China-Estados Unidos-Rusia, a nova batalla do Pacífico

Augusto Zamora R. -

A nova batalla do Pacífico está a mudar o mundo e máis que vai mudar, aínda que nesta Europa decrépita e avellentada ninguén quere facer por saber de que vai isto ou opte por mirar a outro lado

 O pasado novembro, os presidentes de China e EUA realizaron senllas xiras polo sueste asiático, que incluíron un cume bilateral en Beijing, nun episodio máis da crecente rivalidad entre as dúas potencias na nova cerna económica do planeta. A pugna xorde dunha ecuación básica: EUA quere manter como sexa, na rexión, a súa condición de potencia heXemónica, que ocupa desde a II Guerra Mundial; China quéreo lonxe e encher o espazo que ocupa. EUA quere rearmar os seus aliados, para que fagan fronte común contra China e Rusia; China quere as tropas de EUA lonxe das súas fronteiras e unha veciñanza neutral. A guerra, polo de agora, limítase ao económico e comercial, pero cun crecente cheiro a pólvora. Ambas as potencias (así como Rusia, cómpre non esquecela) modernizan e multiplican os seus arsenais vendo, a medio prazo, un horizonte no que, se non se alcanza un estatus aceptábel para todos -tema ben difícil, pois os seus intereses son, ademais de disímiles, contrapostos-, os temas económicos e comerciais pasarán a segundo nivel e as armas ocuparán o primeiro.

 Non se trata dunha afirmación gratuíta ou especulativa. O 3 de novembro, durante unha reunión da Comisión Militar Central (CMC), da que é presidente, Xi Jinping, vestido de militar, afirmou que “a CMC debe encabezar as forzas armadas para que estean listas para pelexar e gañar guerras e para emprender as misións e tarefas da nova época que lles sexan encomendadas polo Partido e polo pobo”. Trump, pola súa banda, no seu primeiro discurso en Xapón, na base militar estadounidense de Yokota, afirmou: “Dominamos o ceo, dominamos o mar, dominamos a terra e o espazo”, para, acto seguido, afirmar que “mentres sexa presidente, os homes e mulleres do Exército que defenden a nosa nación terán o equipamento, os recursos e o financiamento que necesiten para… responder aos nosos inimigos de xeito rápido e decisivo, e cando sexa necesario, para loitar, para dominar, e gañar sempre”. Nunha reunión coa comisión de Defensa, Vladimir Putin afirmou que as Forzas Armadas rusas deben posuír o armamento máis moderno, de igual ou superior nivel do armamento estranxeiro. “Non só desenvolver nova tecnoloxía e armamento, senón tamén estarmos preparados para empezar a producilos en serie sen demora ningunha”. “Porque se queremos ir adiante e queremos vencer, debemos ser os mellores”, puntualizou Putin

 Conscientes dos intereses en xogo no Pacífico, en 2016, o goberno ruso decidiu construír unha gran base naval na illa kuril de Matua -reclamada por Xapón-, para reforzar a presenza rusa no Pacífico norte e servir de ligazón entre os seus outras dúas grandes bases navais, a de Vladivostok e a de Kamchatka. Ao mesmo tempo, Rusia reconstruirá toda a rede de aeroportos existente nas Kurís, para facer dese arquipélago base da súa proxección no océano Pacífico, aínda que dirixida esta proxección ao arco que vai desde Xapón ao Círculo Polar Ártico. Nese océano, Rusia está construíndo unha extensa e –polo de agora- incontestada rede de bases militares e aeroportos, para consolidar a súa condición de potencia dominante, aproveitando a amplitude das súas costas árticas. Tamén fai grandes investimentos, para aproveitar as inmensas reservas enerxéticas existentes, que o cambio climático fixo accesíbeis.

 Trump escolleu visitar os seus tres principais aliados na rexión -Xapón, Corea do Sur e Filipinas-, países que concentran o groso das bases militares estadounidenses no sueste asiático. Un paso obvio, pois, en caso de conflito con China e Rusia, EUA necesitaría perentoriamente do apoio deses aliados. Corea do Norte, neste xogo de poderes mundiais, é un pretexto magnífico para xustificar o rearmamento de Xapón e Corea do Sur, obxectivo perseguido por EUA desde hai moitos anos, porque ambos os países son o máis parecido á OTAN que poida ter Washington no sueste asiático. A inflada crise con Corea do Norte serviu para que Corea do Sur relance o seu programa de mísiles balísticos (o que, en Occidente, ninguén comenta) e, mesmo, insinúe a posibilidade de se dotar das súas propias armas nucleares.

 O tema norcoreano está servindo tamén para que Xapón rompa o muro do artigo 9 da súa Constitución -que limita á estrita autodefensa a capacidade militar xaponesa-, para se converter en potencia militar con liberdade para proxectar o seu poder no exterior. Aínda que o asunto pase aquí inadvertido, trátase dunha decisión en extremo delicada para a paz mundial, pois nada xera máis receo e animadversión no sueste asiático que un rearmamento de Xapón. Para China trataríase dun casus belli, pois, ademais do rancor histórico e irresolto existente polas barbaries perpetradas por Xapón antes e durante a II Guerra Mundial, Beixing non pode admitir, sen risco para a súa propia hexemonía, un Xapón rearmado e agresivo. A xira de Trump foi, en tal sentido, como levar lume a un depósito de pólvora. Baixo a súa presión, Seúl e Toquio asinaron contratos multimillonarios de compravenda de armamento estadounidense, facendo aínda maior a autoestrada cara á confrontación. Comparado cun conflito chinés-xaponés, o tema norcoreano e o seu baile de mísiles sería un simple xogo de parvulario.

 Tanto Trump como Xi Jinping visitaron Vietnam, país fronteirizo con China e cunha costa extensa, que fai que sexa o país máis afectado polas reclamacións chinesas no Mar da China Meridional. A rivalidade sino-estadounidense elevou o valor xeoestratégico de Vietnam, pois EUA soña con incorporalo á súa alianza anti-chinesa, en tanto China necesita da súa amizade, tanto para pecharlle o paso a EUA, como para demostrar á veciñanza que China non é unha potencia imperialista máis e que non impoñerá os seus intereses con forza bruta. O mellor xeito de demostralo é xestionando axeitadamente as súas relacións con Vietnam Nesa liña, Xi e o seu colega vietnamita, Nguyen Phu Trong, acordaron abordar bilateralmente a controversia marítima e promover a cooperación entrambos os países, así como manter a paz e a estabilidade no Mar Meridional de China, sobre a base do consenso. Conta, ademais, o factor ruso, pois Vietnam renovou con Rusia os estreitos vínculos que mantivo coa Unión Soviética, tanto que Moscova podería reabrir a base soviética de Cam Ramh, co propósito de reforzar a presenza rusa nesa parte do océano Pacífico, algo que China ve con bos ollos, pois contribúe a esvaer as pretensións de EUA.

 En Vietnam coincidiron Putin, Xi e Trump para asistir en Danang, do 10 ao 11de novembro, á XXV cimeira anual do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC, polas súas siglas en inglés). Os 21 membros da APEC, fundada en 1989, representan o 54% do PIB mundial, o 49% do comercio global e o 39% da poboación do planeta. Porén, máis aló das cifras, Putin, Xi e Trump desexaban demostrar o seu interese polo que é, xa, a rexión máis estratéxica do mundo e escenario principal do novo reordenamento planetario. De Vietnam trasladouse Trump a Filipinas, para participar na Cimeira da ASEAN, mentres Xi quedaba en visita oficial en Vietnam, aínda que enviou o seu primeiro Ministro, Li Keqiang, a Manila. Cada quen ao seu. China está ampliando a máximos históricos a súa relación con Hanoi, mentres Trump segue na súa cruzada para consolidar unha fronte anti-chinesa. As diferenzas entre un e outro mídense nos resultados. Trump foise, de feito, coas mans baleiras, en tanto China segue sumando acordos cos seus veciños do sur.

 O fracaso de Trump era noticia anunciada, a partir da súa decisión de retirar a EUA do Tratado Transpacífico (TTP), o que mingou a influencia de EUA ante os seus socios da APEC. No seu discurso neste foro, Trump mantivo a súa crítica demoledora contra os tratados comerciais multilaterais, acusándoos de danar a EUA, e avogando por subscribir tratados bilaterais que non danen nin o emprego nin a industrialización do país. Unha proposta vista con reserva por moitos países, conscientes de que unha negociación bilateral cun país moito máis poderoso que eles lles resultará prexudicial. Xi Jinping, coñecedor dese dilema, presentouse como o adaíl de libre comercio e adversario do proteccionismo. “A historia aprendeunos que co desenvolvemento a portas pechadas non se irá a ningún lado, mentres o desenvolvemento aberto é a única elección correcta”, afirmou o presidente chinés no seu discurso ante a APEC. Desde esa liña, China e os países da APEC e a ASEAN comparten o propósito de duplicar o seu intercambio comercial, dos 500.000 millóns de dólares de 2017 ao billón de dólares en 2020. Tampouco estivo ausente a controversia sobre o Mar da China Meridional. En 2012, China e a ASEAN asinaron unha declaración que prevía crear un código de conduta común entre os países reclamantes, para evitar fricións. En Manila anunciouse que, “os países membros da ASEAN aceptaron comezar oficialmente negociacións con China sobre o código de conduta”. China segue, así, desactivando o conflito.

 EUA, China e Rusia moven as súas fichas no chamado Extremo Oriente, sentando as bases para a vindeira e definitiva Batalla do Pacífico. Non se parecerá en nada á do século XX, a partir da magnitude dos contendentes. O Xapón imperial era un país de 378.000 quilómetros cadrados e EUA, de case 9 millóns. EUA posuía petróleo en abundancia, Xapón carecía completamente del. EUA era a maior potencia industrial do mundo, Xapón unha potencia media. Xapón combatía desde Australia até Corea, EUA dedicaba case todos os seus recursos a combater a Xapón. China é outra dimensión en territorio, poboación, desenvolvemento industrial e recursos naturais. China máis Rusia, unha alianza imbatíbel. A nova batalla do Pacífico está a mudar o mundo e máis que vai mudar, aínda que nesta Europa decrépita e avellentada ninguén quere facer por saber de que vai isto ou opte por mirar a outro lado, ocupados como están en disputas decimonónicas.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 4 de decembro de 2017]

Volver