Imaxe: Juan Louro Cambeiro.

Que repercusións ten para a comarca de Fisterra a segregación de actividades de Ferroatlántica?

A desvinculación das fábricas e as centrais hidroeléctricas xa figuraba nos plans do Grupo Villar Mir cando mercou o complexo industrial en 1992

Cee -

O Comité de Ferroatlántica iniciou este domingo unha campaña informativa coa que se pretende pór de manifesto a negativa repercusión que a venda das centrais hidroeléctricas ten para a comarca. A primeira acción desta campaña consistiu nun reparto de follas informativas no mercado municipal de Cee.

Imaxe: Juan Louro Cambeiro.

A representación social lembra que a segregación de actividades é un obxectivo que xa figuraba no plan de viabilidade da empresa no ano 92, cando o Grupo Villar Mir comprou as fábricas e as centrais hidroeléctricas a Carburos Metálicos. Daquela, foron os tribunais de xustiza quen impediron a separación de actividades.  

A segregación suporá o peche das fábricas

Neste senso, o Comité advirte que a segregación de actividades e a venda das plantas de enerxía "suporía o peche das fábricas de Cee e Dumbría, e só estaría por determinar o tempo, curto ou medio prazo".

A Villar Mir non lle importan os 400 empregos en risco nin as negativas consecuencias sociais e económicas para a comarca"

 Explican que para unha industria destas características, que durante os últimos 25 anos non recibiu investimentos para a súa modernización e na que as fábricas competidoras do propio Grupo producen con menos custes noutras partes do mundo, a venda das centrais provocaría un incremento dos custes enerxéticos insoportábeis para a súa viabilidade (aí está o exemplo de Alcoa). Nesa conxuntura "é fácil entender que a única saída é a deslocalización e, polo tanto, o peche das fábricas de Cee e Dumbría".

"Nesta lóxica neocapitalista, para Villar Mir importan moi pouco os 400 postos de traballo que se perdan e a incidencia negativa que para a comarca ten tanto social como economicamente.

Responsabilidade da Xunta do PP

Por iso, o Comité volve esixir a intervención inmediata da Xunta de Galiza para que non autorice a segregación e a venda das centrais. "Se o PP é quen de apañar votos na comarca para gañar as eleccións agora ten que utilizar eses mesmos votos para paralizar esta operación especulativa. Do contrario o PP será o culpábel da ruína da nosa comarca", denuncian.

Ademais, o Comité de empresa ten previsto reunirse este luns en sede parlamentaria cos grupos de BNG, PSdeG e en Marea, en relación ás iniciativas que o grupos van presentar no Parlamento de Galiza.

Volver