“A folga é a nosa moción de censura á situación de emerxencia laboral, social, política e institucional”

A CIG rexistrou hoxe a convocatoria na Consellaría de Industria

Nacional -

A CIG rexistrou este venres, na consellaría de Economía, Emprego e Industria o preaviso de folga xeral para o 19 de xuño. O secretario xeral, Paulo Carril, asegurou que “é a nosa moción de censura” diante da situación de “emerxencia nacional” que estamos a vivir do punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. Chamou á mobilización para recuperar os dereitos e derrogar as reformas que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral que padece a clase traballadora e asegurou que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón, entendemos que o seu papel é inútil”.

Carril enumerou as múltiples razóns que levan á CIG á convocatoria desta folga e denunciou, entre outras, as reformas laborais, da negociación colectiva, a pobreza laboral, a precariedade, o peche de camas, as reválidas, a LOMCE, o recorte de liberdades democráticas ou de liberdade de expresión, “ás que se lle suman cada día máis razóns”, dixo, e como un instrumento en defensa “dos nosos dereitos e de dignidade da clase”, nun contexto onde a corrupción do Partido Popular campa ás súas anchas.

Por iso considerou que “non podemos permitir que a desmobilización, a pasividade e o silencio sexan a resposta” e asegurou que “nós non imos calar, non estamos dispostos a que o PP manteña con mans de ferro estas políticas nin en Galiza nin no Estado, que tanto drama social están a provocar”, máis logo de se coñecer onte a sentenza que confirma que “é unha organización que hai que ilegalizar, que é unha organización criminal”.

Por iso chamou á folga xeral “non só como expresión de indignación da clase traballadora ante o empobrecemento xeneralizado e a explotación que estamos a vivir, senón tamén como unha medida necesaria para demostrar a nosa disposición para defender a nosa dignidade, os nosos dereitos como clase e como nación”.

Lembrou que os orzamentos do Estado que se veñen de aprobar consolidan todas estas políticas que “saquean e rouban á clase traballadora” e alertou de que “está en risco” que a precariedade e o empobrecemento avancen provocando que “esta xeración vaia vivir en condicións peores que as anteriores”.

Lamentou, porén, “a pasividade das forzas políticas e sindicais da esquerda que, coa súa actitude, co seu consumo de enerxías negando esta folga” permiten que “cada día que pasa o PP siga dando un espectáculo vergonzoso de corrupción institucionalizada” mais alertou da gravidade de que Ciudadanos poida ser a alternativa política porque iso significaría “máis recorte de liberdades e de aprofundamento destas políticas que precisamente con esta folga queremos evitar”.

Un paso á fronte

Chamou, xa que logo, a dar “un paso á fronte” advertindo que “ou estamos do lado da clase traballadora ou estamos doutro lado”. Asegurou que “as folgas que fracasan, son as que non se convocan e a mobilización social que non dá resultado é aquela que se perde en debates internos infinitos e que é incapaz de dar unha resposta real á demanda social que existe nos centros de traballo”.

A preguntas das xornalistas respecto da posición das outras organizacións sindicais, Carril preguntouse “a que teñen que esperar para dar unha alternativa”. Lamentou que “os sindicatos que se denominan alternativos e os sindicatos que no diálogo social entenden que está o camiño da solución” coincidan “non en mallar á patronal, non en mallar no PP coas súas políticas de recorte de dereitos e de empobrecemento xeneralizado que están a ter, senón en criticar á CIG porque nos atrevemos a convocar unha folga xeral”.

Asegurou que, se eles queren, “estamos dispostos a compartir reivindicacións e datas de mobilización” mais asegurou que “o que non nos vale é a inacción, a pasividade e a desmobilización que, dunha forma ou doutra, están a facer”. E concluíu que “razóns hai. É triste que non haxa, por todo o mundo, esta mesma coincidencia, pero nós non imos deixar de mobilizarnos por ese motivo”.

 

Volver