Asínase o convenio colectivo de carpintería e ebanistería da Coruña que actualiza salarios e regula o sector

Estaba caducado dende 2014 e bloqueado pola desidia patronal

A Coruña -

Despois dunha intensísima campaña reivindicativa da Federación de Construción e Madeira da CIG, por fin, tras catro de parálise, acábase de asinar o convenio colectivo de carpintería e ebanistería da provincia da Coruña. O novo marco normativo, cunha vixencia até o ano 2019, permite combater a desregulación e o incremento da inestabilidade que se estaba a producir neste sector, precisamente pola falta de convenio.

No aspecto económico, o convenio recolle incrementos salariais do 1.5% para os anos 2014, 2015 e 2016 e un 1.5% máis cada ano até 2019, con cláusula de revisión ao IPC +0.5%. Isto permitirá actualizar os salarios e recuperar o poder adquisitivo perdido polos traballadores e traballadoras do sector nos últimos anos.

Campaña contra a parálise da patronal

Dende a FCM-CIG entendíase que a situación de parálise na negociación colectiva era consecuencia directa do desmantelamento da patronal AECEC, "incapaz sequera de reunirse para acordar o calendario laboral". Por iso, a finais do pasado ano, a central sindical iniciou unha campaña con repartos informativos nos centros de traballo, mobilizacións e o envío de cartas á patronal e ás empresas do sector, instándoas a sentar a negociar un novo texto que permitira actualizar os salarios e rematar coa inestabilidade laboral no sector.

Froito desa iniciativa sindical conseguise abrir unha mesa de negociación que cristalizou na sinatura do novo convenio colectivo, "que tería sido moito máis ambicioso de non ser porque a súa propia existencia estaba en perigo", matizan.

Arredor de 1.600 traballadores/as

O convenio de carpintería e ebanistería da provincia da Coruña afecta a 1.600 traballadores e a uns 200 centros de traballo, "ao que se sumamos toda a actividade relacionada que xera (rematantes e serradoiros, instaladores...), a madeira ocupa na provincia a algo máis de 500 empresas que contan cuns 2.800 empregados/as", apuntan dende a FCM-CIG.

Volver