CIG-Área Pública reitera, fronte ao Parlamento galego, a súa oposición aos orzamentos da Xunta para 2017

Denuncia a situación de “indefensión” do persoal laboral fixo e temporal cos cambios introducidos a través da Lei de Medidas

Nacional -

Cunha nova protesta que se desenvolveu baixo unha intensa chuvia diante do Parlamento, a CIG-Área Pública reiterou a súa oposición aos orzamentos da Xunta e á Lei de Medidas Fiscais e Administrativas. “Estamos en contra dunhas contas que non van posibilitar reforzar uns servizos públicos de calidade, nin recuperar os dereitos laborais e salariais do persoal”, segundo explica Maricarme López Santamariña.

A CIG-Área Pública asegura que no proxecto de orzamentos presentado no Parlamento -que non foi entregado ás centrais sindicais na mesa de negociación- non se contempla nin a reposición de servizos públicos, nin medidas para atallar a precariedade laboral instalada nestes momentos nas distintas administracións.

De feito afirma que a taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público.

Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos, que se ben é unha competencia da administración do Estado non se está demandando desde o goberno Feijoo a súa eliminación nin mesmo a posibilidade de recuperar servizos públicos.

Precarización e perda de emprego

A este respecto, lembra que no período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc.

En contraste con estas cifras, o Conselleiro de Facenda anunciou como unha das medidas estrela dos orzamentos a creación de 3.000 postos de traballo. Porén, tendo en conta os datos anteriores, para a Área Pública da CIG “esa oferta de emprego que anuncian a bombo e prato non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración".

Fronte estas medidas continuístas, a CIG-Área Pública esixe rematar coa taxa de reposición e coa temporalidade, que por parte da administración se fagan plans de consolidación de emprego, e que se elabore unha OPE con todas as vacantes, incluídas todas aquelas necesarias para repoñer os servizos públicos, cando menos ao nivel que tiñan no ano 2010.

Recuperar os dereitos laborais, económicos e sociais

Do mesmo xeito, continúase a demandar a reposición de todos os dereitos laborais, económicos e sociais "que durante estes anos foron roubados aos traballadores e traballadoras das administracións en Galiza".

Neste sentido, a Área Pública aclara que coa recuperación das dúas pagas extraordinarias neste ano 2017 "non queda saldada a débeda que a Xunta do PP ten cos seus empregados e empregadas polo roubo do 40% da paga extra dende o ano 2012 ao 2016; e que supón un 4% do salario de cada un dos seus traballadores e traballadoras".

Lei de Medidas Fiscais e Administrativas

Respecto da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas 2017 López Santamariña denunciaba ademais que pretende a funcionarización de miles de postos de traballo que, en moitos casos, están ocupados por laborais pendentes de procesos de consolidación establecidos na disposición transitoria décima do V convenio colectivo único.

Para explicar as consecuencias laborais que terá esta Lei o sector da Autonómica da CIG-Administración mesmo editou un voceiro informativo no que dá conta pormenorizada dos cambios que introduce.

Persoal laboral temporal

Segundo se explica no boletín, ao persoal laboral temporal ofertaráselle, con ‘carácter voluntario’, un cambio de réxime co nomeamento de funcionario/a interino/a. Cambio que, de non ser aceptado, sería indemnizado ou amortizado e que, en todo caso, implica unha perda do tempo traballado e de todos os pluses que teña.

Persoal laboral indefinido

Para o persoal laboral indefinido pendente de consolidación dos postos que ocupan, tal e como se recolle na transitoria décima do V convenio, non hai consolidación e deberá optar tamén por un nomeamento de funcionario interino.

Persoal laboral fixo

Podería continuar ocupando o posto funcionarizado, sometido ao réxime do V Convenio pero sen posibilidade de concursar ou promocionar tanto a postos de laborais como de funcionarios. Con todo, se vén ocupando o posto da RPT de funcionarios con anterioridade á entrada en vigor do EBEP, maio 2007, poderá participar no proceso selectivo de funcionarización por promoción interna.

A partir da modificación das RPTs e a cualificación dos postos como de funcionarios, o persoal laboral fixo xa non se lle poderán dar adscricións provisionais nin superiores categorías.

A funcionarización

De partida a CIG está de acordo coa negociación, supresión, refundición e ordenación de categorías profesionais recollidas no V Convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galiza mais entende que nos documentos presentados  e na proposta de creación de escalas da Lei de Acompañamento existen eivas que teñen que ser negociadas e resoltas  antes de tomar ningún tipo de decisión, quer administrativa, quer lexislativa.

Por iso demandan unha explicación por parte da administración respecto de diferentes decisións que non se acaban de comprender coa documentación enviada, e menois coa Lei de Medidas. Denuncian a “alarmante falta de información” e a inseguridade laboral do persoal que precisa saber por quer hai categorías a extinguir que teñen funcións claras no organigrama da Xunta; Por que se refunden algunhas categorías ou a variación de efectivos dunhas categorías para outras.  

Considera grave que se pretendan crear unha serie de escalas a través da Lei de Medidas e non se negocie nada. “Apostamos por un único vínculo xurídico entre todo o persoal da administración galega, en que todos/as teñamos os mesmos dereitos, independentemente das nosas funcións, do tipo de contrato ou da consellaría a que pertencemos”.

Persoal do Consorcio

A CIG denuncia tamén a falta de igualdade de dereitos que padece o persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que non goza do mesmo salario que o resto de persoal da Xunta de Galiza ou faga un horario superior.

Lembra que este ente público conta con 1.800 traballadores/as dos/as que 1.600 son temporais. “Teñen unhas condicións máis precarias que calquera persoal da Xunta, xa que sufriron os recortes que padeceu o conxunto do persoal dependente da administración pública galega (baixada do 5% do salario, conxelación salarial, eliminación dunha paga extra e recorte das pagas extra desde o ano 2013) partindo de salarios moito máis baixos”. E isto engadido ademais á negativa da Xunta a pagarlles os trienios ou os pluses que ten o resto do persoal laboral.

“A integración do Consorcio na Xunta de Galiza non é un ataque a ninguén, non é a eliminación de postos de traballo, máis ben todo o contrario, a integración do consorcio significa a integración na Xunta de 1.800 postos de traballo, dos cales 1.600 son temporais, e como temporais serían integrados”.

Volver