e OPE con todas as vacantes, incluídas as que necesariamente deben ser creadas para, cando menos, recuperar os niveis de emprego público do ano 2009.

Condicións laborais, profesionais e económicas

Para recuperar as condicións laborais e salariais a Área Pública da CIG defende un incremento retributivo xeral de maneira que se restablecezan os salarios e pagas extras completas e coa súa actualización segundo o IPC resultante dende o ano 2010 até hoxe; a reposición dos importes das pagas extraordinarias á situación anterior ós recortes; fondos para a recuperación do poder adquisitivo perdido dende o ano 2010 e a reposición dos Fondos de Acción Social nos importes anteriores ós recortes.

Ademais reclama o restablecemento do complemento por incapacidade temporal que permita manter o 100% das retribucións; a aplicación do dereito á xubilación parcial a todo o persoal, así como a xornada de verán dende o 1 de xuño ate o 30 de setembro e cotización do 100% do haber regulador do persoal de Clases Pasivas nos supostos de redución de xornada previstos na lei de igualdade.

Xunto a isto defende para a promoción Interna o establecemento de procesos de promoción sostibles no tempo, que garantan que o persoal que acceda a distinto corpo ou escala de funcionarios por este procedemento se lle respecte a localidade de residencia e retribucións; a revisión dos regulamentos e procedementos para a provisión de postos de traballo do persoal laboral e funcionario; o establecemento como sistema ordinario de provisión do concurso permanente e aberto que garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade e a supresión dos sistemas de provisión que non garanten estes principios: os concursos especiais.

Aposta tamén polo establecemento dun sistema real de carreira profesional que inclúa o desenvolvemento do previsto no EBEP respecto da creación do Grupo B, vinculandoo ao previsto no Sistema Nacional de Cualificacións e aos programas de formación para o emprego das Administracións Públicas e dun sistema de formación permanente que garanta a actualización dos coñecementos do persoal ao servizo das administracións e permita a promoción profesional.

Administración paralela

Utilízase a denominada administración paralela para manter o seu persoal nunhas condicións laborais e económicas, en moitos casos, denigrantes

A Área Pública da CIG denuncia a utilización por parte das distintas administracións dun sistema específico de precarización do persoal ao seu servizo: a utilización da denominada administración paralela ou administración instrumental para manter o seu persoal nunhas condicións laborais e económicas en moitos casos denigrantes.

“Dentro das administracións hai entes, consorcios ou empresas públicas que non teñen convenio colectivo propio nin se lles aplica o da administración da que dependen. As relacións laborais dentro desta parte da administración regúlanse polo Estatuto dos Traballadores, permitindo salarios e condicións laborais moito por baixo do resto do persoal. Iso si, á hora dos recortes salariais estes si lles son de aplicación”, asegura.

Por iso considera que é precisa unha norma básica que determine que o persoal da administración instrumental ten que ter as mesmas condicións que o resto do persoal. Ademais, para evitar situacións de discriminación entre persoal ao servizo da administración galega, a normativa que restitúa dereitos ten que ser de aplicación directa a todas as administracións e a todas as persoas empregadas públicas.

Uso do galego

Non existe unha política pública sobre o uso do galego nas administración públicas

 “Non existe unha política pública sobre o uso do galego nas administración públicas”, denuncia a Área Pública, que defende a este respecto implantar unha política que normalice e garanta o dereito ao uso do noso idioma nas administracións públicas da Galiza.

Creación de emprego e amplas ofertas de prazas nas oposicións para o ensino público

Polo que respecta á situación do Ensino Público, a Área Pública reclama cadros de persoal amplos nos centros a fin de posibilitar a atención á diversidade, fixar horarios cun máximo de 18 horas, reducir o alumnado por aula e os desdobres, non impartir de afíns, ou como mínimo regulalas, e personalizar a educación.

Xunto a isto demanda a convocatoria, previa negociación, de oposicións en todos os corpos e niveis educativos e a oferta pública de todas as vacantes existentes, produto das xubilacións e doutras circunstancias, ademais das que sexan necesarias crear para satisfacer as necesidades un ensino de calidade.

Ademais exixe a restitución do dereito do profesorado substituto a cobrar os meses de verán, polo menos  cando  tivesen traballado 5 meses e medio durante o curso escolar.

 Recuperación salarial  do profesorado

Respecto dos dereitos económicos reclama o restabelecemento de todos os dereitos e retribucións arrebatados ao profesorado desde o ano 2010. Nese sentido insta á Xunta de Galiza a tomar as medidas necesarias para restabelecer os salarios e as pagas extras completas do profesorado, que lle foron reducidas,  coa súa correspondente actualización, segundo o IPC resultante desde o ano 2010 até hoxe. Isto xunto co incremento das retribucións habida conta de que o profesorado galego é dos peores retribuídos de todo o Estado.

Tamén exixe da consellaría de Educación o restablecemento da aplicación do acordo asinado no ano 2007, entre a Consellaría e todas as organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, que estabelece os criterios para fixar os cadros de persoal dos centros que imparten ensinanzas de infantil e/ou primaria e o horario do profesorado destes niveis.

A estas demandas engade a de que se dote a todos os centros públicos de persoal administrativo e coidadores/as  e doutro persoal cando sexa necesario.

Propostas específicas para persoal da Sanidade

 No relativo ao persoal da sanidade pública a CIG exixe a recuperación dos acordos que están conxelados dende o ano 2009, como o da carreira profesional, o acordo retributivo 2008/12 e os acordos de atención primaria, entre outros.

A Xunta de Galiza non aplica as normativas específicas que regulan o persoal da administración de Xustiza

A Xunta de Galiza impuxo nos últimos anos amortizacións nos cadros de persoal dos xulgados do país. Elimináronse máis de 100 prazas, das cales 24 estaban en xulgados de paz, o que demostra, para a Área Pública da CIG “que traballan en todos os ámbitos para seguir a desmontar o rural galego”. A isto cómpre engadir que as últimas oficinas abertas (hai 5 anos que Galiza non recibe ningún xulgado novo) contaron con cadros de persoal minguados.

Esta aposta polo desmantelamento da xustiza, choca coa versión do propio goberno da Administración de Xustiza. A Área Pública lembra que a Sala de Goberno do TSXGZ vén de considerar imprescindíbel crear 6 novos xulgados e 2 prazas de maxistrado para órganos colexiados. Unha petición que cualifican de “insuficiente” xa que, “cos datos na man son máis os órganos xudiciais de urxente creación en Galiza”.

Á cabeza do Estado en recortes

A Área Pública denuncia que a Xunta de Galiza situou á Administración de Xustiza á cabeza do Estado no que a recortes se refire. É a única comunidade de todo o Estado na que desde 2013 “se nos  rouba un 40% das extras no Complemento Autonómico Transitorio, o que arroxa un montante de 10.000€ no caso dos médicos forense, 5.000€ aos xestores, 3.880€ aos tramitadores e 3.480€ aos auxilios”.

Denuncian ademais a negativa a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais, impoñendo o decreto 169/2013 da Xunta fronte á Resolución da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do 22/12/2015 e ó acordo do CXPX do 12/06/2013. “Desatenden as recomendacións do propio Ministerio de Xustiza transmitidas na conferencia sectorial de xustiza.

Esta discriminación fai que mentres uns funcionarios da administración de Xustiza (xuíces, letrados, fiscais e compañeiros con destinos no resto do Estado) poidan enfermar de gripe, hepatite, sarampelo, varicela, procesos oncolóxicos, ... sen sufrir descontos, os que prestamos o servizo en Galiza témolo prohibido”.

Xunto a isto aseguran que mentres no resto do Estado se aplica a máxima de a igual traballo, igual retribución, a Xunta volve distinguir entre funcionarios de primeira (neste caso titulares e interinos) e funcionarios de segunda (titulares en substitución), “roubándolle parte das retribucións correspondentes ao corpo onde desempeñan as súas funcións”.

Canda isto aseguran que o goberno da Xunta “négase a avanzar na implantación da nova oficina xudicial. O único que fixo foi publicar dous Decretos hai 6 anos. Compre implantar xa as Unidades Técnico-Administrativas para dar resposta aos problemas organizativos da xustiza galega”.

Xulgados de violencia sobre a muller

Estes xulgados, pola materia da súa competencia, teñen unha problemática específica. “Consideramos inadmisíbel a falla de medios humanos, a escasa formación, os medios materiais insuficientes, a ausencia de espazos acondicionados”.

A CIG reclama a creación de novos xulgados especializados en materia de violencia contra as mulleres

 Por iso a CIG reclama a creación de novos xulgados especializados nesta materia (en toda Galiza só hai 2, o resto teñen tarefas compartidas entre civil, penal, decanato e rexistro civil), formación específica para o seu persoal, a súa dotación con ferramentas informáticas axeitadas e con espazos habilitados para unha atención digna da vítima.

Tamén considera necesaria unha adecuación salarial acorde co traballo e horario realizado. “Estes puntos son básicos para acadar unha resposta xudicial áxil, cunha mellor información e protección das vítimas”.

Xustiza en galego

“Non existe unha política pública sobre a Xustiza en Galiza. Hai que implantar unha xustiza en galego”. Hai que poñela ao servizo dos cidadáns, mellorando a atención coa cidadanía e as vítimas, compre unha xustiza de proximidade. Hai que dotala coas tecnoloxías da información e da comunicación.  Hai que configurala cunha organización eficaz, implicando e recoñecendo o labor profesional dos empregados públicos da xustiza.