Burgos lembra, na sinatura do acordo de Axentes Forestais e Medio Ambientais, que quedan aínda cuestións por resolver

Denuncia a invasión de competencias nesta materia da Lei Básica de Axentes Forestais aprobada hoxe no Senado

Nacional -

A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, salientou esta mañá, tras da sinatura do acordo que puxo fin á folga que mantiña o colectivo de Axentes Forestais e Medioambientais, que os avances acadados non terían sido posíbeis sen a mobilización das traballadoras e traballadores, aínda que advertiu que faltan cuestións por resolver. Xunto a isto denunciou a invasión de competencias que supón a Lei de Bases de Axentes Forestais que hoxe tomou en consideración o Senado a proposta de Podemos. Unha materia que é de competencia exclusiva de Galiza.

Burgos lembrou que a vaga de lumes do pasado ano puxo en evidencia a necesidade de reforzar o servizo público de extinción de incendios pero tamén o control da xestión dos recursos forestais a na conservación do medio natural.

Lembrou que nun primeiro momento a Xunta de Galiza pretendeu aumentar o 50% das gardas dos axentes forestais e medio ambientais, aumentando así excesivamente o cómputo horario anual e condicionando o salario ao traballo de lumes. Fronte a isto, sinalou que desde a CIG se considerou que todas as funcións destes profesionais son importantes e que “se debe reforzar o servizo con máis persoal e non con máis horas, no especial con estas funcións de risco”.

Por iso subliñou que “nos opuxemos frontalmente” e salientou que foi grazas ás mobilizacións deste persoal funcionario público e ao apoio social como se conseguiu reverter este acordo. Nese sentido afirmou que “a folga foi fundamental e os axentes forestais e medio ambientais son hoxe os protagonistas que o fixeron posible”.

Melloras contempladas no acordo

Entre as cuestións laborais que se conseguiu mellorar salientou a segunda actividade, a posibilidade de xubilación anticipada, a conciliación con flexibilidade horaria, a implantación dun horario máximo anual igual que o resto do persoal da Xunta de Galiza, o incremento retributivo máis igualitario e que non se vincule unicamente aos traballos de extinción e que a mobilidade funcional non desmantele ao servizo de conservación da natureza.

Con todo matizou que aínda quedan cousas pendentes entre as que salientou a creación de 30 prazas para reforzar o servizo “fronte ao roubo de  competencias das forzas e corpos de seguridade do Estado” e o cumprimento do Acordo de Axentes Técnicos Ambientais do Grupo B.

Lei de Bases de Axentes Forestais

A respecto da toma en consideración da Lei de Bases de Axentes Forestais proposta por Unidos Podemos e que foi tomada esta mañá en consideración polo Senado, Zeltia Burgos asegura que “non ten que ver coa nosa realidade”. Denuncia que “é unha copia da de Catalunya”, que establece “un sistema policial e non técnico” para a xestión dunha “organizacion do territorio completamente diferente”.

Así lembra que “Galiza ten unha organizacións territorial propia e singular coas comunidades de montes, a xestión directa e a tutela dos axentes no medio natural e forestal” e avanza que “n os defendemos unha función máis técnica e menos policial”.

Volver