Cara a onde vai Turquía?

James Petras -

A alianza sen ningún escrúpulo, oportunista e proimperialista de Erdogan coa OTAN demostra a incapacidade dun aspirante a potencia rexional emerxente para atopar o seu lugar no Imperio estadounidense

Oriente Próximo está a ser devastado por múltiples guerras. Turquía meteuse no medio da meirande parte destes conflitos rexionais e terminou perdendo.

 Baixo a presidencia de Recep Tayyip Erdogan, Turquía interveu en alianza con toda unha lista negra de señores da guerra, terroristas-mercenarios, expansionistas sionistas, potentados feudais e sinistros xefes tribais, que ocasionaron desastrosas consecuencias económicas, políticas e militares para a nación turca.

 Neste artigo analizaremos a conduta e a política interior e exterior turca dos últimos dez anos. Como conclusión, tiraremos leccións que poidan axudar as potencias de tamaño mediano a tomar futuras decisións.

Desastres en política interna do presidente Erdogan

 Durante a primeira década do século XXI, Erdogan uniuse en alianza estratéxica cunha influínte organización semiclandestina, ‘Hizmet’, dirixida polo clérigo Fethullah Gülen, convenientemente autoexiliado en Estados Unidos e baixo a protección do aparello de intelixencia estadounidense. O obxectivo deste matrimonio de conveniencia era debilitar a oposición esquerdista, laica e influída polo nacionalismo de Ataturk. Armado cun tesouro oculto de documentos falsos gülenistas, Erdogan purgou o exército dos seus líderes nacionalistas seguidores do legado de Ataturk. Proseguiu marxinando o partido republicano laico e reprimindo os sindicatos de esquerdas, os movementos sociais e a académicos de prestixio, xornalistas, escritores e estudantes activistas. Co respaldo do movemento de Gülen, ‘Hizmet’ (“servizo”), Erdogan celebrou os seus triunfos e revalidou o seu liderado en múltiples eleccións.

 Ao comezo, Erdogan non soubo recoñecer que o movemento Hizmet actuaba como unha organización política subversiva, penetrando no aparello do Estado a través dunha densa rede de organizacións burocráticas, militares, xudiciais, policiais e da sociedade civil, vinculadas coa CIA e o exército de EUA e que mantiñan relacións amigábeis cos estrategos israelís.

 En 2013, Erdogan sentiu unha enorme presión por parte do Hizmet, que pretendía desacreditalo e derrubar o seu réxime facendo públicas as prácticas corruptas que o involucraban a el mesmo e á súa familia e levar a cabo unha “revolución de cor turquesa”, unha réplica doutros “cambios de réxime”.

 Ao descubrir a súa vulnerabilidade interna, Erdogan procedeu a restrinxir o poder e o alcance dos medios de comunicación controlados polos gülenistas. Aínda non estaba preparado para lidar co enorme poder das elites relacionadas co Hizmet. En xullo de 2016, os gülenistas dirixiron un golpe militar co apoio tácito do exército estadounidense destinado en Turquía. O golpe foi desbaratado por unha gran mobilización popular co apoio das forzas armadas.

 A partir daquela, Erdogan dedicouse a purgar concienciudamente a todos os seguidores do Hizmet do exército, a administración pública, as escolas, a prensa e as institucións públicas e privadas. Ampliou a súa purga para incluír nela a dirixentes políticos laicos e nacionalistas que sempre se opuxeron aos gülenistas e ao seu intento de golpe de Estado.

 Como resultado do errado golpe de Estado e a subsecuente purga, Erdogan fracturou e debilitou todos os aspectos do Estado e da sociedade civil, para acabar controlando un Estado debilitado cun mundo empresarial, educativo e cultural degradado.

 O golpe de Estado gülenista foi inspirado e dirixido polo líder supremo do movemento, Fetullah Gülen, a resgardo no seu refuxio privado “secreto” en Estados Unidos. Está claro que este país participou no golpe, polo que rexeitou as demandas de extradición de Güllen por parte de Erdogan.

 A subordinación de Erdogan á OTAN debilitou os seus intentos de chegar até as raíces do golpe de Estado e a súa estrutura de poder interna e externa. As bases de Estados Unidos/OTAN en Turquía seguen exercendo a súa influencia sobre o exército.

 Como secuela do golpe de Estado, o declive da influencia gülenista na economía contribuíu a crear un abalo económico dos investimentos e o crecemento. A purga da sociedade civil e do exército reduciu a preparación militar do exército turco e afastou o electorado demócrata. Erdogan case perdeu a súa candidatura á presidencia tras a súa anterior purga en 2014.

Desastres en política exterior do presidente Erdogan

 Un gobernante é perverso cando debilita o seu exército, reprime os seus cidadáns e lánzase a unha serie de aventuras arriscadas no estranxeiro. Iso é exactamente o que Erdogan fixo nos últimos anos.

 En primeiro lugar, apoiou un levantamento terrorista en Siria, fornecendo armas, recrutando “voluntarios” estranxeiros e permitindo que cruzasen sen restricións a fronteira turca. Moitos destes terroristas uniron as súas forzas cos kurdos sirios, iraquís e turcos e estableceron bases militares fronteirizas.

 En segundo lugar, Erdogan desenvolveu unha campaña electoral difamatoria entre os millóns de turcos residentes en Alemaña, violando a soberanía daquela poderosa nación. Isto aumentou as tensións con Alemaña e a animosidadE do país que fora o seu maior aliado no proceso de integración de Turquía na UE, poñendo de feito fin a este.

 En terceiro lugar, Erdogan apoiou a invasión e o bombardeo de Libia por parte da OTAN que supuxo a morte do presidente Gadafi, quen fora unha voz independente e capaz de servir como posíbel aliado contra unha intervención imperial no norte de África.

 En cuarto lugar, Erdogan manifestou o seu apoio ao breve goberno de Mohamed Morsi e os Irmáns Musulmáns en Exipto tras a súa vitoria electoral de 2012, posterior ao levantamento da “primavera árabe” en 2011. Apoiaba unha fórmula parecida á súa propia política turca de exclusión da oposición secular democrática. Isto provocou un golpe de Estado sanguento encabezado polo xeneral Abdel Sisi en xullo de 2013, unha lección non aprendida por Erdogan.

 En quinto lugar, as boas relacións de facto de Erdogan con Israel -malia as súas críticas verbais- tras o asasinato por parte de Tel Aviv de nove activistas non violentos que intentaban romper o bloqueo mortal de Gaza, debilitou as súas relacións co mundo árabe propalestino e cos nacionalistas turcos.

 En sexto lugar, Erdogan desenvolveu unhas lucrativas relacións co señor da guerra kurdo-iraquí Masoud Barzani, facilitando o fluxo de petróleo cara a Israel. Os negocios petroleiros ilícitos do propio Erdogan con Barzani reforzaron a causa do separatismo kurdo e amosaron a corrupción xeneralizada dos negocios da familia Erdogan.

 En sétimo lugar, Erdogan provocou graves tensións militares con Rusia ao derrubar un avión militar ruso en Siria. Este feito deu lugar a un boicoteo económico que reduciu os ingresos derivados da exportación, devastando o sector turístico e engadindo a Moscova á súa extensa lista de adversarios: Iraq, Palestina, Siria, Arabia Saudita, Estados Unidos, Alemaña, Hezbolá e Irán.

 E, por se todo isto fose pouco, Erdogan apoiou a Qatar, o pequeno Estado petroleiro do Golfo, enviando tropas e subministracións para contrarrestar a ameaza de Arabia Saudita, as restantes monarquías petroleiras e Exipto, aliados e seguidores de Estados Unidos.

 Malia as súas abundantes políticas desastrosas, tanto domésticas como exteriores, Erdogan non aprendeu nada nin esqueceu nada. Cando Israel apoiou os kurdos iraquís para organizar o “referendo” de independencia cuxa meta, en último termo, era anexar os ricos campos petrolíferos do norte de Iraq, Erdogan resolveu non facer nada malia a ameaza que iso supoñía para a seguridade nacional turca. Limitouse a ameazar verbalmente con cortar o acceso dos kurdos aos oleodutos de Ankara sen adoptar pasos concretos. Erdogan preferiu recibir os impostos derivados do tránsito de petróleo, inimizando a Iraq con Siria e fortalecendo as relacións entre o Kurdistán iraquí e os seus homólogos secesionistas en Siria e Turquía.

 Cando Estados Unidos apoiou o golpe gülenista, Erdogan non foi capaz de pechar as súas bases militares en Turquía, polo que o exército turco segue estando moi influído pola presenza estadounidense. Isto abre a posibilidade dun novo levantamento.

 A leria despregada por Erdogan en torno ao “nacionalismo” serviu principalmente como instrumento político para a represión dos partidos e sindicatos democráticos e as comunidades kurdas e alevís.

 O apoio inicial e posterior oposición de Erdogan aos grupos terroristas yihadistas que buscaban facer caer o goberno secular-nacionalista de Damasco provocou unha “reacción” do yihadismo: células terroristas do ISIS realizaron atentados contra civís en Ankara, provocando gran número de baixas.

Conclusión

 A alianza sen ningún escrúpulo, oportunista e proimperialista de Erdogan coa OTAN demostra a incapacidade dun aspirante a potencia rexional emerxente para atopar o seu lugar no Imperio estadounidense.

 Erdogan pensaba que a súa condición de fiel “aliado” de Estados Unidos protexería a Turquía dun golpe de Estado. Non foi consciente de que se converteu nun peón desbotábel dentro dos plans estadounidenses de establecer gobernantes máis servís (como os gülenistas) en Oriente Próximo.

 Erdogan estaba convencido de que colaborando con Estados Unidos para facer caer o presidente sirio Bashar al-Assad conseguiría anexionar o norte de Siria a Turquía. En lugar diso, Erdogan terminou prestando un servizo aos kurdos sirios, apoiados por EUA, vinculados aos kurdos turcos. Intentando fraccionar Siria e esnaquizar o seu Estado e o seu goberno, Erdogan contribuíu a reforzar o expansionismo interfronteirizo kurdo.

 Erdogan non foi capaz de asumir a regra básica de todo goberno imperial: Non existen os aliados permanentes, só os intereses permanentes. Erdogan creu que se actuaba como substituto de Estados Unidos, Turquía sería “recompensada” cunha parcela de poder, riqueza e territorio en Oriente Próximo. En lugar diso, Estados Unidos, actuando como calquera potencia imperial, utilizou a Turquía como lle conveu e desfíxose logo de Erdogan, como dun condón usado.

 O antiimperialismo non é só un ideal e un principio ético ou moral; é unha forma realista de enfocar a salvagarda da soberanía, as políticas democráticas e as alianzas significativas.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de outubro de 2017]

Volver