Brasil: A reforma laboral no réxime de Temer

Adrián Sotelo Valencia - 10 Mai 2017

A reforma laboral resulta fondamente lesiva para millóns de traballadores e traballadoras e está enmarcada nos novos dispositivos neoliberais impostos polo Banco Mundial e o FMI en todo o mundo. Ademais confirman, paradoxalmente, a centralidade do traballo no capitalismo contemporáneo

A imposición da reforma laboral en Brasil polo goberno de facto de Michel Temer dáse nun contexto de forte recesión da economía, alta inflación e un intenso desemprego que afecta ás máis variadas capas da poboación do país. De acordo coa Pesquisa Nacional por Amostra de Domicílios Contínua (Pnad) do IBGE a taxa de desocupación está á alza e alcanza 14.2000.000 desempregados entre xaneiro e marzo de 2017. Indica que iso significa un aumento de 13% respecto ao trimestre inmediatamente anterior (outubro-decembro de 2016). Noutras palabras rexistrouse un aumento absoluto do número de desempregdos en 1.800.000 persoas -o que dá unha media de 20.000 despedimentos por día- que, deste xeito, se sumaron ao exército industrial de reserva na súa modalidade de desemprego aberto no Brasil.

 A reforma laboral (trabalhista) é fondamente negativa para os traballadores na medida en que afecta todas as modalidades de emprego e os dereitos e garantías consagradas na Consolidação das Leis do Trabalho creada mediante Decreto-Lei nº 5 452, do 1º de maio de 1943 e sancionada polo presidente Getúlio Vargas durante o chamado Estado Novo (1937-1945) en Brasil.

 Neste artigo mencionamos algunhas das novas modalidades desta lei completamente antiobrera e antisindical pero determinantemente favorable aos intereses da patronal nacional e do capital estranxeiro que opera no país.

  1. A xornada de traballo poderá aumentar até 12 horas diarias se así o “conveñen” o patrón e o traballador, mesmo por riba do que estipulen os contratos colectivos de traballo. Desta forma o sindicato queda completamente debilitado nas negociacións obreiro-patronais e fronte ao mesmo Estado capitalista.
  2. O patrón poderá despedir, sen indemnización, os traballadores e simultaneamente contratar novos traballadores con menores salarios e menores beneficios sen ningunha penalización legal para o patrón.
  3. Eternízase o traballo temporal, de tal xeito que, por exemplo, en actividades como servizos de restaurantes, bares ou nas fábricas industriais se poderá traballar por tempo determinado e deixar o emprego ao antollo do patrón sen garantía de remuneración nin de ser contratado novamente.
  4. Ao aumentar a xornada de traballo practicamente desaparecen as horas extraordinarias de traballo e, por conseguinte, o seu equivalente en remuneración. O resultado mensual para o obreiro é que diminúe o seu salario global. Para o patrón o anterior redunda en que aumenta a plusvalía absoluta, vía prolongación da xornada de traballo e, deste xeito, remunera a forza de traballo por baixo do seu valor, constituíndo un franco proceso de superexplotación do traballo que incrementa substancialmente a taxa de ganancia.
  5. A hora que antes se dedicaba á comida, a metade da xornada, redúcese a media hora, o que se traduce nunha expropiación de parte do tempo de traballo socialmente necesario que, así, se converte nunha fonte adicional da acumulación do capital. Tamén reforzando a superexplotación da forza de traballo cos resultados sinalados.
  6. O patrón resérvase o dereito de determinar o tipo de roupa e o xeito de vestir dos seus traballadores, mesmo con uniformes ridículos e incómodos sen importar as inclemencias do tempo, frío ou calor. Dependerá do capricho e do gusto do patrón.
  7. Os gastos de transporte corren a cargo do traballador, eximindo o patrón, prexudicando a todo o mundo, por suposto, máis as persoas que vivan máis lonxe do centro de traballo.
  8. Os días de vacacións agora poderán ser parcelados en tres partes de acordo cos intereses do patrón afectando a vida social e familiar e a integridade emocional.
  9. Ao legalizar a terceirización (a contratación por terceiras empresas) as empresas contratantes non terán ningunha obriga de indemnizar o traballador se este é despedido, por calquera causa, pola empresa onde traballe. O traballador queda así en completo estado de indefensión xurídica sen responsabilidade legal para o goberno.
  10. Os traballadores permanentes (con "carteira assinada") e con certa antigüidade poderán ser despedidos para contratar, se así o require o patrón, obreiros terceirizados, con menores salarios, sen dereitos e sen contrato permanente.
  11. A superexplotación e a crueldade patronal consagrada polo Estado afecta tamén ás mulleres traballadoras embarazadas e lactantes. Agora será o médico da empresa e o mesmo patrón os que determinarán o lugar de traballo e as condicións de traballo independentemente da condición da muller. Hai que reler urxentemente a novela A nai de Máximo Gorki publicada en 1907 e que trata dunha muller que loita contra o réxime tsarista!
  12. A Comissão de Conciliação Prévia pasa a segundo plano e terá un valor maior o que o patrón negocie e impoña por riba da lei.
  13. A recisión unilateral dun contrato por parte do patrón non require do consentimento do sindicato nin da súa sinatura para que se realice o despedimento. O poder absoluto do capital quedou finalmente, co goberno de Temer, nas gadoupas devastadoras do capital co aval do Estado.
  14. As novas disposicións laborais desenvolvidas coa reforma asestan un rotundo golpe á Xustiza Laboral que agora deixa de ser gratuíta para quedar á conta do traballador despedido, que terá que pagar todos os gastos e honorarios, incluíndo os dos expertos, para gañar un xuízo laboral. Evidentemente se non se conta cos recursos, que é a crúa realidade de millóns de traballadores, o devandito xuízo terá sentenza en contra do traballador.

 Todas estas disposicións dunha reforma laboral fondamente lesiva para a integridade de millóns de traballadores e traballadoras, están enmarcadas nos novos dispositivos neoliberais impostos polo Banco Mundial e o FMI en todo o mundo. Ademais confirman, paradoxalmente, a centralidade do traballo no capitalismo contemporáneo na medida en que, no caso do goberno de facto de Temer en Brasil, toda esta reestruturación se vén realizando polo lado do capital variábel, é dicir, da forza de traballo e, polo lado do capital fixo e circulante, de xeito completamente insuficiente ou nulo.

 A centralidade da forza de traballo amosa deste xeito a validez científica da teoría do valor/traballo da economía política e, á vez, no plano da loita de clases e das súas organizacións (como o sindicato, o comité ou a fronte) a súa centralidade exprésase na capacidade de mobilizar a preto de 40 millóns de traballadores nunha folga nacional e xeral (28 de abril de 2017) para protestar contra unha reforma lesiva aos seus intereses de clase, así como contra un réxime de facto que é produto dun xenuíno golpe de Estado parlamentario e institucional perpetrado por unha gavela de facinerosos e corruptos a maioría dos cales están investigados nos tribunais xudiciais e -moitos deles senadores e deputados- na famosa operación coñecida como Lava Jato.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 2 de maio de 2017]