CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

Desenvolveu unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña
A Coruña - 28 Xun 2017

Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Federacións de Administración, Ensino e Saúde) realizaron unha concentración este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña, para reafirmar o rexeitamento aos orzamentos estatais que veñen de ser aprobados e que "non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e, pola contra, afondan no desmantelamento dos servizos públicos".

"A aprobación final dos orzamentos confirma que este ano 2017 vai supor un avance máis na destrución dos servizos e do emprego público. Nestes momento podemos xa desapareceu un 8% do emprego público con respecto ao inicio da crise ", aseverou a voceira da CIG-Área Pública, Maricarme López Santamariña.

Pero con esta mobilización tamén se quere ratificar a oposición ao "Acordo para a mellora do emprego público" asinado por CCOO,UGT e CSIF en Madrid no ámbito das administracións públicas, cuxa parte dispositiva  non vai máis alá "dun lavado de cara para o Partido Popular", ante o incremento das taxas de precariedade no emprego público e as reiteradas sentenzas xudiciais que cuestionan as taxas de reposición impostas nos últimos anos a través da lexislación básica estatal.

Santamariña destacou que este acordo non só non elimina as taxas de reposición (que se manteñen na Lei de Orzamentos do estado para 2017 nun 50% con carácter xeral e no 100% para servizos esenciais), senón que se consolidan "agora co parabén dos sindicatos estatais". A limitación nas taxas de reposición, engadiu, "son a causa principal da extensión da precariedade nas administracións públicas". Unha precariedade da que López Santamariña responsabilizou “á política destrutiva” do PP e que afecta a entre un 30 e un 40% do seu cadro de persoal.

Imposibilidade de crear de novas prazas

Neste senso, explicou que o único que se recolle nese acordo é a posibilidade de incluír nas ofertas de emprego as prazas estruturais vacantes ou con sentenzas de indefinidos non fixos xa existentes nos cadros de persoal, pero non posibilita a creación de novas prazas en ningunha das administracións. "O acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF supón unha renuncia expresa a recuperar todo o emprego público perdido durante estes anos e a incorporar prazas estruturais que permitan recuperar a prestación directa de servizos esenciais que foron privatizados", advertiu Santamariña.

"En realidade, continuou, estes sindicatos estanlle dando un balón de osíxeno aos gobernos para regularizar os cadros de persoal, dotando supostamente de estabilidade aos postos de traballo que na realidade xa están ocupados. Pois o acordo non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan".

Non se recuperan os dereitos roubados.

Xunto a isto, dende a CIG-Área Pública denuncian que ese publicitado acordo tampouco contempla a recuperación dos dereitos laborais suprimidos nin das condicións salariais recortadas, iniciadas polo goberno de Zapatero en 2010 cunha rebaixa do 5% da masa salarial e que seguiron recortando tanto o goberno de Mariano Rajoy como de Feijoo na Xunta de Galiza. "Nada se di no acordo da recuperación do poder adquisitivo (nos Orzamentos estatais só se contempla un incremento do 1% para este ano), nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral anterior, nin tampouco da recuperación do complemento do 100% nos casos de IT", censuran.

A este respecto, a voceira da Área Pública da CIG, valorou que o principal interese do goberno español por acadar ese pacto "é solucionar o problema que teñen as administracións públicas coas numerosas sentenzas que declaran a fraude de lei nas contratacións temporais". Unhas resolucións que a xurisprudencia do contencioso administrativo está  estender ao persoal funcionario interino, fixando incluso indemnizacións por despedimentos semellantes aos da xurisdición social, a causa da transposición das directivas da UE.

"Con este acordo, o goberno dálle forma de pacto cos sindicatos ao que en realidade é un imperativo legal para non ter que chegar a pagar indemnizacións", sinalan.

Xestión pública do Plan de Pensións da Administración Xeral

Nun momento no que se está cuestionando a viabilidade do sistema público de pensións e que se prevé que o PP tente meter un novo retallo nas pensións nos vindeiros meses, a CIG volveu demandar que se mude a xestión privada do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado e que pase a ser de xestión pública.

"Que este fondo, que se nutre basicamente coas achegas que se detraen dos incrementos retributivos estabelecidos nos Orzamentos do Estado para o persoal da Administración, estea depositado e sexa de xestión pública, ofrece maiores garantías e ademais, supón que os beneficios da xestión revertan nos ingresos patrimoniais das arcas públicas", explicou Santamariña.