CIG-Administración traslada ao BNG a súa preocupación pola precarización das condicións laborais no emprego público

Nacional - 09 Xan 2024

A CIG-Administración vén de trasladar ao BNG o seu rexeitamento ás modificacións en materia de emprego público aprobadas por RD polo Goberno español. Modificacións coas que se adiantan medidas da Lei de Función Pública, que a central sindical non asinou, entre outras cousas porque suporá a precarización das condicións laborais e porque, ademais, non garante a transparencia do sistema de avaliación do persoal. O BNG comprometeuse a defender que se tramite como proxecto de lei para poder introducir estas cuestións como emendas.

O secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, explicou ao representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, que o Real Decreto-Lei polo que se aprobaban medidas urxentes para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en materia de servizo público de xustiza, función pública, réxime local e mecenazgo “responde á necesidade de xustificar a reforma marcada pola UE dentro da política de imposicións para recibir os fondos Next Generation”.

Sinalou ademais que este RD, que será sometido a convalidación no Congreso este mércores, adianta medidas que establece a nova Lei da Función Pública da Administración do Estado, que se atopa aínda en proxecto e que entra na regulación de materias que son obxecto de negociación segundo o artigo 37 letras c), d), l) e m) do EBEP.

Avaliación do desempeño

En canto ao articulado, Carballo explicou que “é unha copia parcial do que establece o proxecto de Lei de Función Pública”, que a CIG non asinou, porque un dos piares fundamentais desta lei é a “avaliación do desempeño”, que consiste nun procedemento que medirá a conduta profesional e o rendemento do persoal empregado público. Avaliación que, “marcará as retribucións, carreira profesional, promoción, formación, concursos e mobilidade”.

Ademais a Lei non contempla a representación sindical na Comisión de Coordinación da Avaliación do Desempeño, algo que para a CIG-Administración é “innegociábel para garantir a transparencia nos sistemas de avaliación”, como tampouco recolle cal vai ser modelo de avaliación a seguir, deixando pendente o seu desenvolvemento regulamentario. “Entendemos que a utilización desta ferramenta levará a situacións arbitrarias e inxustas”, explicou.

Xunto a isto Carballo cuestionou o condicionamento da carreira profesional á avaliación do desempeño, que non se establezan as contías económicas e as áreas funcionais. Un novo concepto creado para poder mover ao persoal con ou sen o seu consentimento, sen delimitar e definirse na lei o seu ámbito (centro de traballo, localidade, etc). “Un empregado/a poderá ser movido do seu posto xa que pode estar incluído nunha ou varias áreas funcionais”.

Respecto do persoal directivo, o secretario nacional da CIG-Administración apuntou que é un dos poucos temas que non deixa pendente para desenvolver regulamentariamente (Capítulo III): subdirectores/as xerais serán “persoal directivo” e subdirectores adxuntos/as “persoal predirectivo”.

A este respecto lembrou que a CIG sempre rexeitou o art.13 do EBEP na súa totalidade, onde vén recollida esta figura, que “deixa fóra de calquera control e negociación sindical tanto o réxime xurídico que o regule como as súas condicións retributivas”. Algo que, sinalou, “nos parece escandaloso”.

No relativo ás retribucións a CIG-Administración rexeita que siga sen se garantir a cláusula de revisión salarial, xa que nin se aborda a simplificación dos conceptos retributivos, nin se garante a homoxeneización de salarios dos diferentes ministerios. Como tampouco incorpora mecanismos de recuperación da perda do poder adquisitivo e segue mantendo un sistema retributivo atomizado.

Salario en diferido

Outra das cuestións abordadas foi a aposta polos plans de pensións privados e contratos de seguro; porque no art. 97 se recoñece a consideración de “retribucións diferidas” das achegas aos plans de pensións privados. É dicir, que computan como subas salariais. “Lembremos que desde o ano 2004 o BBVA xunto con CCOO e UGT xestionan un Plan de Pensións que desde o 2012 non recibe ningún tipo de achega e que ten un fondo de máis de 600 millóns de euros”.

Canda estes aspectos rexeitados pola central sindical, está tamén o non recoñecemento da xornada de 35 horas; que siga sen abordarse o dereito a xubilación parcial, nin a xubilación obrigatoria aos 65 anos; que se abra a posibilidade da “mobilidade forzosa” do persoal (art. 63) a nivel ministerial e intraadministrativa; que se poidan atribuír funcións temporais a persoal que non lle son propias, nin recoñecidas na relación de postos de traballo ou que siga sen garantirse que as convocatorias se fagan o mesmo ano que a aprobación da oferta.

Precarización das condicións laborais

Por iso desde a CIG enténdese que, aínda que o RD non contemple a totalidade dos motivos expostos, si que senta as bases para a posterior aplicación da Lei de Función Pública, e con ela a precarización das condicións laborais do persoal. “Cuestións como o teletraballo, que está sen regular e que afectará na prestación do servizo á cidadanía pero tamén na saúde laboral do persoal empregado público; a politización dos postos directivos, que ademais estarán fóra da regulación que establece a propia lei de FP, co que isto supón; ou que non se contemple a posibilidade de ter unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC, máis tendo en conta que o persoal público leva perdido máis do 18% de poder adquisitivo nos últimos anos.