Centos de persoas mobilízanse en cidades e vilas galegas “contra o golpe de estado do 155”

Reclaman unha solución democrática e pacífica e o respecto á vontade maioritaria do pobo catalán

Nacional -

Centos de persoas sumáronse en cidades e vilas galegas á convocatoria de concentracións da Plataforma Galiza con catalunya baixo o lema “Democracia e liberdade. Contra o golpe de estado do 155, polo dereito de autodeterminación”. Ao remate das concentracións deuse lectura ao manifesto que, de seguido reproducimos.

DEMOCRACIA E LIBERDADE

Contra o golpe de estado do 155, polo dereito de autodeterminación

MANIFESTO PLATAFORMA GALIZA CON CATALUNYA

A situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade. A actuación do goberno español está a sobrepasar todas as liñas vermellas que definen unha Democracia merecente de tal nome. Negou e nega calquera posibilidade de busca dunha solución democrática e pacífica, baseada no respecto á vontade maioritaria do pobo catalán, e optou por unha resposta exclusivamente represiva en todos os ámbitos:

 

  • no policial, cunha intervención absolutamente desproporcionada, fóra de lugar, cun altísimo custe para as arcas públicas e que se saldou coas forzas e corpos de seguridade cargando brutalmente contra poboación civil pacífica, intervindo comunicación postais, perseguindo papeletas e propaganda ou rexistrando sedes de partidos e medios de comunicación sen orde xudicial.
  • no político, coa aprobación formal do artigo 155 da Constitución española e a aplicación dun auténtico estado de excepción non declarado, para o que o Partido Popular conta co apoio directo e explícito do PSOE e Ciudadanos. O PP consegue, por fin, algo que sempre lle negaron as urnas: gobernar Catalunya. Faino por decreto, desde Madrid e eliminando de facto o lexítimo goberno catalán, nun feito sen precedentes desde que en 1939 Francisco Franco disolvera a Generalitat de Catalunya.
  • no xudicial, empregando o Tribunal Constitucional, a Fiscalía e a Audiencia Nacional como un apéndice da dirección do Partido Popular, aplicando importantes sancións económicas e administrativas e chegando a aplicar medidas absolutamente desproporcionadas e incompatíbeis cun rexime democrático como é o encadeamento de persoas polas súas ideas politicas, como veñen de facer cos líderes da Asemblea Nacional Catalana e Omnium cultural, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e no día de onte, co delirante e absolutamente inxustificado auto que decretou a prisión incondicional para oito membros do Govern catalán nun feito sen precedentes desde o remate do franquismo e que supón unha auténtica aberración en termos xurídicos e democráticos.

Hoxe, desde Galiza, queremos transmitirlles a todos eles e a todas elas, que non están sós. Esiximos a inmediata liberación das presas e presos políticos e enviámoslle desde aquí unha fortísima aperta solidaria.

Todas esas accións profundamente reaccionarias e antidemocráticas, propias dun rexime decréptico e entolecido, están a ser repostadas con firmeza, valentía política, de xeito masivo e absolutamente pacífico polo pobo catalán que, ten dado ao longo do tempo, mostras claras dunha vontade inquebrántabel de decidir libre e democraticamente o seu futuro e que o voltará demostrar na rúa na mobilización masiva do vindeiro 12 de novembro e nas urnas o 21 de decembro.

Para os poderes españois, a posibilidade de que as nacións que non recoñecen envereden polo camiño da súa independencia non é unha opción. Porén, a imposibilidade de pór cancelas á vontade popular que desbordou hai tempo as marxes apunta de maneira clara cara á crise do modelo do "todo atado y bien atado", situando nas declaracións de independencia destas nacións a verdadeira panca que pode acabar de fracturalo por completo. De aí as ameazas, a violencia e a represión física e política, reaccións primarias e antipolíticas de quen necesita perpetuar a dominación. Porque, para os poderes centrais, non é só unha cuestión territorial; está todo en xogo o proxecto político e económico da oligarquía española.

O Estado, cego ante o seu propio ordenamento xurídico e cego tamén ante a lexislación internacional á que di acollerse, demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real que vaia contra a unidade e a indivisibilidade que a ditadura fascista de Franco estebeleceu e a Transición apuntalou. En Catalunya é evidente; mais tamén o é en Euskal Herria, onde España se nega a avanzar no proceso de paz e soberanía política malia todos os pasos dados pola sociedade basca e as súas organizacións políticas; e por suposto tamén en Galiza, onde a ilegalización de ideas e a violencia — máis branda ou máis dura — pretenden instalarse como norma.

Sabemos, por iso, que España é irreformábel. A experiencia do pobo catalán deixounolo tamén claro. A única saída ao círculo vicioso é, polo tanto, a acumulación de forzas de ruptura. Cada pobo terá, para iso, a súa estratexia, mais non hai dúbida de que o referendo do día 1 de outubro e a posterior Declaración de Independencia, son fillos dese traballo.

A loita do pobo catalán e tamén a nosa loita. Por iso, hoxe desde Galiza querémoslle mandar ao conxunto do pobo catalán, e moi especialmente aos que hoxe están na cadea polas súas ideas e a defensa dun mandato popular, unha mensaxe de solidariedade, de apoio e de ánimo. Desde Galiza, decímoslle aos inquisidores do século XXI que a non hai texto legal nin aparello coharcitivo capaz de contar as ansias de liberdade e democracia dunh pobo. dicimos, alto e claro, Si á Catalunya como Estado independente en forma de República e Si á democracia e SI á saida inmediata de presión dos presidentes da ANC, Ominium e os membros do Govern encarceados.

E tamén lle dicimos ao goberno español que non lles temos medo. Que galegas e galegos, saberemos estar á altura do momento que estamos a vivir. Porque non é só o problema de Catalunya. Tamén nos afecta a nós, aos nosos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, ao dereito inalienábel do pobo galego a decidir libremente o seu futuro. Por Catalunya, por Galiza, pola Democracia e pola Liberdade.

Volver