Paulo Carril anima a comunidade galega en Catalunya “a dicir Si á República e Si á democracia”

O secretario xeral da CIG interveu este domingo nun acto sindical de apoio ao referendo do 1 de outubro

Barcelona -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, animou onte a todo o pobo catalán e nomeadamente a comunidade galega en Catalunya  “a dicir Si á República de Catalunya e Si á democracia”, no decurso da súa intervención nun acto sindical de apoio ao referendo do 1 de Outubro celebrado en Barcelona baixo o título “Por unha República da xente traballadora”.

Ao inicio da súa intervención Carril trasladou, máis unha vez, o compromiso e apoio da central sindical co proceso independentista catalán e o Referendo convocado para o vindeiro 1 de outubro e explicou que “acudimos co firme compromiso de ser parte activa na defensa do Referendo e garantir que o 1 de Outubro o pobo catalán poida ir votar libre e democraticamente”.

Lembrou que este apoio foi acordado no último Congreso, onde se aprobaron resolucións neste sentido, que a CIG xa participou activamente na plataforma Galiza con Catalunya e que “o facemos desde a nosa irrenunciábel defensa do dereito a decidir”. A este respecto sinalou que o dereito de autodeterminación é un dereito universal “de todas as nacións do mundo” establecido na Carta das Nacións Unidas en 1945.

Unha oportunidade para acabar co réxime

Para o secretario xeral da CIG “o éxito do Procés en Catalunya é unha oportunidade para acabar co podre e corrupto réxime español, que nega os dereitos nacionais das diferentes nacións que existimos dentro do Estado español”. Un réxime que, denunciou, “pretenden perpetuar a través dun proceso de restauración monárquica e da enorme estafa social que a crise económica española significa”. Xunto a isto alertou do “roubo e saqueo” que sofren as maiorías sociais e de cómo se está sometendo “a máis pobreza ás clases populares das nacións, como a galega”.

Carril asegurou que “non hai homes e mulleres libres en nación dominadas” e subliñou como principios irrenunciábeis “a conquista da soberanía nacional e o exercicio da autodeterminación”, na loita por “construír un sistema económico ao servizo da clase traballadora, sen explotación, no que a nosa nación poida existir en pe de igualdade, en paz e harmonía, con todos os pobos e nacións do mundo”.

Volver