O comité do Centro Tecnolóxico AIMEN do Porriño, integrado por 13 representantes da CIG, vén de asinar co dirección o primeiro convenio colectivo de empresa, que mellora substancialmente as condicións laborais do convenio de Oficinas e Despachos. O acordo, que incorpora entre outras cousas a compensación dos festivos que cadran en sábado, foi posíbel tras o proceso negociador aberto en 2025 a raíz das mobilizacións protagonizadas polo cadro de persoal.
Segundo explican dende a representación da central sindical da compañía, o convenio ten unha duración de tres anos (2026-2028) e incorpora cláusula de ultraactividade, un sistema de clasificación profesional propio e a regularización da estrutura das categorías profesionais, ao tempo que clarifica os complementos.
O acordo incorpora melloras sociais como a compensación dos festivos que coinciden en sábado
Tamén se incorporan promocións e o compromiso de realizar un plan de carreira profesional, con subas automáticas por tempo de experiencia na empresa (como pasar de oficial de 2ª a oficial de 1ª e de junior a mid, así como un máximo dun ano para a categoría de auxiliar).
Establécense ademais táboas salariais claras e unha suba do salario base en todas as categorías por riba do convenio de Oficinas e Despachos, no que estaba enmarcado o persoal. A actualización salarial anual en todos os conceptos: 2026, cambio estrutura salarial; 2027, 3.5%; 2028, 4.25%. O mínimo garantidos en 2026 será do 1.25%, en 2027 do 2%, e en 2028 do 2.75%. E durante a ultraactividade será do 3.5%. Ao que hai que sumarlle o pago único do IPC do 2025. A cláusula de ultraactividade inclúe unha suba salarial anual (do 2029 en diante) do IPC real, cun tope do 4%
A maiores, limítase a contratación por ETT e incorpóranse melloras sociais como a compensación dos festivos que coinciden en sábado, libranza o día 5 de xaneiro, permisos para persoas convivintes ademais de familiares e envío do calendario laboral antes do 31 decembro. E fíxanse medidas organizativas ante alertas meteorolóxicas e fenómenos meteorolóxicos adversos (inclúe permiso retribuído por imposibilidade de desprazamento e medidas tipo teletraballo para quen non o ten, adaptación horaria, retraso na incorporación/saída anticipada).
Finalmente, dende o comité de empresa de AIMEN trasládanlle o seu agradecemento a todas as persoas traballadoras que se mobilizaron nas diferentes protestas convocadas, “pois sen a súa loita e determinación non se tería logrado un convenio propio que mellora as condicións laborais do conxunto do cadro de persoal”.