Chile: E se non houbese golpe de estado en 1973?

Vijay Prashad - 11 Set 2023

Cando o pobo de Chile, liderado polo goberno de Unidade Popular, tomou control da súa vida económica e política e traballou arreo para mellorar o seu mundo social e cultural, lanzou unha faísca ao ceo anunciando as grandes posibilidades do socialismo

 Imaxine este escenario. O 11 de setembro de 1973, os sectores reaccionarios do exército chileno, dirixidos polo xeneral Augusto Pinochet e con luz verde do goberno estadounidense, non abandonaron os seus cuarteis.

 O presidente Salvador Allende, que encabezou o goberno da Unidade Popular, abría acudido ao seu despacho de La Moneda en Santiago para anunciar un plebiscito sobre o seu goberno e pedir a renuncia de varios xenerais de alto rango. Logo, Allende continuaría a súa loita para reducir a inflación e facer realidade o programa do seu goberno para promover a axenda socialista en Chile.

 Até o momento en que o exército chileno atacou La Moneda en 1973, Allende e o goberno da Unidade Popular estaban nunha loita campal para defender a soberanía de Chile, particularmente sobre os seus recursos de cobre e as súas terras, mentres buscaban recadar fondos suficientes para erradicar a fame e o analfabetismo. e producir medios innovadores para brindar atención médica e vivenda. No programa da Unidade Popular (1970), o goberno de Allende fundou os seus estatutos:

 ‘As aspiracións sociais do pobo chileno son lexítimas e é posíbel de satisfacela. Queren, por exemplo, unha vivenda digna sen reaxustes que esgoten os seus ingresos; escolas e universidades para os seus fillos; salarios dignos; poñer fin de vez aos prezos elevados; traballo estábel; atención médica correcta; iluminación pública; sumidoiros; auga potábel; rúas e beirarrúas pavimentadas; un sistema de seguridade social xusto e que funcione, sen privilexios e sen pensións de miseria; teléfonos; policía; parques infantís; áreas de lecer; e populares centros turísticos costeiros e de vacacións’.

 A satisfacción destes xustos desexos do pobo –que, en verdade, son dereitos que a sociedade debe recoñecer– era unha preocupación de alta prioridade para o goberno popular.

 Facer realidade os ‘xustos desexos do pobo’ –un obxectivo loábel– foi posíbel no medio do optimismo do pobo polo goberno da Unidade Popular. A administración de Allende adoptou un modelo que descentralizou o goberno e mobilizou á cidadanía para lograr os seus propios «desexos xustos».

 Se este modelo non se interrompese, os depositantes das institucións de seguridade social do goberno permanecerían nos consellos directivos con supervisión destes fondos.

 As organizacións de habitantes de barrios marxinais seguirían supervisando as operacións do departamento de vivenda encargado de construír vivendas de calidade para a clase traballadora.

 As vellas estruturas democráticas seguirían fortalecéndose a medida que o goberno utilizase novas tecnoloxías (como o Proxecto Cybersyn) para crear un sistema de decisión distribuído. «Non se trata só destes exemplos», sinalou o programa, «senón dunha nova comprensión na que o pobo participe nas institucións estatais de maneira real e eficiente».

 Cando o pobo de Chile, liderado polo goberno de Unidade Popular, tomou control da súa vida económica e política e traballou arreo para mellorar o seu mundo social e cultural, lanzou unha faísca ao ceo anunciando as grandes posibilidades do socialismo. Os seus avances reflectiron os que se lograron en varios outros proxectos, como en Cuba, e aumentaron a confianza da xente en todo o Terceiro Mundo para probar as súas propias posibilidades. A erradicación da pobreza e a creación de vivendas para cada familia foi unha inspiración para América Latina.

 Se o proxecto de Unidade Popular non fose truncado, moi ben podería ter alentado outros proxectos de esquerda para exixir a satisfacción de desexos xustos nun mundo onde fose posíbel alcanzalos. Xa non viviriamos nun mundo de escaseza, que impide a realización destes desexos. Non terían chegado os Chicago Boys coa súa nociva axenda neoliberal para experimentar no laboratorio dun réxime militar. As mobilizacións populares terían desenmascarado o desexo ilexítimo da clase capitalista de impoñer a austeridade ao pobo non nome do crecemento económico. A medida que o goberno de Allende ampliaba a súa axenda, impulsado por un goberno descentralizado e pola mobilización popular, os «xustos desexos» do pobo poderían ter eclipsado a estreita cobiza do capitalismo.

 Se non houbese golpe en Chile, se cadra non habería golpes en Perú (1975) e Arxentina (1976). Sen estes golpes, se cadra as ditaduras militares de Bolivia, Brasil e Paraguai terían desaparecido ante a mobilización popular, inspirada no exemplo de Chile. Se cadra, neste contexto, a estreita relación entre Salvador Allende de Chile e Fidel Castro de Cuba tería roto o bloqueo ilegal de Washington á Cuba revolucionaria.

 Quizais as promesas feitas na Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD) celebrada en Santiago en 1972 poderíanse ter cumprido, entre elas a promulgación dunha sólida Nova Orde Económica Internacional (NOEI) en 1974 que deixaría de lado os privilexios imperiais do complexo Dólar-Wall Street e as súas axencias asistentes, o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial.

 Mais o golpe ocorreu. A ditadura militar matou, fixo desaparecer e enviou ao exilio a centos de miles de persoas, poñendo en marcha unha dinámica de represión que a Chile lle resultou difícil reverter a pesar do retorno á democracia en 1990. De ser un laboratorio do socialismo, Chile –baixo o férreo control dos militares- converteuse nun laboratorio do neoliberalismo.

 A pesar da súa poboación relativamente pequena de aproximadamente dez millóns (unha décima parte da poboación de Brasil), o golpe de estado en Chile en 1973 tivo un impacto global. Nese momento, o golpe non foi visto só como un golpe contra o goberno da Unidade Popular de Salvador Allende, senón como un golpe contra o Terceiro Mundo. [...]

 Na terceira sesión da UNCTAD en Santiago (1972), Allende dixo que a misión da conferencia era substituír «unha orde económica e comercial obsoleta e radicalmente inxusta por un equitativa que se basease nun novo concepto do home e da dignidade humana e «Reformular unha división internacional do traballo que é intolerábel para os países menos avanzados e que obstaculiza o seu progreso favorecendo só as nacións ricas». Esta foi exactamente a dinámica que descarrilou co golpe de estado en Chile, así como con outras manobras do bloque imperialista. [...]

 Dúas semanas antes do cincuentenario do golpe de estado en Chile, faleceu Guillermo Teillier, presidente do Partido Comunista de Chile (PC). No seu funeral, o secretario xeral do partido, Lautaro Carmona Soto, describiu como Teillier –co fume golpista aínda no aire– foi traballar a Valdivia para protexer e logo construír o partido como parte dunha resistencia máis ampla ao réxime golpista.

 En 1974, Teillier foi arrestado en Santiago e posteriormente retido e torturado durante dous anos na Academia de Guerra Aérea. Durante un ano e medio máis, Tellier estivo recluído en campos de concentración de Ritoque, Puchuncaví e Tres Álamos. Liberado en 1976, agochouse e continuou reconstruíndo o partido para que recuperase a súa forza de combate, ao que se uniu ao ano seguinte a líder do PC, Gladys Marín. Este era un traballo perigoso, A situación fíxose aínda máis perigosa cando Tellier asumiu o liderado da comisión militar do partido, que xestionou a axuda enviada desde Cuba a Chile e supervisou a creación e as operacións da Fronte Patriótica Manuel Rodríguez (FPMR), o brazo armado do PC.

 Aínda que os intentos de asasinar a Pinochet fracasaron, un traballo máis amplo para construír o movemento a prol da democracia si tivo éxito. Foi a valentía e o sacrificio de persoas como Tellier, Marín e moitos outros –normalmente anónimos– os que puxeron fin á ditadura de Pinochet e os Chicago Boys en 1990

 O golpe de 1973 en Chile destruíu vidas e puxo fin a un proceso moi prometedor. Hoxe é necesario revivir esa promesa.

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 7 de setembro de 2023]