Catalunya: 10 momentos que explican o referendo sobre a independencia

Blanca Serra -

É a loita pola emancipación nacional a que constitúe un auténtico desafío político e social: durante dous anos, sen interrupción, en sucesivas vagas organízanse as chamadas consultas populares sobre a independencia, que son consideradas polos expertos como unha etapa constituínte fundacional do independentismo político actual

Vimos de lonxe.

 É certo que o movemento de emancipación nacional de Catalunya -e os Países Cataláns- vén de lonxe e a data máis chave é en 1714 da chamada Guerra de Sucesión e os coñecidos Decretos de Nova Planta, que pretendían borrar do mapa as institucións políticas, económicas e sociais de Catalunya, Valencia e as Illas Baleares e Pitiusas; é certo tamén que este proxecto político da nova monarquía dos Borbóns, a través de guerras, ditaduras, golpes de estado e restauracións monárquicas non conseguiu crear un estado español consolidado e respectado; o movemento de emancipación e de liberación nacional dos cataláns sempre estivo vivo e operativo con máis ou menos forza desde a derrota e ocupación de 1707-1716: primeiro íase formulando un proxecto que pretendía conseguir unha especie de estado español mellor, plurinacional, aberto ás diversas necesidades desta pluralidade, abertamente republicano e antiborbónico (1ª República española, moi curta febreiro 1873 - decembro 1874; 2ª República española, abril 1931 - abril 1939); este proxecto de rexeneración de España por parte dos cataláns fracasou completamente e aos poucos foise configurando outro proxecto alternativo á chamada España das Autonomías, que é un proxecto de construción dunha República Catalá Independente ; o Adéu, Espanya ... que fixo famoso o final dun poema do coñecido poeta Joan Maragall (1860-1911) traduciuse, agora mesmo, nun movemento político poderoso, que traballa claramente pola independencia e polo emancipación nacional e social e que este 1 de outubro de 2017 preguntará democraticamente aos cidadáns e cidadás de Catalunya se queren que "Catalunya sexa un estado independente en forma de república". O Estado Español e o seu goberno do PP non quere nin sequera que se faga a pregunta, nin que os cataláns exerzan o dereito de autodeterminación e de resposta.

10 MOMENTOS QUE EXPLICAN A SITUACIÓN ACTUAL

 Para entendermos a situación actual, cómpre retroceder unha ducia de anos e situarse en 2005 en que se acentúa a crise política do sistema autonómico constitucional español (hai que lembrar que a Constitución Española de 1978 foi severamente reinterpretada en sentido restritivo só tres anos despois, a raíz do golpe de estado militar de 23 de febreiro de 1981).

1.- Anos 2005-2006:

 Son os anos en que o Parlamento autonómico catalán, co novo goberno tripartito de PSOE-PSC, ERC e ICV-EUA, presidido por Pasqual Maragall (neto do poeta) consensúa un novo texto máis ambicioso do Estatuto de Autonomía votado por 120 votos favorábeis e 15 en contra de 135 parlamentarios; rapidamente o texto é rexeitado no Parlamento español e, mentres os partidos políticos (tamén a coalición CiU) intentan un acordo co goberno español do socialista Rodríguez Zapatero, a sociedade civil catalá empeza a organizar pola súa conta o rexeitamento ao Estatuto recortado e o Non no referendo que o quererá aprobar: nace a Plataforma polo dereito a decidir (PDD) que convoca unha manifestación o 18 de febreiro de 2006 co lema ‘Som una nació i tenim el dret de decidir’. Malia non contar co apoio dos partidos políticos e das grandes entidades como Òmnium Cultural (OC), e que só ERC engade a última hora, a manifestación é un éxito extraordinario de participación popular con máis de 150.000 persoas. Queda claro, pois, que o novo Estatuto non contará no referendo con moitas simpatías.

2.- Anos 2006-2007: o referendo do novo Estatuto

 O 18 de xuño de 2006 celébrase o referendo sobre o novo Estatuto tras unha dura batalla política entre a PDD xunto con toda unha serie de plataformas sectoriais partidarias e organizadas polo NON e a maioría de partidos institucionais (excepto ERC) que defenden o SI. O resultado do referendo é dunha participación que non chega ao 50% e desta participación do 27% é de rexeitamento entre NON (20,7%) brancos (5,34%) e nulos. O Estatuto é, pois, aprobado en referendo; pero entón o 31 de xullo de 2006 o Partido Popular, despois dunha recollida de sinaturas por todo o Estado contra o novo Estatuto, presenta recurso ao Tribunal Constitucional contra o texto aprobado en referendo e o TC admíteo. Comeza unha batalla política e xurídica que durará 4 anos -no medio da crise económica e social mundial que se fai evidente desde o 2007- o resultado da cal, de aínda máis recortada dun Estatuto xa referendado, certifica que o modelo autonomista español fracasou e que o movemento popular catalán xa non quere máis recortes e estatutos senón que quere sacar adiante un novo proxecto de país: un estado con soberanía propia.

3.- Anos 2007-2009: A mobilización popular

 Son anos de mobilización popular e de construción das organizacións soberanistas (a CUP organízase en Barcelona; celébrase o 3º Congreso Catalanista; asínase un 1º Pacto pola Autodeterminación; comezan as Consultas Populares sobre a Independencia a partir da primeira consulta en Arenys de Munt; fúndase a plataforma Soberanía e Xustiza vinculada aos cristianodemócratas, hai unha actividade intensa de plataforma Sobirania i Justícia vinculada aps cristianodemócratas, hai unha activitade intensa de plataformas como a Plataforma per la Llengua, a Coordinadora per la Llengua Catalana (CAL), a Comissió de la Dignitat, o movemento Som escola.cat; comezan os actos de Soberanía nas rúas...

 A PDD organiza a campaña popular de sinaturas ‘Decideixo decidir’ (71.826 verificadas, que se entregan, meses despois, á comisión de peticións do Parlamento o 20-01-09) e convoca unha nova manifestación, de novo multitudinaria, (1-12-07) co lema ‘Som una nació i tenim dret a decidir sobre les nostres infraestructures’ en protesta polo desastroso servizo enerxético e de transporte ferroviario que sofren os cataláns e as peaxes das estradas. O 7 de marzo de 2009 convócase unha mobilización popular en Bruxelas, les 10.000 a Brusel·les nun dos primeiros actos importantes de internacionalización "do caso dos cataláns". Multiplícanse os chamados "actos de soberanía" e concentracións e manifestacións que tanto reclaman acabar coa precariedade laboral e os recortes nos servizos sociais de sanidade, educación e prestacións sociais (gran manifestación 28-03-09); como reclaman a normalización lingüística do catalán (19-04-09) e unha televisión de todo o territorio catalanofalante: Iniciativa Lexislativa Popular por unha Televisión sen fronteiras con 500.000 sinaturas que son desestimadas polo Parlamento español; como arrodean o castelo de Montjuïc de Barcelona, escenario de grandes represións e fusilamentos (16-05-09) en nome da Comisión da Dignidade de recuperación da memoria histórica e de toda a documentación catalá incautada na inmediata posguerra; celébrase un multitudinario e simbólico enterro da Constitución e o Estatuto con senllos ataúdes (11-xuño-2009) na conmemoración da xornada histórica de 1640 coñecida como Corpus de Sang e unha concentración con miles de persoas en Barcelona como acto de Soberanía (27-xuño-2009). O 11 de Setembro no día nacional de 2009 convócase para 3 días despois -o 13 de setembro o primeiro referendo- consulta popular sobre a independencia na poboación de Arenys de Munt.

4.- Anos 2010 até 2012: crise económica e social; sentenza do TC sobre o Estatuto e as consultas populares sobre a independencia; urxencia de movementos sociais alternativos

 Tres feitos centran estes anos e entrecrúzanse na sociedade catalá: a realidade dunha crise financeira e económica mundial sen paliativos que chega en España e en Catalunya e provoca unha auténtica emerxencia social cun desemprego desbocado e unha gran precariedade e recortes nos recursos sociais; é unha situación que está na base da resposta de movementos coñecidos como do 15 M ou dos "indignados" e o nacemento de novos partidos políticos como o actual Podemos/Podem. Son movementos de tipo rexeneracionista que non avogan por unha ruptura coa monarquía borbónica nada no posfranquismo nin unha reformulación das estruturas do estado español centralista; si propoñen unha rexeneración ética do sistema de partidos e unha loita contra a corrupción e contra os excesos do sistema financeiro capitalista e os seus beneficiarios ("a casta" que chaman). A crise económica e social tamén orixina a emerxencia de movementos e plataformas sociais diversas como a coñecida Plataforma de afectados pola hipoteca (PAH), os movementos ecoloxistas que loitan para protexer o territorio da depredación inmobiliaria e dos xigantes enerxéticos (loita contra a MAT), a loita por unha sanidade e unha educación universais, a loita contra as leis de estranxeiría e os CIES.

 Mais é a loita pola emancipación nacional a que constitúe un auténtico desafío político e social: durante dous anos, sen interrupción, en sucesivas vagas organízanse as chamadas consultas populares sobre a independencia, que son consideradas polos expertos como unha etapa constituínte fundacional do independentismo político actual: de setembro de 2009 en Arenys de Munt até abril de 2011 en Barcelona realízanse de forma autoconvocadas, autoorganizada e autofinanciada consultas en 555 localidades, convocadas á marxe da legalidade española entre os empadroados en cada localidade maiores de 16 anos; a pregunta consensuada para todas as consultas era suficientemente clara e explícita: “Está de acordo en que a nación catalá (ou Catalunya) se converta nun estado de dereito, independente, democrático e social integrado na Unión Europea (ou Europa)?”. Máis de 60.000 voluntarios xestionaron e verificaron 885.000 votos, a gran maioría favorábeis ao SI (entre 80 e 90%).

 Tratouse, pois dun exercicio notábel de soberanía popular.

 As actuacións da PDD e a acción das consultas populares prepararon a reacción que se produciu en 2010 a raíz da sentenza negativa do Tribunal Constitucional que invalidaba o Estatuto aprobado polos cataláns en referendo. Fórase ido acumulando unha gran tensión e a mobilización de protesta e de indignación moral popular foi enorme: o autonomismo nese momento asinou a súa sentenza de morte, mentres máis de medio millón de persoas desfilaban o 10 de xullo de 2010 baixo o lema "Som una nació, nosaltres decidim".

 Toda esta efervescencia e todo este traballo organizado explica a importancia histórica do 11 de setembro de 2012 cunha millonaria participación baixo o lema “Catalunya, nou estat d’Europa”. Pero tamén explica que a sociedade catalá reaccione e se manifeste masivamente ante temas internacionais como as guerras en Oriente Medio e a acollida dos refuxiados que foxen destas guerras (movemento Casa nostra-Casa vostra, plataforma Stop Mare Mortum, manifestación multitudinaria “Volem acollir”, febreiro de 2017).

5.- Anos 2012-2014: Un proxecto cara á Independencia: Assemblea Nacional Catalana (ANC), a Associació de Municipis per la Independència (AMI), a actuación dos partidos políticos e os asuntos de corrupción

 O 10 de marzo de 2012, froito desta acumulación de accións e mobilizacións, constitúese formalmente a Asemblea Nacional Catalana (ANC), que rapidamente estende a súa organización en asembleas de concello ou comarca ou barrio ou sector por toda Catalunya; está formada por persoas individuais a título persoal; o seu obxectivo xa é claramente avanzar cara á independencia; non busca contentar os políticos senón empurralos cara a fóra do autonomismo e da Constitución Española nun camiño irreversíbel cara á independencia e a construción do estado propio, mediante o exercicio do dereito de autodeterminación.

 O ANC convoca a manifestación do 11 de setembro de 2012 baixo o lema “Catalunya, nou estat d’Europa”. E o propósito desta mobilización é explícito: modificar a dinámica política e provocar unha onda de cambio cara á ruptura coa Constitución Española de 1978. O enorme éxito de participación (case 2 millóns de persoas) efectivamente provoca cambios: o Presidente da Generalitat, na altura Artur Mas, entrevístase cunha delegación da ANC que lle propón acabar a lexislatura e convocar novas eleccións autonómicas cun pacto pola liberdade; Artur Mas intentara promover un novo pacto fiscal co goberno español (xullo 2012) para combater a asfixia económica e o espolio fiscal aínda máis forte que significaba o novo Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) en que o Estado devolve unha pequena parte do que recada aos cataláns en forma de crédito cun 5% de xuros. Un auténtico roubo. O Non contundente do goberno español a un novo pacto fiscal conxugado coa enorme mobilización daquel 11 de setembro levan o presidente Mas a convocar eleccións anticipadas, tal como reclamaba a ANC.

 O novo Parlamento -con inclusión de 3 electos da CUP anticapitalista- aproba unha declaración de soberanía con 85 votos a favor, 41 en contra e dúas abstencións: os electos do PP abandonan ese día a Cámara.

 É, sobre todo a partir deste momento, que os servizos secretos do Estado e os seus sumidoiros montan o que despois (2017) se coñeceu como "Operación Catalunya" dedicada a sabotar o proceso soberanista con informacións falsas, ou ben destapando temas de corrupción a conveniencia, seguindo o calendario electoral: así se explica -agora, anos despois, sabémolo- o tema das gravacións dunha conversa supostamente confidencial entre a presidenta do PP catalán e unha ex parella do fillo maior do ex presidente Pujol que acusa o seu ex amante de levar diñeiro a Andorra; así se explica que o propio ex Pujol admita publicamente (26-07-14) que ten diñeiro non declarado en Andorra, o que derruba, con razón, a súa imaxe pública e o seu legado político; así se explica que pouco antes das eleccións municipais de 2015 se acuse falsamente o alcalde Trias de ter diñeiro no exterior, acusación que lle custa a alcaldía por moi poucos votos de diferenza co grupo gañador da actual alcaldesa Ada Colau, do novo movemento Podemos. Así se explica que se activen temas de corrupción que se arrastraban había anos, como o espolio do Palau da Música, os presuntos intercambios de diñeiro cara ao partido CDC a cambio de concesións (caso do 3%); así se explica o compadreo, tamén gravado, entre o Ministro español de Interior Fernández Díaz e o Fiscal xefe anticorrupción de Catalunya que usan medias verdades e moitas mentiras dirixidas a facer caer o proceso independentista e as loitas alternativas (como deixou claro o recente documental ‘Las cloacas de interior’).

 A PDD, agora xa coa colaboración activa da principal entidade cultural de Catalunya -Òmnium Cultural- e a Associació de Municipis per la Independencia (AMI) continúa coas súas mobilizacións políticas, nun concerto multitudinario no campo do Barça (concerto pola Liberdade 29-06-2013), e organizando sucesivamente a festa nacional do 11 de setembro en 2013 cunha cadea humana que atravesou toda Catalunya desde Portbou en Catalunya Norte até Vinaròs en Valencia (1.600.000 participantes ), a de 11 de setembro de 2014 coa V debuxada sobre dúas grandes avenidas de Barcelona con 1.700.000) reproducindo a bandeira catalá con camisetas amarelas e vermellas; o 11S de 2015 "Via Lliure" ocupando todos os quilómetros da avenida Meridiana de Barcelona. A capacidade de mobilización e de organización do movemento independentista queda sobexamente demostrada e a reiterada reclamación dun referendo de autodeterminación tamén.

6.- Anos 2014-2016: Cara ao referendo de autodeterminación

 O intento de diálogo do goberno catalán co goberno español pasa por varias etapas que van desde a presentación polo presidente Mas de 23 propostas concretas que falan de financiamento, competencias, infraestruturas e lingua e cultura (31-07-2014) até a presentación por parte do novo presidente Puigdemont de 46 propostas concretas (20-04-2016); todas as propostas son esquecidas, sen recibiren nin sequera resposta.

 Ao mesmo tempo desde 2012 até 18 veces son propostos desde o Parlamento Catalán camiños legais desde o punto de vista da Constitución Española para facilitar a convocatoria dun referendo acordado: os máis importantes son o 24-07-2012, e o mesmo 2012 a outubro; o 8 de outubro de 2013 e no debate sobre o Estado da nación do mesmo 2013; a proposta máis destacada realízase o 8 de abril de 2014 cando tres deputados, que representan os máximos dirixentes parlamentarios de CDC-CIU (Jordi Turull), ERC (Marta Rovira) e ICV-EUA (Joan Herrera) van ao Parlamento español e propoñen formalmente en sesión solemne a posibilidade de realización dun referendo sobre o futuro de Catalunya mediante a aplicación do artigo 150.2 da Constitución; a proposta é amplamente rexeitada por 299 votos sobre 350 deputados e deputadas. O tema do referendo acordado proponse unha e outra vez en forma de preguntas parlamentarias orais e escritas por parte de ERC, o novo PdCAT (ex-CDC-CIU), o grupo vasco Amaiur; a resposta sempre é unha negativa rotunda e unha defensa dunha lectura moi restritiva da Constitución Española, obviar as 5 vías constitucionais que os expertos sinalan: artigo 92.1 da CE; Lei de Consultas pola vía de referendo aprobada polo Parlamento catalán en 2010, percorrida polo TC pero vixente; transferencia ou delegación de funcións do Estado prevista no artigo 150.2 da CE; Lei de consultas non referendarias baseada no artigo 122 do Estatuto; reforma constitucional que amplíe o artigo 92 introducindo un inciso para contemplar consultas autonómicas á hora de tomar "decisións políticas de especial transcendencia". Ningunha destas vías foron consideradas polo goberno e o Parlamento español.

 A vontade de levar adiante o referendo segue e en setembro de 2014 apróbase no Parlamento a Lei de Consultas Populares non referendarias e outras formas de participación (106 a favor, 28 en contra) e o Presidente Mas asina a convocatoria de consulta (27-09-14), convocatoria que é suspendida de inmediato polo TC e substituída polo goberno catalán para unha consulta formulada como proceso participativo non vinculante, que se realiza (09-11-14) malia que o goberno español e o TC se opoñen  mais sen usar a forza para evitalo. O resultado é que, malia as prohibicións e o medo, que o Estado Español quixo espallar, votaron 2.305.290 persoas (un 37,02%) sobre un total de 5.510.853 posíbeis) contestando unha pregunta ramificada: Quere que Catalunya se converta nun estado? (SI/NON). En caso afirmativo, quere que este Estado sexa independente? (SI / NON): 80,91% SI-SI; 10,02% SI-NON; 0,97% SI / En branco; 4,54% NON. Este proceso participativo foi considerado un éxito moi importante e o goberno do estado intentou, primeiro menosprezar e chufarse da acción, e despois decidiron perseguir xudicialmente e castigar penalmente o presidente Mas, a vicepresidenta Ortega e a Conselleira de Ensino Rigau aos que consideraban principais responsábeis organizadores da consulta.

 Unha vez pechadas todas as vías dun acordo de referendo pactado, queda como única vía o referendo organizado polo goberno e pola maioría absoluta dos parlamentarios cataláns mediante unha lei catalá que así o estableza e co apoio da sociedade organizada, sobre todo no Pacto Nacional polo Referendo (23-12-2016) ao que se adheriron máis de 4.000 entidades e máis de 400.000 persoas. É o referendo de autodeterminación convocado polo 1º de outubro de 2017.

7.- O sistema político catalán sofre unha profunda alteración e os resultados electorais na Comunidade Autónoma de Catalunya tamén.

 Xa en 2012 a PDD remarcaba que “a nivel de partidos políticos seguramente que se producirá unha reconfiguración das forzas políticas de Catalunya cun desprazamento claro do eixe clásico e obsoleto esquerda / dereita cara ao eixe independencia / unionismo dependentista español”. Tamén dicía que “os partidos de matriz catalá deberían reducir a súa fragmentación a nivel electoral e chegar a acordos amplos tanto de cara ás eleccións como de cara á política nacional” e que “o PSOE-PSC debería elixir entre ser un actor político catalán ou esfarelarse na nada”.

 De feito, a partir daquela data foise producindo un auténtico terremoto no sistema de partidos catalán, "un tsunami" como o definiu o historiador Joan B. Culla no seu libro El tsunami. Com i per què el sistema de partits ha esdevingut irreconeixible (ed. Pòrtic 2017).

 Sen querermos ser exhaustivos, as principais mudanzas no sistema de forzas políticas prodúcense tanto no campo soberanista/independentista como no campo dependentista/unionista: a coalición CiU entre CDC e os democristianos de Unió -que fora o alicerce político fundamental da autonomía catalá e que gobernara Catalunya durante máis de 20 anos- racha definitivamente (17-06-15 os 3 conselleiros de UDC abandonan o goberno); a confesión do líder fundamental e fundacional de CDC e ex presidente Jordi Pujol que tiña moito diñeiro no estranxeiro sen declarar desfai totalmente o seu partido e obriga a unha refundación política deste espazo que en xullo de 2016 funda o Partido Demócrata Europeo Catalán (PDeCat); pola súa banda UDC desaparece e unha parte dos seus militantes fundan Demócratas de Catalunya (7-11-2015); os anticapitalistas asemblearios da CUP entran na loita institucional nacional e conseguen ser decisivos no Parlamento catalán (lexislaturas X (2012-2015 e XI 2015-); ERC reforza o seu papel na centralidade política soberanista cun crecemento sostido; a constelación dos indignados do 15 M, con diferentes nomes que xogan cos conceptos de "en común" e "podemos", achéganse aos ex eurocomunistas de ICV-EUA para formaren un novo grupo político que agora se chama Catalunya en Comú (maio 2017) e que mantén unha ambigüidade calculada respecto ao referendo, posición que marcará a súa sorte política inmediata e futura tanto no eido municipal (Barcelona, na que agora goberna en coalición con PSOE-PSC) como no nacional catalán. No eido do unionismo a batalla será moi cruenta, porque disputan os restos do autonomismo español sobre todo tres grupos políticos: un recente, C’S (Ciudadanos/Partido de la ciudadanía) fundado en xullo de 2006 co obxectivo claro de protagonizar unha refundación de España en clave liberal-capitalista e eliminar politicamente os autonomistas/soberanistas e calquera indicio de catalanidade lingüística e cultural; e os tradicionais PSOE-PSC, en clara decadencia pero que mantén, coas alianzas necesarias, algo do seu antigo gran poder municipal e o PP, que non para de encamiñarse cara á residualidade en Catalunya e que se sostén só pola súa posición dominante no goberno español. Pasar o que pasar a partir do 1 de outubro, o panorama político en Catalunya xa non volverá ser o mesmo e as coalicións electorais como o actual JuntsxSí ou coalicións de concentración nun sentido independentista ou españolista, tanto a nivel municipal como en convocatorias nacionais concretas, non se poden desbotar.

 Efectivamente, a novidade electoral, tras a consulta do proceso participativo do 9N, foi a convocatoria dunhas eleccións autonómicas en clave de plebiscito sobre a independencia e a articulación dunha coalición entre CDC (en fase de liquidación e refundación en PDeCat), ERC e persoas individuais de prestixio que se presentou co nome de JuntsxSí e un programa de compromiso coa convocatoria dun referendo e un avance cara á independencia. Entre esta coalición e a CUP, todos partidarios da independencia, aínda que con programas sociais ben diferenciados, sumaron o 27-11-2015 unha cómoda maioría absoluta da Cámara cunha participación moi alta do 77,45% e un 48% clara e explicitamente polo Si á independencia (1.966.508 votos) e 1.608840 explicitamente polo Non. O resto de votos non poden ser atribuídos claramente a ningunha das dúas posicións.

 A XI lexislatura autonómica prevíase politicamente complicada e así foi: comezou cunha resolución solemne da maioría absoluta do Parlamento (1-11-2015) ratificándose na vontade de avanzar cara á construción dunha Catalunya independente en forma de república (proceso constituínte e de desconexión de España) e comprometéndose a sacar adiante unha serie de medidas de mellora social contra a pobreza enerxética, a falta de vivenda, para mellorar a sanidade, a educación, e unha serie de dereitos e liberdades. O debate de investidura do candidato Mas quedou bloqueado por falta de acordo entre JuntsxSí e a CUP, que vía en Mas un descendente demasiado próximo aos problemas de corrupción do ex Pujol e o seu partido CDC, até que in extremis Mas renunciou á súa investidura e propuxo como substituto o alcalde de Girona, e presidente da AMI, Carles Puigdemont, que foi investido como 130º presidente da Generalitat (10-01-2016). A XI lexislatura que preside Puigdemont tivo que afrontar e perder o debate de orzamentos de 2016 e someterse a unha moción de confianza (28-09-2016), que gañou propondo o xa coñecido "ou referendo ou referendo en 18 meses" no sentido de que a falta de acordo co goberno español para celebrar o referendo non detería a súa celebración, aínda que un acordo era preferíbel e se traballaría para conseguilo. Este cambio de clima político propiciou a aprobación dos orzamentos para o 2017 por parte de JuntsxSí e a CUP.

8.- Anos 2016-2017: A xudicialización da política

 A resposta do goberno e do Parlamento español non é unha resposta política senón pura e exclusivamente unha resposta xudicial, que pon de relevo que non hai unha separación de poderes entre o executivo, o lexislativo e o xudicial españois. Malia as dificultades económicas, sociais e políticas e as graves evidencias de profunda corrupción, o PP gaña sen maioría as eleccións españolas de 2015 (20-12-15) pero non logra a investidura do seu candidato Rajoy, o que obriga a repetir as eleccións o 26 de xuño de 2016 que volve gañar o PP sen maioría e prolonga un goberno interino até o 29-10-16 en que o PSOE, cun secretario xeral defenestrado e unha xestora provisional, lle ofrece a abstención.

 Esta situación de inestabilidade política prolongada non impide que todo o aparello xudicial Fiscalía, Tribunal Supremo (TS), Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC), Tribunal Constitucional, Audiencia Nacional -e todo o aparello político: Consello de Estado, Goberno en funcións, o Parlamento español paralizado… e mesmo ultimamente o Tribunal de Contas- se poñan a traballar intensivamente na xudicialización do proceso catalán, a persecución, xuízo e condena dos gobernantes cataláns, a suspensión polo TC de moitas das leis que o Parlamento Catalán vai elaborando e aprobando, a imputación (condición de investigado) da Presidencia e membros da Mesa do Parlamento e a entrada da Gardián Civil sen mandato xudicial nas sedes do Parlamento e do Goberno da Generalitat máis que para investigar, para intimidar os parlamentarios e funcionarios destas institucións.

 Así, o 6 de febreiro de 2017 son xulgados polo TSJC o ex presidente Mas, a ex vicepresidenta Ortega e a ex conselleira de ensino Rigau; e días despois o Tribunal Supremo o ex conselleiro da Presidencia e deputado a Cortes Homs; a acusación é de desobediencia ao TC na consulta participativa do 9-11-14; os catro son achados culpábeis e condenados a inhabilitación política de 2 anos, 18, 21 e 13 meses e multas de máis de 30.000 €, sentenzas que están recorridas polos implicados.

 A outra fronte xudicial diríxese directamente contra a Presidenta do Parlamento, Carme Forcadell -que fora Presidenta da Assemblea Nacional Catalana- e aqueles membros da Mesa do Parlamento que facilitaran, como era a súa función e obriga, o debate e a votación parlamentaria sobre a folla de ruta cara ao exercicio do dereito de autodeterminación: entre o 8, o 12 de maio e o 12 de xuño de 2017 son chamados a declarar a Presidenta, o vicepresidente e tres membros da Mesa do Parlamento tamén por desobediencia ás resolucións do TC.

 Cada vez que un dirixente político é citado ao TSJC unha multitude entre 20.000 e 30.000 persoas os apoia e acompaña até as portas do tribunal á entrada xa a saída.

 E os parlamentarios non son os únicos a ser perseguidos: concelleiros de Vic e Badalona, a alcaldesa de Berga e altos funcionarios da Generalitat están sendo citados e interrogados por diferentes acusacións respecto ao uso de bandeiras estreladas, por non respectar a festa nacional Española do día da Hispanidade (12 de outubro) e por outras mostras de desobediencia ou opinións consideradas de desafecto cara ao Estado español.

 Tamén as multas de miles de euros caen sobre entidades e persoas de todo tipo e desde hai anos: unhas son directas, como as que recibiu Acción Cultural do País Valenciano para manter abertos os repetidores de TV que instalaramos e pagaramos entre todos para garantir o espazo de comunicación en catalán ao que temos dereito e que o estado bloqueou; outras recibíronas indirectamente, como o FC Barcelona por permitir a exhibición multitudinaria de bandeiras estreladas.

9.- Anos 2016-2017: O Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas e os ministerios económicos axentes principais do estado para frear o referendo.

 O TC hai anos que se foi convertendo nun tribunal utilizado politicamente moito máis aló das súas funcións de interpretar a constitución con potestade para declarar se unha lei é inconstitucional e con potestade para defender a violación dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidas na Constitución. Converteuse nun instrumento dos partidos políticos no poder, nun campo de batalla entre eles á hora de nomear os seus 12 membros; por este camiño foi perdendo credibilidade e autoridade até converterse nun órgano neste momento totalmente desprestixiado.

 Neste sentido aínda o desacreditou máis que o goberno do PP que, nunha lectura única de urxencia sen ningún debate, aprobase (16-10-2015) unha reforma do TC que o habilita para impoñer multas coercitivas ás autoridades e empregados públicos ou particulares que incumprisen as súas resolucións, sen fixar ningún criterio de gradación, e para suspender nas súas funcións estas autoridades e empregados públicos. Todo o mundo interpretou que esta reforma urxente era feita a medida para aplicala á autonomía catalá, aos dirixentes políticos cataláns e aos particulares que dirixen as principais entidades soberanistas.

 Ao mesmo tempo, desenvolveuse desde todos os ministerios, sobre todo os económicos, como o de Economía, Facenda, Fomento, Enerxía todo un plan sistemático de esganamento da autonomía catalá (o FLA, a obriga de someter semanalmente ao control do goberno español o gasto de todos os departamentos, a intervención do TC contra a Lei de Orzamentos 2017, o desinvestimento no sistema ferroviario...); e os ministerios máis políticos aplícanse desde Exteriores, Xustiza, Interior, Educación ou Presidencia en atacar sistematicamente as competencias autonómicas, os dereitos lingüísticos dos cataláns, as xestións das delegacións catalás no exterior; O Ministerio do Interior ten ao seu cargo todo o conxunto de accións legais e non legais destinadas a socavar o traballo dos Mossos, terxiversar informacións, difundir noticias falsas, espallar rumores malignos, emporcar a reputación dos políticos soberanistas e intoxicar a opinión pública. E Xustiza manexa o tema da corrupción en Catalunya, e realmente co calendario e o ritmo que lles convén para facer máis dano politicamente e non precisamente para facer xustiza.

 E a vontade de esganar economicamente non unicamente todo o país senón tamén as entidades como o ANC ou OC queda patente coas cuantiosas multas que se lles están impoñendo ás veces baseándose en que non respectaron a Lei de protección de datos!

10.- Antes e despois do 1 de outubro de 2017: A Lei de Referendo e a Lei de Transitoriedade xurídica e fundacional da República

 Finalmente chegamos a un mes do referendo previsto para o 1 de outubro de 2017 e entraron a trámite no Parlamento catalán dous proxectos de Lei moi importantes: a Lei do referendo de autodeterminación, que será votada no pleno que comeza o 6 de setembro de 2017, e a Proposición de lei de transitoriedade xurídica e fundacional da república que probabelmente poida ser votada entre o 6 de setembro e o 20-21.

 Son leis que claramente establecen unha nova legalidade catalá, desamarrada desde o punto de vista xurídico e de obediencias da legalidade española; O texto da Lei do Referendo é claro: “Esta Lei establece un réxime xurídico excepcional dirixido a regular e garantir o referendo de autodeterminación de Catalunya. Prevalece xerarquicamente sobre todas aquelas normas que poidan entrar en conflito, en tanto que regula o exercicio dun dereito fundamental e inalienábel do pobo de Catalunya” e no artigo 1 precisa: “Esta Lei regula a celebración do referendo de autodeterminación vinculante sobre a independencia de Catalunya, as súas consecuencias en función de cal sexa o resultado, e a creación da Sindicatura Electoral de Catalunya”.

 A Proposición de Lei de Transitoriedade xurídica e fundacional da República proponse “dar forma xurídica, de xeito transitorio, aos elementos constitutivos básicos do novo Estado para que de forma inmediata poida empezar a funcionar coa máxima eficacia e, ao mesmo tempo, regular o tráfico do ordenamento xurídico vigente no que ten que ir creando a República, garantindo que non se producirán baleiros legais, que a transición se fará de xeito ordenado e gradual e con plena seguridade xurídica; asegurando, en suma, que desde o inicio o novo Estado estará sometido ao dereito, que en todo momento será un Estado de Dereito”.

 A partir da súa aprobación, a resposta que poida dar España e o seu goberno parece que pode consistir nunha redobrada actuación do Consello de Estado e do Tribunal Constitucional anulando as Leis e decretando a inhabilitación da Presidencia, os parlamentarios e do goberno e na activación da Lei de Seguridade Nacional aprobada en xullo de 2015 e pensada expresamente para outorgar ao Presidente do Goberno español o control das institucións catalás "en caso de desobediencia" e nomeou "unha autoridade competente para que leve a termo as funcións directivas". Nada menos que a anulación da Comunidade Autónoma de Catalunya.

 Seguro que o pobo catalán responderá o 11 de setembro próximo, día nacional, cunha concentración que superará todas as anteriores a favor inequivocamente da celebración do referendo de autodeterminación.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Llibertat, do 14 de setembro de 2017]

 

Volver