CGTP-IN e CIG responsabilizan os poderes públicos da sobreexplotación a través da fronteira galego-portuguesa

Ambas centrais acordaron o pasado xoves 27 unha axenda común na problemática dos traballadores/as transfronteirizos/as
Nacional - 02 Out 2018

A situación de estrema gravidade pola que pasan os traballadores/as que cruzan a raia galego-portuguesa, con salarios de miseria, xornada extenuantes, discriminación e condicións abusivas en subcontratas de sectores como a construción é froito da permisividade das administracións públicas, tanto comunitarias como dos Estados español e portugués. Esta é unha das conclusións dun novo encontro entre CIG e CGTP-IN enmarcado no protocolo de colaboración subscrito entre as dúas centrais o pasado febreiro, mediante o que procuran a fin da sobreexplotación transfronteiriza e dignificar as condicións laborais independentemente do país de orixe.

O local da CIG de Verín acolleu o pasado xoves 27 de setembro unha nova reunión inscrita no marco de colaboración asinado entre CIG e a CGTP-IN para abordar a grave situación laboral daqueles traballadores/as que se desprazan a ambos lados da fronteira galego-portuguesa para exerceren a súa actividade.

Denuncian que as empresas, na súa maioría subcontratas que operan nas obras públicas das provincias de Ourense e Pontevedra, captan man de obra precaria en Portugal co obxectivo de maximizar o lucro mediante a vulneración dos dereitos sociais e táboas salariais dos convenios preceptivos da nosa lexislación, favorecendo o chamado “dumping social”.

Alén disto, exercen graves abusos sobre os operarios con actividade en infraestruturas como a ponte de Rande, Zona Franca e obras municipais de Vigo ou que atinxen á Xunta, con salarios que poden descender, como no caso das obras do AVE, até os 4 euros a hora.

Situacións próximas á escravitude

Entre as situacións máis flagrantes destacan a obriga de cobraren en negro, devolveren parte do salario ao voltaren a Portugal, teren domicilios ficticios en Galiza , asinaren declaracións de xornadas de 8 horas cando poden chegar até as 20 ou contratacións camufladas de falsos/as autónomos/as. Sinalan casos de persoal que leva 15 anos traballando en Galiza coa alta aínda vixente na seguridade social portuguesa.  

Denuncian abusos propios da escravitude e castigos exemplares ás actitudes reivindicativas

 Outras, próximas á escravitude, implican o feche en pisos coa imposibilidade de saíren sen a tutela dun encargado, non facilitarlles efectivo ou o requisito de asumiren os gastos de combustíbel e rodas no caso do desprazamento en furgóns.

Por se fora pouco, obrigan a asinar unha entrega ficticia de EPIs (Equipas de Proteción Individual) que nunca se disponibilizan, e todo nun sector cunha sinistralidade laboral en aumento, mesmo con casos frecuentes de mortes.

No caso dos traballadores/as máis reivindicativos/as, poden ser castigados mediante diversas fórmulas, como o atraso no abono das pagas extra, privalos do dereito a vacacións no verán ou o aumento nas retencións para diminuír o salario.

Situación inversa

Tamén se dan, en menor medida, casos de galegos/as cunha problemática similar en Portugal, así como a deslocalización de empresas galegas ao outro lado da raia para escaparen da lexislación en materia de prevención e rebaixar as condicións sociais e salariais.

Sociedades pantasma

Outra práctica estendida é a das sociedades pantasma con sedes no país luso que desaparecen cando a administración detecta as irregularidades, chegando a abandonar á súa sorte os traballadores/as cando se ven descubertas. Existen, neste sentido, oficinas baleiras como sede de múltiples sociedades.

Culpabilidade das administracións

Esta situación é produto, segundo ambas centrais, da ausencia de controis e da permisividade das diferentes administracións, tanto a autonómica como a dos Estados español e portugués, así como da desregulación existente no marco da UE.

Neste sentido, denuncian que o número de inspectores/as a un e outro lado do Miño son insuficientes para vixiar estes incumprimentos, alén de que as denuncias efectuadas até o momento non deron ningún resultado.

Axenda común

Por todo isto, CIG e CGTP encetan unha axenda común que implicará denuncias simultáneas a norte e sur da fronteira co obxectivo de rematar cunha sobreexplotación transversal, que afecta por igual a clase traballadora de ambas nacións. 

Mobilizacións conxuntas ou unha denuncia ante a OIT, sobre a mesa

Entre as accións a desenvolver, salientan o intercambio continuo de documentación e a colaboración na resolución de conflitos, así como a petición de responsabilidades ás administracións respectivas ou a socialización desta problemática mediante conferencias de prensa conxuntas. Non descartan, mesmo, a convocatoria de mobilizacións comúns a ambos lados da raia.

Por último, indican que valorarán a posibilidade de denunciar estes feitos antes a OIT (Organización Internacional do Traballo), da que forman parte ambas centrais, para que esixa ás administracións implicadas unha solución á situación da clase traballadora afectada na fronteira galego-portuguesa.

Asistentes por parte da CIG e da CGTP-IN (FEVICCOM)

Á reunión do 27 de setembro asistiron pola FEVICCOM (Federação Portuguesa dos Sindicatos da Construção, integrada na CGTP) José Martins, responsábel do sindicato na rexión do Norte, e Nuno Gonçalves e Pedro Jorge Soares, da Rexión do Sur de Portugal.

Pola CIG, Xosé Lois Rivera, responsable de Relacións Internacionais, Francisco González Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, Plácido Valencia, o secretario nacional da FCM, Carlos Méndez, secretario comarcal da FCM en Vigo e Óscar Núñez, secretario da Unión Local de Verín-A Limia