Bombeiros comarcais mobilízanse en Compostela para exixir melloras nas súas condicións laborais

Un especialista representou o 'queimado' que está o colectivo por Rueda e Villanueva prendéndose lume ao 'bonzo'
Nacional - 17 Nov 2023

O colectivo de bombeiros comarcais percorreu esta mañá as rúas de Compostela, desde as portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, até a praza do Obradoiro, ao pé do despacho do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pazo de Raxoi. Durante o percorrido corearon o "Bombeiros pobres, Nunca Máis", para denunciar a precariedade que padecen, e exixiron que se inicie dunha vez a negociación para que se lles garantan condicións laborais dignas. Ao remate, para representar o 'queimados' que están, un especialista prendeuse lume ao bonzo, fronte dous compañeiros caracterizados como Rueda e Santiago Villanueva, o Director Xeral de Emerxencias.

Pasadas as doce de mediodía iniciaba o seu percorrido a manifestación, que durante dúas horas e acompañada do son constante dos petardos e berros das e dos asistentes, se fixo notar polas rúas de Compostela.

O colectivo, que leva en folga desde o mes de xuño, agarda por unha solución ao conflito que depende de que os representantes de cada Consorcio –Xunta e Deputación de cada provincia- senten a negociar unha mellora das súas condicións laborais. Unha demanda que non inclúe unicamente un incremento salarial, senón tamén a dotación de efectivos suficiente para que se poida garantir a seguridade tanto de quen atenden as emerxencias, como da poboación que demanda dos seus servizos.

De feito, ao remate, durante a lectura do manifesto co que se puxo punto e final a esta mobilización, ademais de demandar unha Lei de Emerxencias acaída ás necesidades non só do colectivo de bombeiros, senón tamén do resto dos servizos de emerxencia de Galiza, que tamén se sumaron á protesta, 061 ou 112, denunciaron a falta de medios humanos.

Nese sentido explicaron que os bombeiros comarcais prestan atención a máis de 1.700.000 persoas “e facémolo con 75 efectivos cada día”, denunciaron. Setenta e cinco bombeiros que ademais de atender á poboación, en emerxencias como accidentes de tráfico ou incendios “temos que estar dispostos a enfrontarnos a calquera desastre nos máis de 180 polígono industriais” que hai no noso país.

Queimados

O colectivo responsabiliza da súa situación ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e máis ao Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva. Asegura que a esta altura están queimados e para representalo, en pleno Obradoiro, dous bombeiros caracterizados de Rueda e de Villanueva prenderon lume a un especialista, entre os apupos das e dos manifestantes.

O certo é que levan intentando sentar a negociar meses sen que a parte que representa a administración sequera se presente ás citas. Por iso anunciaron que continuarán mobilizándose e facendo ruído até conseguir un convenio único para todos os bombeiros de Galiza, dos Consorcios provinciais que dignifique a súa profesión e que valore o posto, cunha RPT que recolla exactamente as valoracións do complemente específico que teñen que ter, ademais de avaliar correctamente o número de efectivos necesarios para atender como se merecen as galegas e galegos, as emerxencias que poida haber.