Basta xa de explotación ás persoas con capacidades distintas en Ilunion-Grupo ONCE

Vigo - 30 Dec 2022

A CIG tenlle declarada a guerra aos centros especiais de emprego que explotan o seu persoal baixo a escusa da integración sociolaboral das persoas con capacidades distintas. Tal e o caso de Ilunion Servicios Industriales Pontevedra, pertencente ao grupo ONCE, que nutre de traballadores/as as principais compañías da automoción da comarca de Vigo.

A representación da central no comité de empresa deste centro especial de emprego (10 de 17 delegados/as) leva xa varios anos promovendo mobilizacións para lograr unha dignificación das condicións de traballo dos arredor de 620 empregados/as que prestan labor en compañías como Stellantis, Lear, Benteler ou Denso, xa que, a diferenza dos seus compañeiros/as, se lles aplica o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais precarias. 

Este persoal cobra o salario mínimo e ten a metade de dereitos

Por iso decidiron alzar a voz en defensa dos seus dereitos e para denunciar a precariedade e a explotación laboral que padecen: cobran o SMI e teñen a metade de dereitos. O inicio das accións reivindicativas remóntase a 2019, cando a CIG desenvolveu a primeira das mobilizacións diante da sede da ONCE en Vigo. Logo chegarían concentracións en Stellantis e de novo ás portas da ONCE, protestas que se están a intensificar nas últimas semanas e que poderían desembocar nunha convocatoria de folga.

Os traballadores/as suspenderan as mobilizacións durante un mes mentres negociaban coa dirección unha mellora salarial que finalmente non se aplicará porque Ilunion pretendía a cambio flexibilizar aínda máis a xornada de traballo.

Convenio de sector

Esta precarización do emprego disfrazada de integración laboral levou a CIG-Industria a iniciar unha campaña para esixir que aos empregados/as de Ilunion se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o do metal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués.

No caso de Vigo, malia cobrar o SMI, teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías da automoción. E iso a pesar de que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.

Ademais, non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades distintas, tanto físicas como psíquicas.