Campaña da CIG contra a precariedade e a pobreza laboral: 'Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos'
Baixo o lema ‘Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos’, a CIG desenvolve unha campaña para enfrontar a precariedade laboral, o empobrecemento da clase traballadora, rematar coas desigualdades de xénero e a fenda salarial, garantir a creación de emprego de calidade e a protección social. A campaña arrinca o 6 de febreiro coa celebración de asembleas de delegados e delegadas nas sete comarcas e na mesma insírense as mobilizacións e reivindicacións da central nacionalista para este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, e o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. O calendario de mobilizacións estenderase tamén ao mes de abril, camiño do Primeiro de Maio.
“Hoxe, ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como alimentación e a vivenda, especialmente entre a xente nova e as mulleres”, advertiron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, na presentación pública da campaña.
Hoxe, ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como alimentación e a vivenda, especialmente entre a xente nova e as mulleres
Describiron unha realidade de precariedade e inestabilidade laboral “resultado da aplicación polo Goberno español de receitas neoliberais” impostas como requisito para acceder aos fondos europeos. “Apróbanse reformas constantes que combinan a insuficiencia de medidas con outras que son claramente regresivas pero presentadas con moita propaganda”, como a recente reforma das pensións que elimina definitivamente o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.
Para “branquear” estas políticas, censurou Carril, recórrese de xeito permanente ao diálogo social “onde a patronal ten garantida a súa axenda e onde CCOO e UGT desempeñan un papel entregado á desmobilización”.
O impacto negativo destas medidas multiplícase en Galiza pola acción decidida do Goberno da Xunta do PP “que impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos, negándose a apostar por un desenvolvemento galego propio a pesar de que cada día máis sectores produtivos esmorecen e a desertización social e industrial é maior”.
Negociación colectiva
Neste contexto, a negociación colectiva constitúe unha ferramenta fundamental para mellorar as condicións de vida da clase obreira, polo que debemos reivindicar o dereito a negociar e decidir en Galiza “os nosos convenios colectivos, coas solucións máis acaídas á nosa realidade laboral, social, industrial económica e demográfica”.
Debemos reivindicar o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios
“Recoñecer este dereito significa poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras”, aseverou Carril.
“Está na nosa capacidade de organización sindical e loita podermos negociar aquí e non en Madrid”, incidiu, lanzando un chamado a confrontar ante patronal e gobernos e a mobilizarse en demanda de política favorábeis á clase traballadora. “Porque os dereitos non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando”.