Autocares Ojea de Ponteareas deberá readmitir o traballador despedido por represión sindical

A sala do Social dos Xulgados de Vigo anula a rescisión do contrato
Ponteareas - 01 Set 2017

A sala do Social número 4 dos Xulgados de Vigo vén de emitir na mañá de hoxe a sentenza de nulidade do despedimento do traballador que concorreu nas listas da CIG nas eleccións sindicais de autocares Ojea, con sede en Ponteareas. Dá a razón, deste xeito, aos argumentos da central nacionalista, que acusou a dirección de “acoso e persecución sindical” e de aplicar unha medida exemplarizante contra este empregado, con 18 anos de antigüidade e relación laboral impecábel, co obxectivo de laminar as actitudes reivindicativas do persoal.

A sentenza considera demostrada a represión sindical e considera “sen fundamento” o despedimento disciplinario efectuado o pasado 28 de febreiro, cualificándoo como “unha represalia por ter demandado a empresa e presentarse nas eleccións sindicais pola CIG”. Conclúe, así, a nulidade do cese e a obriga de readmitir o compañeiro, abonando, ademais, os salarios que deixou de percibir dende esa data.

Dende a central nacionalista consideran a sentenza como unha vitoria fronte a prepotencia e actitudes caciquís dos propietarios, Carlos e Manuel Pino González, e agardan que supoña un punto de inflexión na relación co cadro de persoal.

Persecución e acoso sistemático

Cómpre lembrar que a rescisión de contrato se produciu tras unha campaña previa de acoso laboral que afectou tamén a outro compañeiro do despedido, que se presentara como candidato da central en anteriores procesos de eleccións sindicais. A persecución contra eles comezou unha vez rematadas as votacións, nas que foi elixido o candidato da UGT e nas que o da CIG obtivo un terzo dos votos (a empresa conta cun cadro de persoal de 30 traballadores/as).

A empresa comezou por modificarlles os servizos que facían e retiralos das liñas regulares para que non tivesen posibilidade de cobrar o plus do 20% que lles corresponde aos condutores-preceptores.

Tamén decidiu mandalos para casa cada día unha vez rematada a súa función como condutores de autobuses escolares, cando o resto de compañeiros/as teñen que regresar ao taller, para non ter que abonarlles a comida. “Deste xeito redúcenlles as nóminas para que se cansen e opten por abandonar eles mesmos a empresa”.

Tras o acoso continuado e sistemático, a empresa despediu o traballador argumentando “perda de confianza”, polo que a CIG presentou unha demanda solicitando a nulidade do despido ao entender que se trataba dunha decisión derivada dun caso de acoso por presentarse pola central ás eleccións.

Campaña de mobilizacións

A sentenza chega despois dunha intensa campaña solidaria de mobilizacións, consistente en concentracións diante dos garaxes da empresa e domicilio dos propietarios, na estación de autobuses de Ponteareas ou mesmo diante dos Xulgados de Vigo o pasado 25 de agosto, data do xuízo.

Dende a CIG, alén de celebrar o fallo xudicial favorábel, conminan a clase traballadora a non deixarse amedrentar polas actitudes represivas da patronal, organizándose e mobilizándose nos centros de traballo para erradicar vulneracións flagrantes dos dereitos como a padecida en autocares Ojea.