Un milleiro de traballadoras do comercio de alimentación maniféstanse en Lugo por un convenio digno

Lugo - 18 Xun 2023

Arredor de 1000 traballadoras e traballadores do comercio de alimentación manifestáronse este domingo polas rúas de Lugo para reclamar un convenio digno con subas salariais xustas. O persoal denunciou que o convenio provincial é dos máis cativos do país e mentres as grandes empresas do sector (como Gadis e Froiz) están batendo todos os seus records de ganancias, a maioría das traballadoras e traballadores apenas cobra o Salario Mínimo Interprofesional.

A marcha, que precede á xornada de folga convocada para o venres 23 de xuño (a primeira que se convoca neste sector na provincia), saíu pouco despois do mediodía de diante do Froiz da rúa Montero Ríos, pasou polo Gadis da rúa Quiroga Ballesteros e rematou diante da sede da Confederación de Empresarios de Lugo, na Praza de Santo Domingo.

Con este percorrido pretendíase sinalar as dúas empresas que, por número de traballadoras/es, ostentan a representación do 100% do comercio de alimentación na provincia, e que polo tanto son as responsábeis de "querer seguir condenando o persoal nesta negociación á precariedade e de afondar nas desigualdades coas condicións salariais e laborais que existen nos convenios doutras provinciais".

Como exemplo, a CIG-Servizos apunta que, ademais das melloras sociais e laborais, as diferenzas económicas entre traballar nun Gadis ou nun Froiz de Guitiriz e traballar nun do concello de Teixeiro "chegan aos 300 euros ao mes".

Por iso, critican que, malia os beneficios millonarios que están a obter as distribuidoras dende o inicio da pandemia, aumentados agora pola suba desbocada dos prezos, a patronal non está sendo "nin xusta nin xenerosa" coas traballadoras e traballadoras nin está recoñecendo como se merece o enorme esforzo realizado polo persoal neste período.

"É o momento de dar unha resposta contundente"

O secretario comarcal da CIG-Servizos, Xoán Díaz, animou a dar unha resposta contundente á patronal e participar de xeito masivo na folga do día 23 e en todas as mobilizacións que se convoquen. Neste senso, criticou o escurantismo e as negociacións paralelas vía "correos electrónicos" a través das que, supostamente, UGT tería chegado a un preacordo coa patronal, aínda que nin sequera se convocou a mesa de negociación para presentar o documento, discutilo e trasladar contrapropostas.

Díaz aclara que ese suposto preacordo non vale porque non cumpre coas liñas vermellas marcadas polas asembleas do persoal; é dicir, garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Aínda que, en calquera caso, "será o sector, nas asembleas convocadas para a próxima semana, quen de maneira soberana decida sobre esa proposta".

Xoán Díaz lembra que os incrementos económicos ofertados non igualan sequera o IPC e continúan deixando a maioría do persoal con soldos ao límite do SMI, que non se contempla unha cláusula de revisión salarial ao IPC con carácter retroactivo, nin o complemento do 100% nas baixas, non se mellora a xornada, nin se regulan os sábados de calidade co domingo festivo nos concellos onde hai feiras ese día.

Por iso, reitera que é o momento de demostrarlle á patronal que o sector está farto de tanta precariedade e que está en disposición de pelexar para conseguir un convenio digno, con salarios xustos e melloras reais nas condicións de traballo.