Centos de traballadores e traballadoras do sector de ambulancias reclaman en Compostela a negociación do convenio

Denuncian que se teñen abordado xa moitos temas pero a patronal continúa sen aclarar nada
Nacional - 15 Xun 2023

Centros de traballadores e traballadoras do sector de ambulancias percorreron esta mañá as rúas da capital de Galiza para reclamar da patronal que na xuntanza do vindeiro día 19 de xuño se avance nas negociacións do convenio colectivo.

Segundo explicaron, tras celebrarse o pasado luns, día 5 de xuño, a sétima reunión da mesa negociadora do convenio colectivo galego de ambulancias, as centrais sindicais con representación acordaron cambiar o pé da negociación á vista dos pobres resultados acadados até o momento.

Inicialmente a patronal falar dunha negociación rápida pola urxencia dos novos concursos públicos e ter clarificado antes o terreo laboral. Por parte dos sindicatos unificáronse as plataformas nunha única para facilitar a negociación.

Porén, e malia ter falado xa de moitos temas, “seguimos sen aclarar nada e sen saber moi ben que explicar aos traballadores e traballadoras do sector, precisamente por esa falta de concreción pola parte patronal”, explican.

Na última xuntanza as partes quedaron en levar redaccións concretas de diferentes artigos. “Da parte sindical fixémolo, pero a patronal, máis unha vez, non” din. Por iso, engaden, “consideramos que é imposíbel avanzar e non o podemos permitir por máis tempo”.

A parte sindical lembra que este sector xa ten demostrado abondo a súa capacidade de negociación para resolver multitude de problemas pero tamén a súa forza na mobilización e a presión sindical cando é preciso. “Pensamos que chegou o momento de saír á rúa e de facer ver que os cambios que se produciron no mundo e a nivel económico tamén o foron para nós, e iso canto antes ten que estar reflectido tamén no noso convenio colectivo e nos nosos salarios”.

Advirten que se o día 19 de xuño non se producen avances reais “seguiremos co calendario de loita avanzando a posibilidade de convocatoria de folga” e dirixíndose á consellaría de Sanidade e á Xunta piden que “tomen nota” porque “ este sector vai apertar o que sexa necesario, tamén aos responsábeis últimos desta situación”.