"É necesario un cambio na política económica e laboral, pero non imos agardar e sairemos á rúa a buscalo"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, interveu nunha asemblea de delegados/as en Vigo

Vigo -

O máximo responsábel da CIG, Paulo Carril, asegurou hoxe que a pesar da suspensión da folga xeral prevista para o vindeiro 19 de xuño a central continuará cunha intensa campaña de mobilizacións para esixir a derrogación de todas as reformas antisociais e antiobreiras que nos últimos anos contribuíron ao saqueo da clase traballadora galega. "É necesario un cambio real nas políticas económicas e laborais, pero non imos agardar senón que sairemos á rúa a buscalo, como sempre fixemos", indicou durante a asemblea e delegados/as celebrada esta mañá en Vigo para a abordar a suspensión da folga e a convocatoria dunha xornada nacional de mobilizacións o 19 de xuño.
Carril comezou a súa intervención lembrando que a convocatoria de folga foi resultado dun proceso de acumulación de mobilizacións que se remonta ao ano 2017 e cuxo obxectivo era facerlle fronte ás políticas de saqueo e empobrecemento da clase traballadora e ao roubo dos dereitos laborais e sociais. "Este proceso desembocou o Primeiro de Maio coa convocatoria dunha folga xeral que formulamos como a nosa moción de censura contra o Goberno do PP, responsábel de aplicar e afondar nestas reformas antisociais e antiobreiras", explicou ante varios centos de delegados/as sindicais. 
 
No centro das reivindicacións da central atopábase a recuperación de dereitos laborais e sociais, das liberdades públicas e a rexeneración democrática "fronte á putrefacción do PP", polo que a moción de censura que desaloxou do Goberno do Estado a Mariano Rajoy "confirma o acerto das nosas análises e da conveniencia da convocatoria de folga xeral", xa que, segundo manifestou "o cambio de políticos é un primeiro paso para o cambio de políticas". 
Carril deixou moi claro que a CIG é consciente de quen é o PSOE
 
 
Con todo, quixo deixar moi claro que na CIG somos conscientes de quen é o PSOE: unha organización "responsábel" de que nos atopemos nunha situación na que "ter un traballo ou cobrar unha pensión non garante ter unha condicións de vida dignas" e acusou os seus dirixentes de seren promotores e cómplices das novas formas de explotación que trouxeron as sucesivas reformas laboráis.
 
Mais apostou de forma decidida pola necesidade de non expresar unicamente a nosa indignación senón tamén pola acción: "temos que pasar á ofensiva e seguir a demostrar a capacidade que temos de loitar pola recuperación e a conquista dos nosos dereitos". Ademais, amosouse convencido de que todas aquelas organizacións sindicais -tanto as pactistas como as que se presentan como alternativas- que non foron quen de estar á altura das circunstancias e de dar unha resposta a esta situación de emerxencia nacional e social "están condenadas á irrelevancia".
Forzar cambios coa mobilización
 
Neste punto centrou as súas críticas en CCOO e UGT, das que dixo que "agora é fácil saír á rúa como din que van facer o día 16, pero hai que preguntarse por que non o fixeron durante a ditadura do PP, axudando a cronificar esta situación que agora padecemos". En canto ás centrais autodenominadas alternativas, sinalou que ·"está claro que se atopan totalmente desconectadas da realidade laboral".
 
A respecto da decisión de suspender a folga xeral do 19 de xuño, Carril comentou que se produciu un cambio substancial "que non podemos obviar, e coa nova correlación de forzas non vai haber xustificación para que non se avance na derrogación das reformas, polo que non apelamos unicamente ao PSOE".
 
Así, adiantou que no caso de que non exista un calendario real neste sentido a CIG retomará a convocatoria de folga xeral e expresou a necesidade de que "forcemos estes cambios" mediante a protesta e a contestación social, "porque do contrario volverá a frustración". E por iso que chamou a continuar coas asembleas, coas mobilizacións, coa axitación e coa loita nas empresas e na rúa co horizonte posto no vindeiro 19 de xuño.
Máis asembleas de delegados/as
 
A central continuará nos vindeiros días coas asembleas de delegados/as co obxectivo de abordar a suspensión da folga e a convocatoria da xornada nacional de mobilizacións, tras as celebradas hoxe en Vigo e Vilagarcía e a que tivo lugar a semana pasada en Ourense. Este xoves está previsto que se celebren na Coruña e Pontevedra.
 
Ao remate desta última os delegados/as sairán en manifestación até o hospital Provincial en apoio da loita do persoal do transporte sanitario, que convocou varias xornadas de folga para reclamar un convenio digno. Hoxe mesmo, ao finalizar a asemblea de Vilagarcía, os asistentes tamén se mobilizaron fronte á sede do PP en solidariedade cos traballadores/as das ambulancias.

Volver