Chile e Venezuela

Leandro Grille -

Polo de agora, a gran diferenza entre os procesos de Chile e Venezuela é o desenlace. Allende foi vítima dun golpe de Estado militar ao que resistiu coa súa vida e o goberno venezolano non foi derrocado aínda, nin sequera por un golpe de Estado, aínda que o intentaron. Venezuela deféndese como pode. Hugo Chávez díxoo: a diferenza da chilena, a nosa non é unha revolución desarmada

 Nicolás Maduro non é Salvador Allende. Nin é Hugo Chávez. Venezuela, ademais, non é Chile. Até aí as afirmacións son dunha trivialidade tal que se poderían obviar. Porén, o paralelismo entre a revolución bolivariana e o goberno da Unidade Popular, encabezado polo inesquecíbel presidente mártir, é enorme. E negalo, descoñecelo ou evitalo é condición necesaria para se desentender e afrontar un proceso político contemporáneo sen a necesidade de reformular vellos amores aínda vixentes.

 Propóñome expor brevemente, dentro das limitacións da miña formación, algunhas claves deste paralelismo máis aló de que non existen procesos históricos e políticos homologábeis nun sentido profundo, moito menos cando operan sobre sociedades e tempos distintos.

 Historicamente Venezuela tivo unha economía baseada na extracción e comercialización das súas enormes reservas petroleiras. Chile, pola súa banda, fundou a súa economía durante décadas na explotación do salitre, até o seu declive tras o desenvolvemento do salitre sintético, e tras iso viviu literalmente da extracción e exportación de cobre que, no momento de chegar Salvador Allende á Presidencia, significaba o 75% das exportacións chilenas e máis do 30% dos ingresos tributarios. Ambas eran economías extractivistas, fortemente dependentes do prezo internacional dun recurso natural preponderante.

 Unha primeira gran semellanza entre o goberno da UP e o proxecto político inicialmente liderado por Hugo Chávez foi a vontade manifesta de construír un camiño ao socialismo por vía democrática nun país do terceiro mundo, recorrendo ás urnas e non ás armas. Este propósito común de resolver de xeito pacífico a contradición capital traballo a favor dos explotados mediante a construción dun Estado socialista por vía electoral, aínda non probou a súa viabilidade en ningún territorio do mundo. Non hai precedentes.

 Non é extraordinario, entón, que os dous procesos políticos concentren a súa vocación socializante na redistribución da renda producida polo seu principal capítulo económico, nin pode sorprender que a caída -forzada- do prezo internacional do cobre entre o ano 1971 e o ano 1973, para Chile, e a do prezo do barril de petróleo a partir do ano 2014, para Venezuela, tivesen as consecuencias económicas devastadoras que tiveron en ambos os países.

 A crise económica da Chile de Salvador Allende foi tan grave e tan encirrada polos Estados Unidos como a crise venezolana. Desde que Allende obtivo a presidencia de Chile, Estados Unidos, gobernado nese altura por Richard Nixon e co xenocida Henry Kissinger á fronte do Departamento de Estado, tomou a decisión de derrocalo e para iso argallou un plan, coñecido como FUBELT: para destruír a economía chilena, irradiala do mundo e producir un golpe de Estado que derrocara o goberno marxista ao que consideraban unha grave ameaza aos seus intereses.

 As probas da súa actuación coñecéronse 25 anos despois, cando se desclasificaron os documentos, mais era evidente para calquera observador que non fose politicamente inxenuo ou cómplice. Se o primeiro ano de Allende significou unha mellora substantiva na capacidade de consumo da poboación, crecemento económico, expansión de dereitos, impulso de políticas públicas de avanzada, os anos posteriores -condicionados por unha guerra económica interna e externa conducida por Estados Unidos e executada polos sectores máis poderosos de Chile e os seus medios afíns, máis a abrupta -e deliberada- caída do prezo internacional do cobre tras a nacionalización de 1971, marcaron un esfarelamento da economía, dous anos seguidos de caída do produto bruto, deterioración do salario real e inflación galopante, que chegou a ser os últimos dous anos do goberno de Allende a máis alta do mundo, superando o 600%.

 A política de control de prezos que aplicou o goberno de Chile para conter a inflación é perfectamente comparábel á lei de prezos xustos venezolana, e o poder económico respondeu do mesmo xeito: con desabastecemento e acaparamento. Os chilenos debían facer longuísimas ringleiras para obteren produtos básicos a prezo regulado, ou pagar grandes cantidades no mercado negro que esquivaba o control do Estado. En Venezuela aconteceu o mesmo. E ao desabastecemento inducido, a resposta do Estado venezolano foi a mesma que a resposta do goberno da UP: Allende creou as JAP (Xuntas de Abastecemento e Control de Prezos) e Nicolás Maduro creou os CLAP (Comité Locais de Abastecemento e Produción) que talvez funcionaron mellor que as JAP, entre outras cousas porque, evidentemente, as autoridades venezolanas analizaron aquela experiencia e fixeron o posíbel para que, a diferenza das JAP chilenas, os CLAP venezolanos non sexan sabotados e perseguidos.

 O descontento social venezolano dos últimos anos e o chileno da época de Allende motivado pola guerra económica e as súas duras consecuencias sobre a vida cotiá dos chilenos, tamén foi comparábel. E nas eleccións parlamentarias de 1973, a Confederación para a Democracia (CODE, versión chilena da actual Mesa de Unidade Democrática que agrupa a dereita venezolana) obtivo o 56% dos votos, contra o 43% que obtivo a Unidade Popular de Salvador Allende, quedando coa maioría das bancadas, con números que son singularmente parecidos á elección da Asemblea Nacional que perdeu o chavismo no medio dunha crise idéntica, porque en 2015 a MUD venezolana obtivo o 56% dos votos contra o 41% do Partido Socialista Unido de Venezuela.

 Que fixo Allende cun parlamento opositor? A oposición chilena agrupada na CODE quería os dous terzos para poder acusar e, eventualmente, destituír a Allende como fixeron hai pouco con Dilma, e como quixeron facer con Maduro. Non chegaron de casualidade. Pero controlaron o parlamento, e a oposición chilena intentou usar a súa maioría parlamentaria ampla para promover unha reforma constitucional cun proxecto coñecido como Hamilton - Fuentealba que intentaba parar as políticas estatizadoras e socialistas de Allende. Allende vetou o proxecto e, por iso, foi acusado de incumprir a legalidade e pasar por arriba do poder lexislativo. Foi acusado en parecidos termos que Nicolás Maduro e o odio político das clases medias e altas expresouse na rúa, con mobilizacións cada vez máis duras, e tamén masivas, onde tamén participaron estudantes universitarios -non foron só os camioneiros- e inxentes sectores sociais, entre os cales sectores medios e profesionais, como médicos, avogados, dentistas e comerciantes. A Allende quentáronlle a rúa e non houbo 60 mortos, houbo máis de 100, e acusárono de asasino, de tirano, de todo. Entrementres, os sectores aliados co burguesía promovían o golpe, concentrábanse na porta dos cuarteis e participaban en conspiracións. Se nestes días a fiscalía xeral de Venezuela se pregou á oposición, tamén se pregou a contraloría xeral da República en Chile cando acusaron a Allende de descoñecer a Constitución por vetar o proxecto dos opositores de dereita, que se propoñía impedir a expropiación de terras e a intervención no comercio e no apartado dos transportistas.

 Por que moitos cren que Salvador Allende era un home democrático e pacífico e o seu goberno un exemplo inesquecíbel e se permiten á vez aborrecer o proxecto dos bolivarianos? Non é logo unha inconsistencia? Polo de agora, a gran diferenza é o desenlace. Salvador Allende foi vítima dun golpe de Estado militar ao que resistiu coa súa vida e o goberno venezolano non foi derrocado aínda, nin sequera por un golpe de Estado, aínda que o intentaron. Venezuela deféndese como pode. Hugo Chávez díxoo: a diferenza da chilena, a nosa non é unha revolución desarmada. Fidel anticipoullo a Salvador Allende no seu discurso de despedida no Estado Nacional, ao final dun percorrido de tres semanas por territorio de Chile, en decembro de 1971. Despois de ver a experiencia -única na historia de construción do socialismo por vía pacífica-, advertiulle ao pobo de Chile que a violencia era inexorábel, porque a dereita ía a impoñela: “Regresarei a Cuba máis revolucionario do que vin! Regresarei a Cuba máis radical do que vin! Regresarei a Cuba máis extremista do que vin!”

 O que está a acontecer en Venezuela non é estraño á historia de América Latina. Nin a actitude da OEA o é. Nin a violencia o é. Nin a crise. Nin os mortos. Nin a guerra económica. Nin as trolas dos medios. Nin a intervención da man negra dos Estados Unidos. Nin o desabastecemento programado. Nin o acaparamento criminal. Nin as enorme ringleiras, nin a inflación astronómica, nin o mercado negro, nin o control de prezo, nin os CLAP, nin as derrotas electorais no medio de crises operadas, nin a caída maxestosa do prezo do recurso económico máis importante, nin as manifestacións das clases altas e medias. Nin as acusacións de inconstitucionalidade. Nin as acusacións de despotismo e tiranía. Porque o que está sucedendo vén organizado desde o mesmo lado e co mesmo obxectivo que hai corenta e catro anos. É contra os mesmos. Soamente aggiornaron os seus métodos, porque como tamén dixo Fidel aquel día no Estadio Nacional de Chile, a dereita aprende antes que o pobo humilde. Mais o pobo humilde tamén aprende. E como agora é máis difícil que apareza un Pinochet en Venezuela, entón piden a intervención internacional. Tamén en Chile se anticipaba unha guerra civil. Diso falábase no 73. Para min, nada é substancialmente distinto. Tampouco son distintos os que non van soltar a man da Revolución Venezolana. Nin é distinta a dereita que está enfronte. Que non escachen de novo os cristais dos lentes de Salvador Allende.

 

[Texto tirado do sitio web Cuba Debate, do 22 de xuño de 2017]

 

Volver