Baixo o lema, a CIG acaba de iniciar unha campaña para reclamar solucións á caótica situación na que se atopa esta administración en Galiza tras a entrada en funcionamento do novo modelo organizativo creado pola Lei Orgánica 1/2025 de medidas en materia de eficiencia do sector público da Xustiza. A iniciativa baséase na análise pormenorizada do estado no que se atopan o conxunto dos órganos xudiciais en toda Galiza, transcorrido un ano de posta en funcionamento dos Tribunais de Instancia nas vilas da Fase I e seis meses dende que o fixeron nas sete cidades galegas.
» DÍPTICO CAMPAÑA CIG XUSTIZA
No informe de avaliación, o sector de Xustiza da CIG-Administración detecta até corenta problemáticas no conxunto do país para as que formula corenta propostas, que xa foron trasladadas á dirección xeral de Xustiza para que poña en marcha as medidas oportunas e que a central sindical ten previsto abordar tamén co persoal de cada un dos tribunais para a súa actualización constante.
Déficit de persoal en todos os tribunais
A CIG-Xustiza resume o conxunto de propostas nun decálogo que ten como primeira e máis urxente medida a creación de prazas en todos os servizos para afrontar o déficit de persoal. Esta falta de efectivos afecta de maneira máis grave ás vilas, atopándose xa ao bordo do colapso os tribunais de Carballo, Padrón, Xinzo de Limia, Vilagarcía ou Lalín.
Por iso, a CIG-Xustiza reclámalle á dirección xeral que abra a negociación para abordar a reforma das Relacións de Postos de Traballo (RPT) e crear as prazas necesarias en todos os servizos, a configuración de servizos comúns xerais nas vilas para o rexistro e o reparto e a constitución de equipos estruturais “imprescindíbeis en moitos servizos e necesarios para conseguir unha verdadeira especialización: familia, mercantil, social, contencioso etc.”.
Nesta liña, reivindican tamén un aumento das prazas especializadas en violencia de xénero nas grandes sete cidades e que se adecúe o novo cadro de persoal aos horarios reais destas prazas.
A falta de persoal veuse agravada coa entrada en funcionamento do novo modelo organizativo que en Galiza implicou a eliminación dos reforzos nos xulgados, por decisión propia da Xunta. “Neste tempo xa quedou ben claro que sen eses reforzos é imposíbel sacar adiante o traballo”, alerta a CIG-Xustiza. Pero ademais, na práctica hai moito menos persoal traballando debido ao “aluvión” de xubilacións e a marcha de persoal interino tras aprobar os procesos de consolidación, quedando os postos que ocupaban baleiros durante semanas.
Cada persoa está agora adscrita a múltiples órganos
Para máis abundar, a configuración da nova organización provoca que sexa preciso máis persoal para desenvolver o traballo debido ao deseño dos equipos, xa que agora cada persoa atende múltiples órganos xudiciais, numerosos correos electrónicos e carpetas compartidas, atrasando o desenvolvemento do traballo e obrigando a unha meirande atención para evitar erros na tramitación. Tamén hai menos prazas dedicadas á tramitación procesual e estanse desviando efectivos para a dedicación completa a tarefas gobernativas.
En Galiza ocorre ademais que se descoñecía o funcionamento dos servizos comúns, que o expediente dixital ten moita menos implantación que noutros territorios, que o sistema de xestión procesual non vai á par das novas versións que xa existen noutras administracións, e que segue habendo un abuso da impresión en papel.
Abuso do papel e falta de medios
“Na CIG levamos anos denunciando esta situación sen que se lle puxera remedio e agora atopámonos con persoas que levan expedientes derivados de órganos distintos aos que estaban e que pasan a mañá dun lado para outro, ás veces incluso entre edificios distintos, buscando o procedemento en papel porque faltan as resolucións no programa Minerva e non poden continuar coa tramitación dos asuntos”, explican.
Para afondar máis neste caos, “cada Tribunal de Instancia de cada unha das sete grandes cidades ten unha organización distinta polo que o panorama no sector é do máis heteroxéneo”.
Ás problemáticas de falta de persoal e organizativas súmanse as necesidades de medios materiais (escáneres, tabletas para as dilixencias fóra das sedes, cámaras de maio resolución ou mesmo teléfonos), as necesidades de formación presencial para todo o persoal, en especial para o que carece de experiencia previa, crear prazas específicas para labores gobernativas ou implantar o traballo a distancia, ao que o persoal desta administración aínda non ten dereito.
Por todas estas razóns, a CIG-Xustiza presenta esta baterías de propostas “que ao noso entender é necesario executar sen máis demora por parte da dirección xeral para que non se agrave a difícil situación na que se atopa na actualidade a administración de Xustiza en Galiza”.