Atento presiona o seu persoal para intentar desmobilizalo ante a folga de 24 horas do vindeiro luns

Na véspera da xuntanza co comité, a dirección reuniu as/os traballadoras/es en pequenos grupos para "falar" do conflito
A Coruña - 14 Set 2018

O vindeiro luns 17 de setembro, o comité de Atento ten convocada folga de 24 horas na plataforma da Coruña, nunha nova xornada de mobilizacións que se suma ás que o persoal vén secundando dende o pasado 28 de maio. Porén, desta volta, e tras do éxito da manifestación do pasado luns, a dirección reuniu os empregados e empregadas en grupos de 10 persoas, nun intento de presionalas e convencelas para que abandonen as protestas.

A sección sindical da CIG en Atento condena esta actitude coercitiva da empresa  coa que claramente busca desmobilizar o persoal a través de "mentiras e chantaxes". De feito, sinalan, a dirección insta o persoal a que deixe de participar nas protestas, "aducindo que é mellor non airear fóra os problemas e culpando o comité de non querer negociar. Pero xa non enganan a ninguén, nesta empresa levamos loitando para que se respecten os nosos dereitos dende o primeiro día, hai xa 20 anos".

A empresa bota balóns fóra

Estes "pequenos encontros" ocorreron na véspera da reunión coa representación sindical - que levaba agardando por esta xuntanza dende o 11 de xullo- e na que a empresa tentou "lavar as mans" alegando que case todas as condicións veñen marcadas polo contrato con Telefónica (tempos entre chamadas, tempos administrativos para completar as xestións, deficiencias nas aplicacións, etc.). A este respecto, só se comprometeron a estudar as necesidades de formación en dous dos servizos e a tratar coa mutua as queixas trasladadas polo persoal polas prácticas irregulares.

Porén, a dirección negou a existencia de problemas no relativo á imposición dos períodos de goce das vacacións e rexeitou rematar coas sancións e os despedimentos por baixo rendemento e baixas médicas. "O único que fan é queixarse da mala imaxe que damos coas nosas protestas e dos elevados índices de absentismo que hai no centro da Coruña, que situaron no 18%", denuncia a sección sindical da CIG.

Neste senso, a representación da CIG apunta que as causas deste absentismo están nas propias condicións laborais, as cargas de traballo e os obxectivos inasumíbeis que impón a empresa, que inciden directamente na saúde dos traballadores e as traballadoras, "tal e como queda reflectido na avaliación de riscos psicosiciais". "En marzo pedímoslle a nova responsábel  de Recursos Humanos que lera o informe e volvémosllo solicitar en xuño, pero até o momento ninguén revisou o que alí se di. Atento limítase a negar a relación entre riscos psicosociais e absentismo e seguen a negar a responsabilidade da empresa sobre esta cuestión" critican.

Chamada a secundar a folga masivamente

Diante disto, a sección sindical da CIG fai un chamado a todas as traballadoras e traballadores de Atento na Coruña a secundar de xeito masivo a folga de 24 horas do vindeiro luns e demostrarlle a empresa "que non imos parar até que atendan as nosas reivindicacións".