Cason: traxedia ecolóxica e conflito laboral

Manuel Mera -

En relación co Cason, non se puxeron os medios para evitar desfeitas semellantes posteriores, como amosou logo o afundimento do Prestige. Mais sobre todo, aínda non se fixo xustiza cos 23 membros do Comité inxustamente despedidos

 Hai agora tres décadas, o 5 de decembro de 1987, embarrancou na Costa da Morte o Cason, un cargueiro de 22 mil toneladas baixo bandeira panameña. O problema deste accidente, para alén dos vertidos de gasóleo, era a carga que levaba no interior: 13 toneladas de sodio en barras. Estas, mesturadas con outros elementos que levaba o barco a bordo, convertíano nunha bomba, segundo informaba o semanario A Nosa Terra. A cuestión agravouse cando eses bidóns, en lugar de seren desembarcados nos portos máis próximos, foron de peregrinaxe por todo o norte de Galiza. Nun primeiro momento, os 225 bidóns tóxicos amoreáronse no porto de Brens (Cee). Porén, diante da protesta do veciños, decidiuse trasladalos a San Cibrao. Esta decisión terminou ampliando o problema, xa que o desprazamento se realizou con engano, aleivosía e nocturnidade. Este sería un dos motivos que causou máis alarma na poboación e tería consecuencias particularmente graves na factoría de Alúmina-Aluminio.

 O traslado até Cervo non foi doado, xa que os/as veciños das zonas polas que ían pasar estaban en alerta. “Aumentaba a tensión en Parga e Guitiriz, en Vilalba chegaba máis e máis xente, máis e máis Garda Civil, todos podían comprobar que os bidóns cheiraban, aínda que García Sabell dixese todo o contrario (...) Na estrada, centos de troncos, penedos, graxa, aceite, a última barricada está preparada en Parga (...) Tres detencións. Sube a tensión.” (A Nosa Terra, nº 329). En resumo, todo un cúmulo de despropósitos e incompetencia por parte das autoridades, que puxo en vilo unha boa parte de Galiza, coa evacuación da poboación en certas zonas, e agravando o problema co desprazamento dos bidóns en tres camións dende Fisterra até San Cibrao, no norte de Lugo. Alí chegan o sábado 12 de decembro ás 8 e 45 da mañá.

 Na porta de Alúmina-Aluminio estaba o director agardando os camións. Un membro do Comité indicoulle que, en caso de entrar na empresa, podía haber conflito. Os camións foron conducidos á praia de Lago. Alí concéntranse pola maña uns mil veciños que deciden facer cortes de tráfico para manifestar o seu rexeitamento. A esa hora, o Gobernador da Coruña manifestaba que os veciños de Fisterra non tiñan xa nada que temer, dado que os bidóns perigosos foran trasladados. Alimentábase deste xeito o medo, o temor na Mariña luguesa. Daquela, que o Comité de Empresa anunciase o domingo, día 13, que paralizaría totalmente a factoría se os bidóns eran embarcados no porto de San Cibrao ou Moras. Aquí comeza o conflito laboral, que se alargará no tempo, e que mesmo pareceu daquela intencionado, como se a dirección da empresa o alimentase. O paro da empresa, o apagado das cubas de electrólise, e o despedimento inmediato de 116 traballadores, que ao final se converterían en 134, rematarían transformando o problema ecolóxico en laboral.

 Preguntaba daquela, como secretario xeral da INTG, e despois de estar na factoría, nun artigo publicado e El Correo Gallego, o 25 de decembro: por que, por parte da dirección, Gobernador civil e Ministerio do Interior, continuouse adiante cunha operación que poñía en perigo a factoría? A actitude do Comité pódese entender dende Madrid como “unha tolura”, porén esquécese, intencionadamente, que estes bidóns viñan precedidos de noticias contraditorias, dadas pola administración, polo desaloxo da zona de Fisterra ordenada polo Goberno civil da Coruña, por vinte e tres mariñeiros, incluído o capitán, que preferiron morrer nas augas turbulentas da Costa da Morte que permanecer a bordo; que as emisoras de radio de EE.UU. e Francia dicían que o barco levaba residuos atómicos, etc. Como non ter medo?”.

 Dende o Goberno e a dirección de INESPAL, adiouse (intencionadamente?) a carga dos bidóns e a saída do barco. Unha actitude incompresíbel tendo en consideración que o conflito laboral podía causar perdas por valor de 16 millóns de pesetas (segundo a empresa). Ademais metéronse os bidóns na factoría antes de chegar o Galerno, o barco que se ía facer cargo dos mesmos, rachando o acordo previo co Comité de empresa. Este estaba formado por 8 delegados de UGT, 5 da INTG, 4 independentes, e 2 de CCOO. Queda a dúbida se o conflito foi consecuencia da alarma social xerada pola incompetencia da administración e prepotencia da patronal, ou se esta última sacaba proveito da situación. Segundo A Nosa Terra (nº 330) “a paralización da produción de aluminio pode supor un aforro de máis de 10 mil millóns de pesetas á empresa”, xa que un día antes de que se parasen as cubas, a empresa cancelara un contrato de 25.000 toneladas de aluminio para Xapón. Argumentaba o semanario que a razón tiña vinculación coa caída nun 16% do prezo do aluminio e do 20% no mercado de Londres.

 No ano 1988, celebráronse dous xuízos contra os despedimentos na empresa. Un que afectaba aos 111 traballadores da sección de electrólise. E outro contra os 23 membros do Comité de Empresa. Para os primeiros a sentenza foi de despedimento nulo. Mentres que para os segundos, considerábanse extinguidos os contratos, non tendo dereito a indemnización e salarios de tramitación. Foi o primeiro fallo en todo o Estado español que declarou procedente o despedimento dun Comité de Empresa. Tivo unha clara intencionalidade política, xa que ía dirixido contra as centrais sindicais, facéndoas responsábeis do paro da produción, ignorando a situación de alarma, que xeraran, tanto o Goberno como os medios de información, e a actitude da empresa. A ledicia coa que a patronal e o Goberno central recibiron a sentenza, reflectía o simbolismo da mesma en relación coa loita de clases.

 Agora ben, a sentenza era contraria á opinión das compañías aseguradoras, que non consideraban responsábeis aos traballadores. Da mesma opinión que estas, eran as conclusións dunha Comisión Investigadora, coordenada polos avogados Joaquín Ruiz-Giménez e Alberte Xulio Rodríguez Feixóo. No informe, dado a coñecer a finais de 1988 no voceiro da INTG (Eixo, xaneiro 1988), destacábase: “resulta patente que houbo unha desinformación total á poboación en xeral (...) A Comisión insiste na responsabilidade da Administración pola súa actuación relacionada co enbarrancamento (...) Non hai información veraz e comparábel sobre os motivos do traslado dos bidóns tóxicos (...) A comisión valora negativamente a actitude da empresa Alúmina-Aluminio (...) Non existiu disturbio laboral algún (...) As denunciadas actitudes das autoridades e órganos administrativos participantes en todo o proceso foron factores básicos para orixinar: pánico e alarma e o perigoso traslado do convoi”.

 Durante todo o ano 1988, houbo numerosas manifestacións de apoio ao despedidos, pedindo a súa reincorporación, e foron morea os pronunciamentos de solidariedade. En relación co Cason, non se puxeron os medios para evitar desfeitas semellantes posteriores, como amosou logo o afundimento do Prestige. Mais sobre todo, aínda non se fixo xustiza cos 23 membros do Comité inxustamente despedidos.

 

[Vigo, 18 de decembro de 2017]

Volver