Asinado o primeiro convenio de Comercio Vario da provincia de Pontevedra

Supón dignificar as condicións de miles de traballadoras, de sectores moi feminizados e precarizados
Pontevedra - 11 Out 2022

As federacións de comercio da patronal e as tres centrais sindicais, CIG, CCOO e UGT, asinaron esta mañá o primeiro convenio de comercio vario da provincia de Pontevedra. A secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, manifesta a súa satisfacción porque “desde hai décadas a nosa central sindical perseguiu o sono de poder ter un único convenio de comercio, cousa que só puideramos facer efectiva, até o de agora, na provincia da Coruña”.

Fernández explica que a patronal de Pontevedra, “negouse durante moitos anos a sentarse a negociar un convenio para case todos os sectores a excepción de alimentación e froitas”. Sinala que, porén, antes da pandemia o Consello Galego de Relacións Laborais conseguiu sentar á maioría das patronais de comercio para poder constituír a mesa de negociación. Mais apunta que “lamentabelmente os sectores de comercio metal, materiais de construción e móbeis non quixeron participar nel, facendo posíbel o acordo cos sectores de téxtil polo miúdo, maioristas, comercio da pel e comercio bazares”. Convenios para os que, no caso de bazares, non había patronal e estaba conxelado desde o 2012, “quedando as traballadoras deste sector totalmente desprotexidas”.

Dignificación das condicións laborais

Para a secretaria nacional de CIG-Servizos, asinar este convenio -que terá a súa vixencia desde o 2022 ate o 2024- “significa dignificar as condicións de miles de traballadoras, de sectores moi feminizados e precarizados, cos incrementos pactados ao longo do convenio de case o 14,7%, con revisión salarial e mantendo 4 pagas extraordinarias”.

Isto xunto a melloras como o 100% en caso de calquera IT, promocións profesionais automáticas, axudas escolares ou excedencias especiais por cargo de fillos/as, ademais de que o período de lactación será ate que o fillo/a teña 12 meses e acumulación en 23 días.

Para Fernández o maior avance dentro da contratación é que os tempos parciais están acotados, é dicir, “só teñen un mínimo de 27 horas e máximo 30 horas á semana, e limitando esta contratación nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras establécese como obrigatorio, dentro dos seus cadros de persoal, que non poderá haber máis dun 25% de contratos a tempo parcial”.

Con esta regulación, afirma a secretaria nacional de CIG-Servizos, “evitaremos o desmadre que estamos tendo neste tipo de sectores, onde chegan a ter cadros de persoal case enteiros con este modelo”.

Transi Fernández recoñece que desde a federación a negociación foi difícil mais ao tempo recoñece que os interlocutores, pola parte económica: a patronal do pequeno comercio, “foi quen de entender as nosas reivindicacións e tentar mellorar un sector que da moito traballo indefinido, sobre todo nas pequenas tendas”.

A secretaria nacional de CIG-Servizos anima a seguir loitando por engadir máis sectores do comercio “para que teñan estas mesmas condicións e dignificar con mellores condicións salariais e sociais este sector”.