Caravana de vehículos pola Coruña para denunciar as irregularidades nas bolsas de contratación de Correos

CIG-Correos demanda unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento

A Coruña -

A CIG realizou unha caravana de vehículos pola Coruña o pasado sábado para chamar a atención e denunciar as irregularidades da contratación do persoal que se atopa nas bolsas para substitucións de Correos na provincia. A caravana saíu dende a parte posterior do Edificio de Sindicatos na Avda. Alfonso Molina e percorreu as principais rúas da cidade da Coruña até rematar cunha concentración diante do Edificio Principal de Correos na Avda. da Mariña.

A normativa pola que se rexe a contratación en Correos está recollida no Convenio Colectivo e na Convocatoria das Bolsas de Emprego, ambas de 2012, e nelas estabelécese que os chamamentos se farán por orde de puntuación -de maior a menor- dos candidatos e candidatas de forma rotativa até que se esgote a bolsa para logo volver comezar dende o principio.

Porén, criticou Ramudo, “Correos introduciu nos criterios unhas rotacións nos chamamentos que nada teñen a ver co sistema rotativo estipulado e que ninguén pode controlar”. Deste xeito, o persoal das bolsas descoñece por que número van os chamamentos, a quen lle corresponde o seguinte “ou se foi feito conforme á legalidade”. Neste senso, denuncia que Correos está deixando de chamar a traballadores e traballadoras que figuran nas bolsas de contratación e pasa a cubrir eses postos con “persoas seleccionadas a dedo e que son alleas a estes listados”.

Xunto a isto, dende mediados do mes de maio, Correos está aplicando unha tipoloxía de contrato diferente para as substitucións das vacacións.  Até o de agora, aclara Ramudo, eses contratos facíanse por interinidade en substitución do traballador ou traballadora que collía as vacacións. “Pero dende maio os contratos de vacacións e por permisos retribuídos pasaron a ser de eventualidade por circunstancias da produción, porque non substitúen a ningún traballador/a que estea nunha situación de reserva de posto”.

Isto supón que, se até agora as persoas contratadas tiñan a posibilidade de facer 6 meses de contratos de eventualidade nos últimos 12 meses e, unha vez esgotado este período, podían a maiores facer os contratos dos períodos de vacacións, “de agora en diante isto non vai ser posíbel porque excederían o tempo permitido para eses contratos”.

Ademais, con este método, este verán a maioría das bolsas quedarán esgotadas “porque as persoas inscritas terán os 6 meses cumpridos nos últimos 12 meses e sen posibilidade de facer os contratos das vacacións”.

Fronte a isto, dende a CIG-Correos demándase unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento. “A CIG e o persoal das bolsas esiximos a Correos unha contratación que se rexa polos principios de ética, da xustiza e da transparencia”, aseverou o representante sindical.

A este respecto, lembrou que a CIG xa ten presentado multitude de denuncias diante da Inspección de Traballo e a xustiza, pola falta da información necesaria para poder controlar o proceso dos chamamentos e as irregularidades nas contratacións.

Volver