Betanzos HB, condenada a readmitir a dous traballadores aos que despediu tras presentar denuncias na Inspección

Unha terceira sentenza, que a CIG vai recorrer, considera improcedente outro despedimento de características similares

A Coruña -

Betanzos HB vén de ser condenada a readmitir a dous traballadores que ían na candidatura da CIG, despedidos o pasado mes de outubro logo de ter iniciado actuacións diante da Inspección de Traballo. Xunto a estas, hai unha terceira sentenza que recoñece a improcedencia do despedimento doutro compañeiro, á quen tamén lle foi rescindido o contrato nas mesmas circunstancias. Por iso, a CIG vai recorrer a sentenza para que tamén se declare nulo este despedimento.

Nas resolucións xudiciais recoñécese que a empresa vulnerou a garantía de indemnidade dos traballadores, xa que o seu cese “é consecuencia das manifestacións vertidas polo actor na visita de Inspección, sendo significativo que a empresa tivera incoado expediente disciplinario o día 9-2-2015 a dous traballadores que interviñeron nas dilixencias da Inspección”.

Hai que lembrar que os traballadores despedidos presentaran demandas na Inspección de Traballo por fraude na contratación e relativas á falta de medidas de seguridade. As actuacións da Inspección traducíronse na imposición dunha sanción á empresa, por importe de 40.985 euros, por infracción da normativa de prevención de riscos laborais.

Pouco tempo despois, a empresa realizou unha avaliación de desempeño do seu persoal que unha das sentenzas define como “un tanto sui generis”, ao estar baseadas en valoracións subxectivas e sen seguir ningún criterio obxectivo.

Casualmente os tres traballadores despedidos foron os peor valorados de toda a fábrica, e este resultado foi utilizado pola dirección para xustificar os seus despedimentos. A este respecto, as sentenzas xudiciais poñen en cuestión non só a imparcialidade do proceso de avaliación senón tamén que “a carta de despedimento adoece da claridade suficiente” expondo circunstancias e datos xenéricos, sen xustificación adecuada dos feitos alegados.

Cúmulo de despropósitos

Para os delegados da CIG en Betanzos HB, estas sentenzas veñen demostrar a actitude antisindical da dirección e a persecución contra os traballadores afíns á central nacionalista, “polo simple feito de reclamar os seus dereitos e pedir garantías de seguridade no seus postos”.

Neste senso, lembran que a empresa xa perdeu múltiples sentenzas en anos anteriores por persecución, acoso laboral e neglixencia. Nestes momentos, ten abertos dous procesos penais. Un deles iniciado pola propia Fiscalía a raíz das investigacións da Inspección de Traballo (en fase de instrución). E agora suma as sentenzas por despedimento nulo.

“A empresa gasta un montón de diñeiro en contratar un dos mellores bufetes de avogados da Coruña, pero as súas actuacións son tan vulneradoras e contrarias a dereito que nin sequera así conseguen gañar un proceso”, subliñan os delegados da CIG.

Rebaixa de salarios

Ademais de reincorporar os dous traballadores no seu posto nas mesmas condicións, Betanzos HB foi condenada a pagar os salarios de tramitación (soldos deixados de percibir dende o despedimento até a readmisión), e terá que afrontar tamén o pago da prestación por desemprego percibida neste tempo polos traballadores.

A indiferencia da empresa á hora de afrontar as consecuencias económicas das súas actuacións contrasta coa pretensión de aplicar un recorte salarial para o conxunto do persoal, no marco da negociación do novo convenio colectivo. Unha rebaixa salarial que tamén busca impor mentres a dirección e o persoal subalterno se está a subir os soldos.

Diante disto, a representación da CIG esixe á empresa que faga valer os principios polos que di rexerse: honestidade, compromiso, confianza e respecto, e abandone dunha vez as manobras de persecución e acoso ao seu persoal.

Volver