Centos claman en Vigo contra a Xunta pola súa falta de implicación no conflito do sector das ambulancias

Na protesta participaron traballadores/as das ambulancias, así como dos PAC e das centrais de coordinación do 112 e 061

Vigo - Vigo -

A manifestación nacional convocada esta mañá pola CIG para esixir que a Xunta se implique no conflito do sector das ambulancias logrou reunir centos de traballadores/as tanto do sector como do ámbito das urxencias e emerxencias. Demandan a negociación dun convenio digno fronte as propostas regresivas da patronal e lembran que foi o propio goberno autonómico o causante da situación ao outorgar concesións á baixa.

O persoal de ambulancias continúa en loita para que se ouzan as súas demandas, despois de seis xornadas de folga, un peche no despacho do Conselleiro de Sanidade no mes de xullo ou mobilizacións nas diferentes áreas sanitarias que culminaron hoxe cunha concorrida manifestación nacional en Vigo.

Porén, “este non é o final o de nada”, segundo indicou o responsábel do transporte na FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, que advirte que as mobilizacións continuarán até que a patronal se sente a negociar “un convenio con dereitos” e se cumpra o establecido nos contratos do Sergas, sen descartar novas convocatorias de folga.

Concesións á baixa

Responsabilizan á Xunta de Galiza de ter facilitado a precarización do sector ao outorgar concesións “até nun 12% á baixa” a empresas que, como Ambuibérica, pretenden laminar os salarios até nun 25%, aumentar carga de traballo ou reducir días libres. Alertou, ademais, de que as empresas rebaixan os estándares de seguridade, sobre todo no tocante á prevención dos riscos biolóxicos mentres “a Xunta mira para outro lado”.

Todo isto cando nos dos últimos anos, segundo denunciou, se incrementou a carga de traballo “nun 20% co mesmo persoal” ou se estenderon os contratos en prácticas remunerados unicamente co 60% do salario en convenio.

O sindicalista afirmou, ademais, que “non é casualidade” o levaren tres anos sen convenio, senón que ten que ver “coas políticas de recortes, a reforma laboral ou a da negociación colectiva, que sitúan a patronal “nunha posición de forza”.

Así e todo, sinalou que o empresariado non o tivo doado nas súas pretensións: deu cun persoal combativo e con vontade mobilizadora que se organizou coa CIG, central que ostenta hoxe a maioría absoluta da representación sindical no sector ante a desidia de CCOO ou UGT.

 

Degradación do servizo de emerxencias

Contodo, o caso da degradación do servizo de ambulancias non é único no ámbito das urxencias e emerxencias a cargo da Xunta. Nestes momentos hai abertas diversas frontes, como a dos PAC (Puntos de Atención Continua), onde deron inicio a 12 xornadas de folga; na central de chamadas do 061, en folga indefinida desde agosto, sen esquecer o conflito vivido no 112.

Por último, destacou que son a “profesionalidade e a ética” dos traballadores/as das emerxencias sanitarias as que están a garantir unha boa atención a usuarios fronte aos recortes da Xunta e unha patronal para a que “transportar doentes é o mesmo que transportar paquetes ou porcos”.

Volver