Centos de PSX mobilízanse nos centros de saúde de toda Galiza en demanda da retirada do XIDE

A CIG-Saúde exixe na Mesa Sectorial que se abra un proceso de escoita e negociación co persoal
- 27 Xun 2023

CIG-Saúde manifestou hoxe, na mesa sectorial, o seu rexeitamento ao XIDE e reclamou que se poña en marcha un proceso de escoita e de negociación cos e coas profesionais de Atención Primaria para que se mude por outro sistema que realmente responda ás necesidades. “Ten que ser unha ferramenta útil ao persoal e permitir organizar a demanda asistencial dando resposta ás necesidades tanto dos profesionais como da cidadanía”, afirmou o secretario nacional, Manuel G. Moreira.

Coincidindo coa celebración da mesa sectorial, centos de traballadores e traballadoras do SERGAS concentrábanse ás portas dos centros de saúde de toda Galiza para sumarse a este rexeitamento ao XIDE, unha ferramenta de xestión da demanda na Atención Primaria imposta polo SERGAS que, ademais de supor unha sobrecarga de traballo, xera unha situación de inseguridade xurídica para as traballadoras e traballadores, nomeadamente nas demandas de consulta urxente e sen cita que se solicitan no mesmo día.

Así Moreira apuntou que a grande maioría do persoal das áreas administrativas de Atención Primaria rexeita o XIDE como ferramenta para xestionar as citas para acceder ás consultas das e dos distintos profesionais da Atención Primaria e tamén para a xestións das demandas urxentes e sen cita que se producen cada día nos Centros de Saúde.

Denunciou que esta ferramenta supón unha importante sobrecarga de traballo porque enlentece o proceso no momento de dar a cita, xerando colas enormes diante dos mostradores. Ademais obriga a ter que preguntar e concretar o motivo de consulta referido polas persoas que chaman ou acoden aos centros, sen garantir a súa confidencialidade e limita a autonomía do/a PSX na xestión das citas, impedindo que poida facer valer o criterio de urxencia tanto do propio PSX como da persoa usuaria.

Inseguridade xurídica

Os/as PSXs manifestan tamén a súa preocupación pola inseguridade xurídica na que se atopan, especialmente nas demandas de consulta urxente e sen cita para o mesmo día.

A CIG-Saúde xa denunciara no Consello técnico de Atención Primaria celebrado o 16 de febreiro de 2022, no que foi presentado o XIDE, que “as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal, que faltan PSXs, e que ademais, non garanten a privacidade das persoas usuarias, incluídas as dos centros de saúde de nova creación”, explica o secretario nacional, Manuel G. Moreira.

Tamén vén denunciando que nos últimos anos son múltiples as funcións e programas informáticos que asumiron as e os PSXs, e que o tiveron que facer sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e, sobre todo, sen incorporación de máis persoal estable nos Centros de Saúde.

Por iso, a CIG-Saúde entende que a Administración Sanitaria debe retirar o XIDE e abrir un proceso de escoita ás e aos profesionais da Atención Primaria para organizar e pór en marcha un sistema de xestión da demanda nos Centros de Saúde que contemple a visión do persoal das áreas administrativas e que permita acordar un procedemento de xestión das citas e das demandas de consulta urxentes, tanto presenciais como telefónicas.