Carril chama a consolidar a CIG como primeira organización sindical galega
Paulo Carril, o reelixido secretario xeral, pechou o Congreso cunha intervención na que salientou os tres principais obxectivos da CIG para os próximos catro anos: consolidar o sindicato como primeira forza sindical en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización; reforzar a organización e ser referentes do feminismo de clase; e afondar na loita pola soberanía nacional, afianzando o compromiso da central co movemento nacionalista galego.
Respecto do primeiro obxectivo advertiu que a maioría non se gaña dunha vez para sempre, que “é fráxil en relación ao poder do capital”, polo que chamou a consolidar no plano organizativo e ideolóxico os avances. Todo isto “no labor de convencer a máis sectores da clase traballadora da nosa alternativa, de facer valer o noso modelo sindical con todas as nosas forzas e iniciativas”.
Considerou que os poderes económico e político van recruar a súa ofensiva contra a CIG, polo que é máis necesario “ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase, de sermos combativas e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”. Por iso chamou a convencer da nosa alternativa a máis sectores da clase traballadora, facendo medrar a toma de conciencia nacional e de clase, co obxectivo de conquistar a hexemonía social e a unidade dos traballadores e das traballadoras nunha central única galega.
Apuntou como segundo obxectivo reforzar a organización sindical e ser referentes do feminismo de clase, para o que considera imprescindíbel “combinar a formulación de propostas coa mobilización”, e advertiu de que o maior perigo do sindicalismo é “non saber estar á altura e substituír o conflito pola conciliación, polo pacto e o diálogo social, mentres o capitalismo avanza impoñendo o seu modelo”.
Como terceiro obxectivo sinalou a loita pola soberanía nacional de Galiza e o compromiso da CIG co movemento nacionalista galego fronte á ofensiva españolizadora e recentralizadora. “A CIG somos, no ámbito sindical, a expresión do proceso de autoorganización do pobo galego, como instrumento fundamental para facer realidade o exercicio da nosa capacidade de decidirmos por nós, sen dependencias, en pleno exercicio da soberanía á que temos dereito como nación”.
Cara a folga xeral
Porque coa dependencia a clase traballadora e o pobo galego “retrocederemos na posibilidade de incidir e decidir sobre a política económica, social, industrial e laboral para poñela ao servizo dos nosos intereses, sentando as bases da construción do socialismo, obxectivos estratéxicos da CIG”.
Por iso “reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte á crise e para demostrar a nosa capacidade de responsabilizármonos colectivamente do noso futuro, poñendo fin ás mentiras coas que nos mallan sobre a nosa incapacidade para sobrevivir se non é con máis dependencia e submisión a Madrid”.
Todas as persoas son necesarias, pero o único imprescindíbel é o proxecto que representamos, o sindicato que somos
Subliñou tamén a responsabilidade que ten a central de “tomar novas iniciativas mobilizadoras” e de asumir que “temos que dar un salto cualitativo nas respostas a dar”. O propio Congreso aprobou neste sentido unha Resolución para iniciar unha intensa campaña que puidera rematar na convocatoria dunha folga xeral “de non darse avances” nun verdadeiro plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, na defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais e na inmediata derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego.
Na súa intervención Carril lembrou tamén as orixes do sindicato, que dende 1972 ten desenvolvido unha forte unidade e solidariedade de clase e no que “todas as persoas son necesarias, pero o único imprescindíbel é o proxecto que representamos, o sindicato que somos”.
Neste punto recoñeceu o labor dos miles de traballadores/as que, co seu compromiso e militancia, fixeron isto posíbel, “sempre desde o firme convencemento na autoorganización, na creación de instrumentos propios para defender os nosos intereses de clase e de nación”. Un compromiso a partir do que se edificou a CIG, un sindicato “nacionalista e de clase, combativo, de contrapoder e defensor dunha Galiza democrática e soberana”.
Finalmente, clamou contra unha UE que “segue sendo expresión da globalización ao servizo do capital financeiro” e que actúa “obsesionada en cumprir os dogmas neoliberais impoñendo duras políticas que afondan na redución do gasto público, nos recortes de dereitos laborais e sociais”, nunha nova fase da “ofensiva do capital contra o traballo”.
Fronte a isto, insistiu en que dependemos da nosa capacidade de nos organizar e mobilizar socialmente para forzar cambios que permitan conquistar políticas alternativas “para termos emprego, salarios e pensións dignas e podermos vivir e traballar na Nosa Terra”.