Paulo Carril demanda no Parlamento que se depuren responsabilidades pola política forestal da Xunta

Asegura que “as causas das catástrofes teñen responsábeis”

Nacional -

A CIG entende que é imprescindíbel abordar a grave problemática incendiaria en Galiza para afrontar as súas causas estruturais. Así o explicou o secretario xeral, Paulo Carril,na súa comparecencia na ‘Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, avaliando a experiencia acumulada dende 2006 e, especificamente, a extraordinaria vaga de lumes que vén de sufrir Galicia en outubro de 2017’ do Parlamento de Galiza. Unha intervención na que demandou que se “depuraran responsabilidades” porque os lumes forestais “representan para o pobo galego unha catástrofe humana, económica, social e ambiental de dimensións incalculábeis” e “teñen responsábeis”.

Por iso emprazou á cámara á Xunta de Galiza a enfrontar este problema con decisión e con modelos de aproveitamento do monte que aposten pola multifuncionalidade de usos e pola utilización das especies autóctonas. Demandou ademais o mantemento dos servizos ecosistémicos que considerou que deberían estar primados con incentivos directos e indirectos –exencións- mesmo sen ter un fin produtivo. “Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade”, explicou, “polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación e aproveitamento sustentábel”.

Mais tamén demandou un cambio radical e urxente das políticas do Goberno galego, que vaian no camiño da ILP para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais que promove a CIG xunto con outras entidades que conforman a Alianza por un Rural Galego Vivo e Cousa de Raíces.

Xunto a isto lembrou as medidas concretas para recuperar o rural galego como un medio vivo, con actividade económica, que contemplaba a ILP con 100 Medidas para a creación de emprego en Galiza que promoveu a central sindical e que foi rexeitada polo Partido Popular no seu debate parlamentario, “entendendo a superficie forestal como un ben prezado e valioso, como un recurso económico que pode xerar moitos empregos”.

Reformulación radical dos servizos de extinción

 O secretario xeral da CIG denunciou o modelo de xestión do Servizo de Extinción porque ten unhas características asentadas na “desorganización, pola súa fragmentación e atomización nun sen fin de entes” como o servizo público da Xunta, Seaga, Tragsa, concellos, empresas privadas, parques comarcais, contratos fraudulentos de medios aéreos…

O servizo de extinción é cada vez máis inoperativo ao tempo que irresponsábel e nefasto

 Denunciou ademais a entrada de capital privado que obtén beneficio económico da extinción de incendios; a precarización absoluta dos traballadores/as dos distintos servizos e empresas de extinción e a limitación do traballo a tres meses, na maioría dos casos con despedimentos anticipados do persoal do dispositivo contraincendios. “Demóstrase que é cada vez máis inoperativo ao tempo que irresponsábel e nefasto”, afirmou e como exemplo puxo o ocorrido na vaga de lumes de 2017, no que se mantivo parte do operativo pero se prescindiu de practicamente todas as brigadas de terra.

Para o secretario xeral da CIG “esta situación laboral caótica provoca a conversión do que debera ser un servizo profesional nun traballo estacional mal pagado” e advertiu que, deste xeito, temos en Galiza uns servizos de extinción sen profesionalizar, no que mesmo se “pon en perigo a vida de persoas sen medios nin experiencia diante de lumes de grandes dimensións que requiren de actuacións perfectamente estudadas”.

Neste sentido advertiu de que tamén están conformadas, maioritariamente por xente sen experiencia, as máis de 1.500 prazas de extinción dos concellos, que teñen unha duración de tan só 3 meses.

Cómpre unificar o servizo nun só ente de carácter público, de ámbito galego e profesional, cun tempo de traballo mínimo garantido

 Paulo Carril defendeu ademais a necesidade dunha reformulación radical dos servizos de extinción "unificando o servizo nun só ente de carácter público, de ámbito galego e profesional, cun tempo de traballo mínimo garantido" que atenda os incendios forestais que se poden producir en calquera momento do ano e coas mesmas condicións laborais, formación e categoría axeitada para poder desenvolver o seu traballo con eficacia.

Exixiu a expulsión das empresas privadas dos servizos de extición porque “o lume non pode convertese nun negocio ou nun modo de vida” e demandou que non se deriven parte dos servizos de extinción nin a concellos, nin ao exército, remitindo esa dotación orzamentaria ao servizo público galego.

Xunto a isto pediu a unificación, con carácter público, dos parques comarcais e bombeiros urbanos, igualando as súas condicións laborais, expulsando as empresas privadas e creando un corpo profesional de emerxencias que colabore e se coordine co servizo público de extinción de incendios forestais, xa que os lumes afectan a cada vez máis vivendas.

Fondos FEADER

 Xunto a isto, o secretario xeral da CIG cuestionou a utilización dos fondos FEADER, previstos para a prevención, para financiar a contratación de brigadas de extinción. “Esta estratexia de financiamento provoca situacións tan surrealistas como facer traballar ás brigadas en limpeza forestal durante horas en días de IRDI (índice de risco diario) extremo, e despois de cinco horas de traballo cunha desbrozadora no monte enviar o persoal a apagar un lume”.

Con todo, para o secretario xeral da CIG é especialmente grave o abandono da prevención como unha das ferramentas imprescindíbeis para a loita contra os incendios, a falta de planificación, a permanente improvisación e aumentan exponencialmente as posibilidades de que se produzan incendios forestais e que sexan máis devastadores. “Os lumes deste ano 2017 son unha proba evidente”.

Plan forestal

Carril lembrou que Galiza representa o 6% da superficie do Estado español, pero rexistra o 50% dos lumes forestais. Sinalou que os montes, no noso país, representan os 2/3 do total do territorio e as políticas aplicadas desde a entrada en vigor do Plano Forestal (1992) non conseguiron compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, nomeadamente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido.

O eucalipto cobre xa case que o 17% do territorio galego mentres que en Portugal non chega ao 9%

 Asegurou que ese Plano Forestal -agora en revisión- cun horizonte de aplicación de 40 anos (2032) estimaba unha extensión máxima do eucalipto dunhas 245.000 hectáreas, que no primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, estaba presente nun total de 131.181 ha., pero que, no máis recente, realizado en 2009, xa se estendera por 433.915 ha entre masas puras e mixtas aumentando nun 81% nunha década.

“Sete anos despois, a finais de 2016, a superficie de eucaliptais en Galiza podería superar xa as 500.000 ha, duplicando a falta de 13 anos, as previsións máximas do Plano Forestal de 1992”, advertiu, calculando que, en proporción ao total do territorio, a especie cobre xa case que o 17% do territorio galego mentres que en Portugal non chega ao 9%.

Indicou que isto chama a atención “non só pola importante superficie que representa, senón tamén porque de todos os estados europeos, só o Estado español e Portugal permiten o monocultivo desta árbore” e alertou do espallamento dunha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, considerado polo Comité científico de flora e fauna silvestres do Ministerio español do ambiente como “unha especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”.

Para Carril este forte aumento do eucalipto vese favorecido por un modelo de explotación do monte “intensamente forestalista que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido” e que ten a ver co abandono agrario, o despoboamento e o declive do medio rural galego “caldo de cultivo para os lumes forestais, favorecidos pola mudanza climática e o carácter pirófito das especies forestais empregadas”.

Revisión en marcha

Por iso criticou a proposta de revisión do Plano Forestal de Galiza agora en marcha, considerando que, entre outras importantes eivas porque no borrador inicial “non se prantexa unha redución da superficie do monte galego dedicada  as plantacións de eucaliptos” e porque mesmo contempla un aumento de 40.000 ha para plantacións de aucaliptos nittens. Unha eucaliptización “promovida desde a Xunta de Galiza e deseñada ao servizo dos intereses empresariais de Ence”.

Ademais responsabilizou disto e da constante e “brutal” reconversión do agro galego, do seu conseguinte abandono e desertización á aplicación da PAC tanto por parte do goberno español como do galego ao que, ademais, responsabilizou da falla dun modelo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo.

Ausencia de políticas preventivas

O secretario xeral da CIG denunciou tamén a ausencia dunha política forestal pública, preventiva e de extinción responsábel que mantela os noso montes limpos, que cese co desmantelamento progresivo e acelerado dos medios públicos cos que facer fronte ao lun e todo o ano.

A verdadeira prevención dos lumes é atacar as causas estruturais que os provocan

 A isto engadiu a falla de adopción de medidas urxentes polo goberno galego para as novas problemáticas que implica o cambio climático pero afirmou que esa “inacción do goberno galego non responde a un problema de incompetencia” que considerou que tamén existe en moitas ocasións, “senón a un deseño calculado en que persistan, aumenten e vaian a peor non só nas causas estruturais senón tamén as relativas a prevención e extinción”.

Cuestionou que o problema dos lumes forestais se aborde no “Plan Estratéxico para a prevención e defensa contra os lumes forestais” como un problema de orde público ou dos titulares das terras; que se limitara a prevención dos lumes á xestión da biomasa e que non se cuestionara para nada o funcionamento do Pladiga cando o seu funcionamento “é nefasto”.

Por iso concluíu que “a verdadeira prevención é atacar as causas estruturais que os provocan” e asegurou que “isto só se acada se camiñamos cara un monte multifuncional e sustentábel”.

Volver