Asínanse en Galiza 75.688 contratos pero o desemprego só descendeu en 3.104 persoas no mes de marzo

A CIG alerta da consolidación da precariedade laboral e do empobrecemento masivo
Nacional - 03 Abr 2018

Tal e como a CIG viña advertindo, os datos de paro rexistrado do mes de marzo constatan o medre e consolidación da precariedade e da temporalidade en Galiza. Tal é así que ao remate do mes asináranse un total de 75.688 contratos, 6.488 máis que no mes anterior, pero o paro rexistrado só descendeu en 3.104 persoas. De feito, do total de contratos asinados, 67.667 foron temporais. Un descenso en todo caso estacional e vinculado as contratacións da Semana Santa que posibilitou que en Galiza se rexistrara un 1,65% de persoas desempregadas menos que no mes anterior (3.104 en termos absolutos).

Se ben tradicionalmente no mes de marzo se produce un descenso do desemprego, que a Semana Santa coincidira nestas datas favoreceu que este ano o descenso fora maior que no anterior, cando o desemprego se reducira nun 0.88%.

Proba de que a Semana Santa marca a diferenza con respecto a anos anteriores, é que o maior descenso de parados/as se produce no sector Servizos, concretamente un 2,27% de persoas desempregadas menos cando no ano 2017, neste mes, tan so se reducira un 0,2% os parados e paradas neste sector.

Porén este efecto, que globalmente favorece os datos, non debe agochar a realidade dos outros sectores que tiveron un comportamento moito máis desfavorable que no ano 2017 neste mes, nomeadamente o da Construción, no que o ano pasado o desemprego descendera un 3,78%, e neste ano tan so un 0,54%.

A evolución no sector de Industria foi semellante e mentres no mes de marzo deste ano se rexistraron un 0,13% persoas desempregadas menos, en 2017 o descenso fora dun 2,88%.

Temporalidade e precariedade

A temporalidade na contratación é outro indicador da conxunturalidade destes datos, xa que tan só o 10,5% dos contratos rexistrados foi baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.

Esta elevada temporalidade na contratación, xunto a alta rotación leva a que cada mes menos persoas paradas teñen dereito a percibir algunha prestación por desemprego, de feito segundo o último dato publicado tan so o 50% dos/as desempregados/as cobran algún tipo de prestación.

Recuperación de dereitos

Diante desta situación que o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, cualifica de “alarmante” a CIG desenvolveu durante todos estes meses unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos que parte da necesidade de que se derroguen as reformas impostas tanto polo PSOE, no seu momento, como polo PP.

Reformas laborais e da negociación colectiva que Cartelle denuncia que o único que fixeron foi “facilitar que as empresas rebaixen os salarios e que se multipliquen os contratos a tempo parcial e temporal, consolidando así un mercado laboral precarizado e unha caída agudizada das cotizacións”.

O secretario confederal de Emprego denuncia a perda de dereitos laborais, salariais e sociais que isto supuxo para a clase traballadora galega. Unha situación que “non só aboca á pobreza ás traballadoras e traballadores agora senón que pon en cuestión o seu futuro” advirte.

Neste sentido alerta da merma tanto dos ingresos actuais das arcas da Seguridade Social, como das posibilidades de acceder a unha pensión digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo. E salienta que en 2011, cun número similar de cotizantes ao de 2017, a Seguridade Social obtivo 2.300 millóns de euros de superávit. Porén, no 2017, ingresáronse 8.900 millóns de euros menos.

Á exixencia de que se derroguen as reformas laborais e da negociación colectiva, Fran Cartelle engade a necesidade imperiosa de que se derroguen tamén as reformas das pensións. Por iso fai un chamamento a participar nas mobilizacións que a CIG ten convocadas para o vindeiro día 15 de marzo en toda Galiza en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos un salarios e unhas pensións dignas.