Centos de persoas solidarízanse cos/as "19 de Meirás" e reclaman a devolución do patrimonio roubado

Coincidindo coa declaración ante a xuíza de cinco das persoas denuncias pola familia Franco

Betanzos -

Os xulgados de Betanzos acollían este venres unha concentración en apoio e solidariedade coas 19 persoas denunciadas pola familia Franco e a Fundación Nacional Francisco Franco, en resposta á ocupación simbólica e pacífica do Pazo de Meirás en agosto de 2017. A protesta desenvolveuse con motivo da declaración ante a xuíza de cinco das/os "19 de Meirás", que recibiron o arroupe de centos de persoas que esixiron a devolución ao pobo ao galego de todo o patrimonio espoliado por Franco.

O voceiro do colectivo, Néstor Rego, explicou que “hai un ano, un grupo de galegos e galegas, demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais e da memoria, realizamos unha acción pacífica e simbólica, que consistiu en despregar dúas faixas da fachada principal do Pazo de Meirás". O obxectivo desta acción simbólica e pacífica, engadiu, "foi reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a se manifestar ao respecto. Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade” indicou.

"O mundo ao revés"

No que atinxe á denuncia formulada pola familia Franco, desde os/as “19 de Meirás” sinalan que “é unha barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel” indican. Rego precisou que “é o mundo ao revés. En pleno 2018 o franquismo está pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”.

A este respecto, Néstor Rego sinalou que “a demanda de que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio do pobo galego é algo compartido maioritariamente pola sociedade galega” e, engadiu, “non hai só que sacar os restos de Franco do Val dos Caídos, senón que hai que sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran, como acontece co caso do Pazo de Meirás. É necesario e é posíbel que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política” afirmou.

Lamentou que a estas alturas, o franquismo siga tendo na sociedade "o poder e a fortaleza suficiente para tentar perseguir a demócratas". Porén, advertiu, "imos manter a actividade social e política defendendo algo que consideramos que é necesario". Nesta liña, criticou que o Goberno español non que teña a mesma celeridade para reclamar xudicialmente a devolución do Pazo de Meirás que para exhumar os restos de Franco, "cando existen dous informes xurídicos que avalan esta cuestión". Informes que ademais, subliñou, están amparados por institucións públicas como o Parlamento de Galiza e a Deputación da Coruña.

Rego insistiu na urxencia de devolver o patrimonio espoliado ao pobo galego, "porque as demoras amparan novas triquiñuelas da familia Franco, neste caso por parte dun dos seus netos, para dificultar esa recuperación". 

Devolver a dignidade

Á saída do xulgado, Anxo Louzao, en nome das cinco persoas que hoxe tiveron que declarar, aseverou que "termos que vir hoxe declarar é a evidencia máis palpábel de que a estrutura do franquismo segue vixente. Pero estamos tranquilas e tranquilos non só porque nos acompaña a razón e estamos reivindicando unha cuestión xusta, senón porque esta acción pretende dignificar ao noso pobo e devolverlle a dignidade a todas aquelas persoas que foron perseguidas polo franquismo".

Louzao reiterou que a devolución do Pazo de Meirás "resólvese se hai vontade política" e valorou que resulta "inadmisíbel que este patrimonio estea nas mans dunha institución que fai apoloxía do franquismo".

Volver